Esplendor entre as pedras

Nuria, Uxía e Antía, as tres socias de “Las Flores de Greta”.

A necesidade vital e común de facer algo efectivo para conseguir un mundo máis sostible foi o que fai cinco anos uniu ás irmás Nuria e Uxía e á súa amiga Antía a crear a súa empresa “Las flores de Greta”. O punto de partida foi o descubrimento nuns talleres de artesanía da técnica do ecoprint -a impresión sobre tecidos naturais como algodón ou seda de flores, follas e outros elementos vexetais-. Desde entón, a base de moito traballo de campo -nunca mellor dito porque unha boa parte da súa materia prima obtéñena elas mesmas pateando os bosques próximos a Morgandans, onde iniciaron a súa actividade e onde teñen o seu taller-, de moitas probas e de moita experimentación conseguiron converter a súa aspiración no seu medio de vida.

E case coincidindo con ese quinto aniversario “Las flores de Greta” deu un paso adiante e establecio o seu novo establecemento no Casco Vello de Vigo, en concreto no número 11 da rúa Abeleira Menéndez. As tres socias souberon da convocatoria do concurso de alugueiros do Consorcio e coa mesma meticulosidade e constancia coa que colleitan follas, froitos e outros elementos vexetáis percorreron a vintena de locais que se ofertaban. Polo que puidese pasar presentaron a súa solicitude para cinco pero sabendo que Abeleira 11, pola súa situación, distribución, tamaño e o feito de contar cun pequeno patio traseiro era o local ideal para a súa formulación. Tras a adxudicación veu o longo proceso de reacondicionamiento -realizado polos seus propios medios coa axuda de familiares e amigos- e tras unha profunda limpeza, repintado, cambio do solado e redistribución crearon un espazo de usos múltiples no que ademais de expoñer a súa gama de produtos realizan labores de deseño, xestión e mesmo formación xa que entre os seus proxectos futuros atópase a realización de talleres para difundir a técnica do ecoprint.

 

Vínculos

E a verdade é que, no medio da dureza pétrea do granito maioritariamente empregado nas construcións da rúa Abeleira Menéndez, resulta especialmente relaxante e ata sorprendente, poder gozar da delicadeza dos deseños logrados coa transferencia dos contornos e cores de flores e plantas que, unha vez limpas e fixadas aos seus soportes vexetais, alcanzan un novo e máis prolongado esplendor. Esplendor realzado cando se sabe que detrás dalgúns destes deseños atópanse en moitas ocasiones historias persoais xa que os clientes poden remitir aqueles elementos que por unha ou outra razón desexan preservar: así, explican as responsables de “Las Flores de Greta”, “unha liña de actuación que abrimos pensando básicamente naquelas noivas que querían conservar dalgunha maneira os seus ramos de voda, abriuse a outras moitas formulacións como o dos de galegos residentes fose da comunidade que buscan, a través dunha peza de vestir, reafirmar o vínculo coa súa terra, as celebracións de xubilación e calquera outra na que se desexe materializar a vinculación entre unha persoa e a súa contorna natural”.

O novo Casco Vello de Vigo

Facebook

Twitter