Publicado a listaxe provisional de admitidos ao sorteo da promoción Real, 13

 Vigo, 12 de xullo do 2023.- O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) fixo público hoxe a listaxe provisional de admitidos no concurso de adxudicación das catro vivendas que forman parte da promoción Real, 13 impulsada polo Consorcio Casco Vello de Vigo. Do total de setenta solicitudes presentadas admitíronse 62 abríndose a partir de hoxe un prazo de sete días hábiles para a presentación de alegacións por parte dos candidatos non admitidos.  

A listaxe completa de admitidos e non admitidos pode ser consultado na seguinte ligazón: P09-VC-0004/21 

Nova exposición na sede de Évame Oroza no Casco Vello Alto

Vigo, 30 de xuño do 2023.- O local qaue a asociación Évame Oroza ten na zona alta do Casco Vello de Vigo, en Subida á Costa, 5, acollerá a partir do próximo luns a exposición da obra do artista arxentino Rubén Borré. Esta mostra compartirá espazo coa de Xavier Magalhaes que se desenvolve no mesmo local desde hai uns días xa que o artista galego, ao que une unha prolongada amizade con Borré, cedeu a primeira planta do local de Évame Oroza para a exposición temporal da obra do pintor arxentino.

A exposición conxunta será presentada ao público nun acto que se desenvolverá o luns 3, a partir das oito da tarde no emprazamento citado.

O PetardBingo celebra hoxe a súa edición máis solidaria

Vigo, 30 de xuño de 2023.-  A coñecida como Praza do Abanico (oficialmente Rúa San Sebastián, 14), en pleno centro do casco vello alta, acollerá esta tarde, a partir das seis e media, unha nova edición do PetardBingo, que nesta ocasión celébrase baixo a denominación de Pride Edition e  ten un dobre carácter reivindicativo -ao sumarse aos actos conmemorativos do Orgullo LGTBIQ+– e  solidario, xa que o importe recadado coa venda dos cartóns destinarase á asociación Xaruma, unha ONG viguesa cuxo obxectivo é a mellora da saúde emocional e mental de persoas con trastornos mentais e o apoio aos seus familiares.

A actividade, que vén desenvolvendo desde o ano 2016 coa única excepción das obrigadas suspensións por mor da pandemia de Covid, conta co respaldo de múltiples patrocinadores, o que permitirá realizar unha serie de divertidos e coloridos sorteos a ton co carácter festivo e solidario que os organizadores, PetardPop e a Asociación Veciñal Casco Vello Alta, imprimiron a este xa clásico acto de animación desta zona da cidade. A partir das seis e media comezarán a actividade nos distintos postos de alimentación instalados na zona, animados coa mellor música, e realizaranse distintos sorteos, previos ao gran bingo solidario, sen dúbida a estrela desta actividade.

O Consello de Administración do CCVV aproba as contas anuais do exercicio 2022

Sede do Consorcio Casco Vello de Vigo. Foto Alex Fernández Photography

Vigo, 29 de xuño de 2023.- O Consello de Administración do Consorcio Casco Vello de Vigo, reunido por primeira vez baixo a presidencia de Ana Ortiz Alvarez tras a súa recente designación como delegada da Xunta de Galicia en Vigo, aprobou as súas contas anuais correspondentes ao exercicio 2022. As mesmas, de acordo con as disposicións legais relativas á confección deste tipo de documentos, contan co informe favorable da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e poderán consultarse no apartado de Transparencia desta mesma páxina a partir de mañá.

