Madre Films, no centro da imaxe

Xacobo Sanmartín dirixe a empresa desde a súa creación en 2009.

Ao escoitar a cantidade de tarefas que se realizan en San Sebastián 8 -editar, producir, redactar, contratar, almacenar, motion graphics, xestión de renting, streaming e algunhas cousas máis terminadas en “ing” que a un non nativo dixital xa se lle comezan a escapar- un pode sentir a tentación de buscar a cámara oculta, xa que resulta difícil non pensar que tal relación non pode ser senón unha broma e que de súpeto alguén sairá dalgún recuncho para ensinarche a filmación da cara que se che foi poñendo a medida que a lista continúa ampliándose. Pero tal sensación vén moi pronto abaixo por dúas cuestións. Unha resulta moi evidente: e é que neste local as cámaras e todo o relacionado coa imaxe están á vista desde o mesmo momento en que se accede, que para iso é a sede dunha produtora audiovisual, Madre Films, cunha xa ampla experiencia; e a segunda é que, como indica o seu fundador e máximo responsable, Xacobo Sanmartín, hoxe a tecnoloxía permite que moitas destas tarefas realícense sen apenas necesidade dun contacto persoal directo, polo que contar cun espazo maior non é unha necesidade real.

A esta realidade sumáronse dous feitos: o primeiro que Xacobo é residente nunha rúa moi próxima -o que lle facilita a conciliación da vida familiar e da actividade profesional-; e o segundo que xa coñecía a zona pois durante algún tempo fora usuario de Espacio Nido, un dos primeiros “coworking” que funcionaron en Vigo situado noutro local do CCVV. En definitiva, que cando xurdiu a oportunidade de alugar un dos baixos do Consorcio non dubidou en trasladarse a unha zona na que confesa sentirse “moi cómodo”.

E así, desde hai unhas semanas, Sanmartín e o seu equipo coordinan desde o Casco Vello todo o cúmulo de actividades citadas antes e que son necesarias para que logo, moitas veces en pezas de apenas uns segundos, podamos dispor de imaxes de todo aquilo que ocorre en Galicia. Porque hoxe en día, e tras unha traxectoria iniciada xa hai 14 anos, Madre Films converteuse no delegado en Galicia de Quality Media, unha agrupación de produtoras que proporciona imaxes e contido sobre o que ocorre na nosa comunidade para cadeas como Televisión Española, Antena 3, Mediaset ou Efe.

 

Videos e audiovisuais

E esta non é a súa única liña de traballo, xa que os vídeos corporativos, ou a produción de audiovisuais son outros dos servizos incluído na súa oferta de servizos. Neste último campo realizaron últimamente algúns traballos dos que senten especialmente satisfeitos porque aínda que non tivesen unha gran difusión pública, xa que se trata da cobertura de competicións deportivas para as propias federacións organizadoras, se que requiriron -destaca o director de Madre Films– “un gran traballo de coordinación xa que chegamos a utilizar ata nove cámaras autónomas para captar todos os ángulos posibles da competición”.

E por se todo este pequeno maremagnun non fose suficiente, Xacobo Sanmartín aínda saca tempo para levar a cabo documentais sobre algúns temas que por unha ou outra razón espertan o seu interese. Iso si, sinala, concebidos dunha maneira máis relaxada, como proxectos a longo prazo nos que, sen perder de vista a cuestión económica, pode contar con máis tempo para realizalos dunha forma persoal. A pregunta que vén a continuación é obvia, e cando a resposta que obtés é que o tema que lle ocupa agora é a rehabilitación dunhas salinas ¡¡¡en Menorca!!! , que traballa con imaxes que lle chegan en streaming grazas a colaboradores sen que el teña apenas que desprazarse, un -sobre todo se acumula xa algunhas décadas- non pode senón pensar que realmente o mundo vaise facendo cada vez máis pequeno, que a necesidade dun centro único é cada vez menor e que o importante é ter algo que dicir, porque se é o suficientemente relevante a mensaxe chegará: aínda que sexa desde un pequeno local no Casco Vello de Vigo.

 

 

 

 

 

O novo Casco Vello de Vigo

Facebook

Twitter