Comeza o proceso de selección para adxudicar as catro vivendas de Real, 13

Foto: Álex Fernández Photography

Vigo, 15 de xuño do 2023.-  O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) fixo público hoxe a resolución que pon en marcha o proceso de selección de adxudicatarios das catro vivendas comprendidas na promoción do Consorcio do Casco Vello de Vigo (CCVV) Real, 13 (Expediente PO9-VC-0004/21). Para iso este organismo inicia un prazo de quince días hábiles, contados desde o seguinte á última publicación desta resolución, para que todas aquelas persoas interesadas e que se atopen neste momento inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia poidan solicitar a súa inclusión neste procedemento de compra. Esta inclusión formalizarase nun formulario cuxo modelo se inclúe na citada resolución e que tamén pode descargarse na seguinte ligazón: FORMULARIO MODELO

As catro novas residencias, todas elas dun dormitorio, promovidas polo CCVV en Real, 13 teñen a categoría de Vivenda Protexida de Promoción Privada Autonómica de Réxime Concertado. Unha vez finalizado o prazo de presentación de candidaturas, e tras as oportunas revisións da documentación achegada, o IGVS fixará unha data para a celebración do sorteo no que se establecerá a orde de adxudicación.

A resolución hoxe publicada inclúe as dimensións finais de cada unha das vivendas unha vez rematadas así como os seus prezo de adxudicación, que quedaron establecidas da seguinte forma:

Vivenda Aplanta 1     59,59 m²…. 105.000,00 €

Vivenda B planta 2     59,59 m²…. 105,712,66 €

Vivenda Cplanta 3     62,41 m²…. 110,715,34 €

Vivenda Dplanta 4     62,41 m²…. 110.715,34 €

Évame Oroza inaugura unha exposición do pintor Xavier Magalhäes

Vigo, 13 de xuño do 2023,. A asociación cultural Évame Oroza inaugura esta tarde, na súa sede da rúa Subida á Costa 5,a partir das oito da tarde, unha exposición dedicada ao pintor Xavier Magalhäes dentro do seu programa de actividades posto en marcha tras a recente instalación no seu novo local do Casco Vello de Vigo. Como parte integrante desta inauguración terá lugar, ademais, a presentación do libro de poemas Fenómeno Fan, da poetisa Clara Piñeiro, que se inspira na obra gráfica da exposición.

Esta mesma asociación, colaboradora de moitas das actividades de animación que se desenvolven na zona vella de Vigo, organiza o vindeiro venres, a partir das 18.30 horas, un acto da Fundación Igual Arte, que presentará a perfomance teatral Melide, inspirada na novela homónima de Reka Refojos,

 

 

A posibilidade de optar ás catro vivendas de Real 13 a piques de acabarse

Vigo, 12 de xuño do 2023.-  Se estás interesado en residir no Casco Vello non dejés pasar a ocasión de participar no sorteo que adxudicará as catro vivendas que o Consorcio Casco Vello de Vigo promove no número 13 da rúa Real. Para iso tes que estar rexistrado – se non o estás debes facelo de inmediato, antes de que o Instituto Galego de Vivenda e Solo faga pública a convocatoria oficial, prevista para os próximos días -no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia, ben presencialmente nas oficinas da Xunta de Galicia ou por vía telemática a través da páxina web do citado organismo. En calquera destes casos as seguintes ligazóns ofrécenche toda a información sobre o proceso para seguir e a documentación para achegar.

 

Ligazón 1: como inscribirse no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda

Ligazón 2: proceso para a adxudicación de vivendas promovidas polo CCVV

As grandes ventás cara á rúa Real son elementos distintivos do edificio.

Ligazón 3: Ficha técnica e visita virtual do edificio

 

As catro vivendas que se adxudicarán en Real, 13, teñen unha superficie aproximada de 60 metros cadrados cada unha e os prezos establecido para cada unha delas quedaron fixados así:

VIVENDA A       PLANTA PRIMEIRA        105.000 €

VIVENDA B       PLANTA SEGUNDA       105.712,66 €

VIVENDA C       PLANTA TERCEIRA         110.715,34 €

VIVENDA D       PLANTA CUARTA          110.155,34 €

 

Ubicación

A promoción Real, 13 permitirá recuperar un dos maiores edificios construídos no centro do barrio histórico vigués, levantado sobre un solar de 116 metros cadrados cunha fronte de fachada cara á rúa Real de 10,24 metros. Foi adquirido por o CCVV en decembro de 2019 e a súa rehabilitación supuxo un investimento de 605.150,50. €. A execución das obras adxudicouse en novembro de 2021 á empresa Prace Servizos e Obras S.A. O proxecto de rehabilitación, que inclúe ademais a creación dun local comercial na planta baixa, foi elaborado por Rodríguez e Rivoira Arquitectos e recolle como un dos seus elementos distintivos a conservación na fachada de pedra das grandes ventás que caracterizan ao edificio. Trátase dunha das maiores rehabilitacións dun edificio situado na zona baixa do Casco Vello de Vigo realizada nos últimos anos, cunha situación excelente ao estar moi próxima a puntos de interese como a praza do Berbés, a concatedral, A Laxe ou a praza da Constitución.

 

A zona alta do Casco Vello acolle o sábado unha nova edición da Verbena Market

A popularmente coñecida como praza do Abanico acollerá boa parte das actividades.

Vigo, 8 de xuño do 2023.-  O Casco Vello de Vigo, en concreto a contorna da rúa San Sebastián e a praza do Abanico, na zona alta do barrio, acollerán o próximo  sábado 10 , entre as doce da mañá e as oito da tarde, unha nova edición do Verbena Market, o seu mercadillo itinerante de arte, deseño e artesanía que pretende contribuír á dinamización do barrio e á difusión de pequenas marcas e artesáns.

Organizada en colaboración entre a Asociación Cultural Barrio Alto do Casco Vello e a Asociación Évame-Oroza está previsto que nesta nova edición participen un total de 20 marcas e artesáns de distintas ramas do deseño e a moda, que instalarán os seus postos nas rúas citadas.

A actividade máis comercial compleméntase ademais cun programa de actividades de animación. Estás comezarán ás 12,30 co contacontos Nerón, ou canciño que roda por Vigo” da man de Francesca López d’a Silva que actuará na planta superior de a  Asociación Évame-Oroza, situada na praza do Abánico. Á súa conclusión poderase participar nunha sesión vermú de pop e rock dos anos 90.

Xa pola tarde o programa de actividades continúa con Pauliña Fronkonstine , que na praza do Abánico, e a partir das catro, ofrecerá o seu Tarot espectáculo. Ás cinco terá lugar na Asociación Évame-Oroza un taller de cómic a cargo de María Vilar e  Iago Araujo, da escola Kame. Para estas dúas actividades é necesario anotarse previamente a través dos correos [email protected] e [email protected]. A actuación en acústico de Paul Clarke, a partir das cinco e media poñerá fin a este evento.

 

O investimento de 665.000 euros permitirá concluir seis vivendas en Elduayen

Aspecto que ofrecerá o novo edificio cara á rúa Elduayen.

Vigo, 11 de maio do 2023.- O Comité Executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo, en reunión celebrada esta mañá, adxudicou o contrato de execución das obras da súa promoción Elduayen 31 á empresa Civis Global, por un importe de euros. 664.912,32 € (ive incluído).

A finalización desta promoción permitirá poñer ao dispor dos interesados en residir nesta zona da cidade un total de seis vivendas de distinta tipoloxía e ademáis un local comercial. O edificio resultante desta intervención, cuxo deseño corresponde á arquitecta Mirian Liboreiro Amaro, estará distribuído en dous bloques comunicados interiormente entre se e que compartirán espazos de servizos comúns (cuartos de limpeza, eléctricos, cuartos de contadores …). Terá accesos tanto pola citada rúa Elduayen como pola de Ferrería. O bloque orientado á primeira das vías citadas albergará o local comercial e catro vivendas de dous dormitorios, cunha superficie aproximada de 60 metros cadrados útiles cada unha delas. As dúas vivendas orientadas cara á rúa Ferrería son de tipo dúplex, contan con tres dormitorios e unha superficie de 90 metros cadrados útiles nun dos casos e 106 no outro.

A nova construción conta ademais con catro rochos para as vivendas de menor tamaño. As obras, que se prolongarán ata o próximo ano, realizaranse sobre un solar irregular de 182,64 metros cadrados cunha diferenza de cota entre Elduayen e Ferrería de case dez metros. Así, o edificio terá unha fachada de cinco alturas cara á primeira rúa en tanto que na segunda serán tan só tres.

 

 

 

 

Kame: a arte mais nova chega ao Casco Vello

Os responsables de Kame, na fachada das súas novas instalacións.

Considerado ata non fai moito como unha afección menor o Cómic é xa recoñecido hoxe en día como unha especialidade artística plena. E como toda arte que se prece a súa práctica baséase no dominio dunhas técnicas básicas -entre as que o díbujo é, obviamente, a fundamental- . Sobre esta premisa dous apaixonados do deseño gráfico en exercicio –Iago Araujo e María Vilar– decidiron fai xa trece anos compatibilizar o seu traballo coa formación daqueles interesados nesta forma de expresión. Naceu así a súa academia de cómic, que renombrada agora como KAME, acaba de abrir as súas novas instalacións en Abeleira Menéndez 26, no Casco Vello de Vigo.

A súa formulación é sinxela. A debuxar apréndese debuxando. Debuxando moito e co tesón dun Leonardo, cuxo lema, ostinato rigore, non dubidan en sinalar como exemplo da actitude coa que os seus alumnos deben acometer a súa formación. “Non nos importan”, sinalan, “nin o nivel de coñecementos nin a preparación previa; para nós o realmente importante son as ganas de aprender e a dedicación do alumno”. Para maximizar esta aprendizaxe Kame ofrece unha formación individualizada en grupos reducidos, con máximos de dez alumnos. Non hai un temario único senón que se busca a flexibilidade do mesmo para favorecer a consecución das metas dos estudantes -de calquera idade- e que estes aprendan divertíndose.

Ademáis, e como este mundo do cómic está cheo de auténticos apaixonados, os responsables desta nova iniciativa no Casco Vello aspiran a que o seu local convértase nun punto de referencia para todos eles para o que dispoñen dunha variada biblioteca de títulos destacados do cómic e ofrécense para orientar a todos aqueles que desexan converter a súa afección nunha opción profesional. E fanlo ademáis sen banderismo nin preferencia por algún dos múltiples estilos nos que se desenvolveu o cómic, porque o que realmente lles interesa é a difusión e o goce desta nova arte.

Esplendor entre as pedras

Nuria, Uxía e Antía, as tres socias de “Las Flores de Greta”.

A necesidade vital e común de facer algo efectivo para conseguir un mundo máis sostible foi o que fai cinco anos uniu ás irmás Nuria e Uxía e á súa amiga Antía a crear a súa empresa “Las flores de Greta”. O punto de partida foi o descubrimento nuns talleres de artesanía da técnica do ecoprint -a impresión sobre tecidos naturais como algodón ou seda de flores, follas e outros elementos vexetais-. Desde entón, a base de moito traballo de campo -nunca mellor dito porque unha boa parte da súa materia prima obtéñena elas mesmas pateando os bosques próximos a Morgandans, onde iniciaron a súa actividade e onde teñen o seu taller-, de moitas probas e de moita experimentación conseguiron converter a súa aspiración no seu medio de vida.

E case coincidindo con ese quinto aniversario “Las flores de Greta” deu un paso adiante e establecio o seu novo establecemento no Casco Vello de Vigo, en concreto no número 11 da rúa Abeleira Menéndez. As tres socias souberon da convocatoria do concurso de alugueiros do Consorcio e coa mesma meticulosidade e constancia coa que colleitan follas, froitos e outros elementos vexetáis percorreron a vintena de locais que se ofertaban. Polo que puidese pasar presentaron a súa solicitude para cinco pero sabendo que Abeleira 11, pola súa situación, distribución, tamaño e o feito de contar cun pequeno patio traseiro era o local ideal para a súa formulación. Tras a adxudicación veu o longo proceso de reacondicionamiento -realizado polos seus propios medios coa axuda de familiares e amigos- e tras unha profunda limpeza, repintado, cambio do solado e redistribución crearon un espazo de usos múltiples no que ademais de expoñer a súa gama de produtos realizan labores de deseño, xestión e mesmo formación xa que entre os seus proxectos futuros atópase a realización de talleres para difundir a técnica do ecoprint.

 

Vínculos

E a verdade é que, no medio da dureza pétrea do granito maioritariamente empregado nas construcións da rúa Abeleira Menéndez, resulta especialmente relaxante e ata sorprendente, poder gozar da delicadeza dos deseños logrados coa transferencia dos contornos e cores de flores e plantas que, unha vez limpas e fixadas aos seus soportes vexetais, alcanzan un novo e máis prolongado esplendor. Esplendor realzado cando se sabe que detrás dalgúns destes deseños atópanse en moitas ocasiones historias persoais xa que os clientes poden remitir aqueles elementos que por unha ou outra razón desexan preservar: así, explican as responsables de “Las Flores de Greta”, “unha liña de actuación que abrimos pensando básicamente naquelas noivas que querían conservar dalgunha maneira os seus ramos de voda, abriuse a outras moitas formulacións como o dos de galegos residentes fose da comunidade que buscan, a través dunha peza de vestir, reafirmar o vínculo coa súa terra, as celebracións de xubilación e calquera outra na que se desexe materializar a vinculación entre unha persoa e a súa contorna natural”.

“Ladante” Vigo celebra o Dantedi 2023

Vigo, 24 de marzo do 2023.- A “Vida Nova” de Dante será o eixo central do Dantedi, a actividade que “ladante Vigo”, en colaboración con varios organismos públicos, desenvolverá mañá, sábado 25, a partir das sete e media da tarde no Conservatorio Superior de Música de Vigo (rúa Manuel Olivié, 23).

A asociación Dante Alighieri é o organismo encargado da difusión en todo o mundo da cultura e o idioma italiano. O goberno italiano escolleu en 2020 o 25 de marzo como data dedicada á reivindicación do poeta Dante Alighieri, considerado como o pai da cultura e o idioma do país transalpino, por coincidir co inicio da viaxe que o poeta emprende polo Máis aló na “Divina Comedia”, a súa obra máis coñecida.

Na organización do acto que se desenvolverá mañá colaboran o xa citado Conservatorio Superior de Música de Vigo, a Escola Oficial de Idiomas, a Facultade de Filoloxía da USC e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. A través dun espectáculo poético-musical, de produción totalmente galega, profundarase na figura de Dante Aligheiri e a súa primeira obra “Vita Nuova”.

 En Vigo funciona desde hai varios anos un comité da organización Dante Alighieri que recentemente se instalou na rúa Santiago, nun local conseguido a través do concurso de alugueiros de locais comerciais posto en marcha polo Consorcio Casco Vello de Vigo.

Madre Films, no centro da imaxe

Xacobo Sanmartín dirixe a empresa desde a súa creación en 2009.

Ao escoitar a cantidade de tarefas que se realizan en San Sebastián 8 -editar, producir, redactar, contratar, almacenar, motion graphics, xestión de renting, streaming e algunhas cousas máis terminadas en “ing” que a un non nativo dixital xa se lle comezan a escapar- un pode sentir a tentación de buscar a cámara oculta, xa que resulta difícil non pensar que tal relación non pode ser senón unha broma e que de súpeto alguén sairá dalgún recuncho para ensinarche a filmación da cara que se che foi poñendo a medida que a lista continúa ampliándose. Pero tal sensación vén moi pronto abaixo por dúas cuestións. Unha resulta moi evidente: e é que neste local as cámaras e todo o relacionado coa imaxe están á vista desde o mesmo momento en que se accede, que para iso é a sede dunha produtora audiovisual, Madre Films, cunha xa ampla experiencia; e a segunda é que, como indica o seu fundador e máximo responsable, Xacobo Sanmartín, hoxe a tecnoloxía permite que moitas destas tarefas realícense sen apenas necesidade dun contacto persoal directo, polo que contar cun espazo maior non é unha necesidade real.

A esta realidade sumáronse dous feitos: o primeiro que Xacobo é residente nunha rúa moi próxima -o que lle facilita a conciliación da vida familiar e da actividade profesional-; e o segundo que xa coñecía a zona pois durante algún tempo fora usuario de Espacio Nido, un dos primeiros “coworking” que funcionaron en Vigo situado noutro local do CCVV. En definitiva, que cando xurdiu a oportunidade de alugar un dos baixos do Consorcio non dubidou en trasladarse a unha zona na que confesa sentirse “moi cómodo”.

E así, desde hai unhas semanas, Sanmartín e o seu equipo coordinan desde o Casco Vello todo o cúmulo de actividades citadas antes e que son necesarias para que logo, moitas veces en pezas de apenas uns segundos, podamos dispor de imaxes de todo aquilo que ocorre en Galicia. Porque hoxe en día, e tras unha traxectoria iniciada xa hai 14 anos, Madre Films converteuse no delegado en Galicia de Quality Media, unha agrupación de produtoras que proporciona imaxes e contido sobre o que ocorre na nosa comunidade para cadeas como Televisión Española, Antena 3, Mediaset ou Efe.

 

Videos e audiovisuais

E esta non é a súa única liña de traballo, xa que os vídeos corporativos, ou a produción de audiovisuais son outros dos servizos incluído na súa oferta de servizos. Neste último campo realizaron últimamente algúns traballos dos que senten especialmente satisfeitos porque aínda que non tivesen unha gran difusión pública, xa que se trata da cobertura de competicións deportivas para as propias federacións organizadoras, se que requiriron -destaca o director de Madre Films– “un gran traballo de coordinación xa que chegamos a utilizar ata nove cámaras autónomas para captar todos os ángulos posibles da competición”.

E por se todo este pequeno maremagnun non fose suficiente, Xacobo Sanmartín aínda saca tempo para levar a cabo documentais sobre algúns temas que por unha ou outra razón espertan o seu interese. Iso si, sinala, concebidos dunha maneira máis relaxada, como proxectos a longo prazo nos que, sen perder de vista a cuestión económica, pode contar con máis tempo para realizalos dunha forma persoal. A pregunta que vén a continuación é obvia, e cando a resposta que obtés é que o tema que lle ocupa agora é a rehabilitación dunhas salinas ¡¡¡en Menorca!!! , que traballa con imaxes que lle chegan en streaming grazas a colaboradores sen que el teña apenas que desprazarse, un -sobre todo se acumula xa algunhas décadas- non pode senón pensar que realmente o mundo vaise facendo cada vez máis pequeno, que a necesidade dun centro único é cada vez menor e que o importante é ter algo que dicir, porque se é o suficientemente relevante a mensaxe chegará: aínda que sexa desde un pequeno local no Casco Vello de Vigo.

 

 

 

 

 

A cultura italiana gana espazo en Vigo coa nova sede da Sociedade Dante Aligheiri no Casco Vello

Aínda que non son pouca cousa, Italia é algo máis que a pizza, o “gelato” ou as ruínas romanas. Así o entenderon en 1889 o grupo de intelectuais italianos que fundaron a Sociedade Dante Alighieri co obxectivo de «protexer e difundir a lingua e a cultura italiana no mundo e nutrir entre os estranxeiros o amor e o culto á civilización italiana». Desde entón a asociación expandiuse por todo o mundo a través dos denominados comités, organizacións independentes pero que se apoian nas directivas do seu matriz. Xa son máis de 500 distribuídos por todo o mundo e desde fai tres anos uno deles funciona en Vigo, desenvolvendo un meritorio esforzo por parte dos seus 90 socios – maioritariamente non italianos- para alcanzar o seu obxectivo.

A asociación conta xa cun amplo historial de actividades.

Con todo, para dar maior impulso á súa actividade atopábanse cun problema: a falta dun local adecuado, cuestión que agora consideran superada ao acceder ao alugueiro do un dos baixos da promoción impulsada polo Consorcio Casco Vello de Vigo na rúa Santiago 15. “Aquí”, sinala a presidenta do Comité, Daniela Sarraíno, ”será máis fácil e asumible levar a cabo as nosas actividades e os socios dispoñerán dun punto de encontro cómodo para as nosas reunións ou para a lectura do fondo bibliográfico en italiano do que dispoñemos”. “Ademais, -continúa- “o apoio á difusión do italiano xa sexa nas nosas clases ou noutros centros, pero sempre a través dunha formación regrada e oficial, é unha parte importante do noso labor e o dispoñer dunha sede permanente abriranos as portas a programas de apoio de organismos públicos italianos para poder, por exemplo, contar con estudantes de filoloxía que desexen realizar prácticas como profesores fóra de Italia”.

 

PLIDA

Daniela Sarraíno insiste ademais na importancia que supón, para Galicia en xeral e para Vigo en particular, o contar cunha sede da Sociedade Dante Aligheiri, xa que, en colaboración coa Escola Oficial de Idiomas, isto permite evitar desprazamentos para a realización dos exames PLIDA (Proxecto Lingua Italiana Dante Aligheiri), a única certificación con validez internacional de coñecemento do italiano.

A verdade é que parece difícil de entender como cos aparentemente poucos medios dos que dispón a asociación fose capaz de acometer un número tan amplo de actividades: concertos, recitais de poesía, presentacións de libros, xornadas de gastronomía e semanas de cinema figuran xa o seu historial. Sen dúbida inflúen niso a súa demostrada capacidade para lograr a colaboración de organismos públicos tanto locais como estatais e a entrega dos seus socios. E como para demostrar que aínda quedan forzas máis que suficientes a presidenta do comité vigués anuncia xa a posta en marcha de dúas novas iniciativas. A primeira, o 25 de marzo, será a celebración do Dia de Dante, que este ano se centrará na súa obra “A Vita Nuova”. A segunda, unha nova edición da semana do cinema italiano, que terá lugar en novembro.

 

Coñoce aos novos emprendedores do Casco Vello

A finais de 2022, e como resultado dun concurso de adxudicación de locais comerciais en alugueiro organizado polo CCVV , puxéronse en marcha vinte iniciativas empresariais e sociais que aos poucos van iniciando a súa actividade no Casco Vello. Nesta pagina, e a través das correspondentes ligazóns, poderás ilas coñecendo.

1. A aposta de Abella Producións pola xestión cultural desde el Casco Vello   (Abeleira Menéndez, 16)

2. De o estrés a Sukha       (San Sebastián, 6)

3. Espacio Alas, por qué camiñar solo?   (San Sebastián, 26)

4. Vig Arquitectura, “facer cidade como obxectivo”  (Ferrería, 12)

5. Madre Films, no centro da imaxe   (San Sebastián, 8)

6. A cultura italiana gana espazo en Vigo coa nova sede da Sociedade Dante Aligheiri no Casco Vello (Santiago, 15)

7. Esplendor entre as pedras  “Las flores de Greta”  (Abeleira Menéndez, 11)

8.- Kame: a arte mais nova chega ao Casco Vello  (Abeleira Menéndez, 26)

9.- “Magia en la Manga”, a primeira escola de maxia de Galicia, abre as suas portas no Casco Vello  (Ferrería, 11)