CAPÍTULO I
ORGANIZACIÓN

Artigo 10. Órganos

A estrutura organizativa do Consorcio constitúena os seguintes órganos:

a) Presidencia do Consorcio.

b) Vicepresidencia.

c) Consello de Administración.

d) Comité Executivo.

e) Xerencia.

Publicado en Sen categorizar

De acordo con os Estatutos do Consorcio Casco Vello de Vigo, modificados pola ORDE do 20 de decembro de 2012 da Xunta de Galicia, a estrutura organizativa do CCVV é a seguinte:

 

Artigo 10. Órganos

A estrutura organizativa do Consorcio constitúena os seguintes órganos:

a) Presidencia do Consorcio.

b) Vicepresidencia.

c) Consello de Administración.

d) Comité Executivo.

e) Xerencia.

 

Artigo 11. Designación

1. A Presidencia do Consorcio será exercida pola persoa titular da consellería con competencias en materia de vivenda, podendo este nomear a outra persoa para desempeñar o cargo que, en todo caso, debe recaer nun membro do consello.

2. Desempeñará a vicepresidencia un membro do consello en representación do Concello de Vigo.

Artigo 12. Atribucións da Presidencia

Correspóndenlle á Presidencia do Consorcio as seguintes atribucións:

a) Exercer a representación legal e institucional do Consorcio ante calquera entidade e institución de dereito público ou privado, así como persoa física ou xurídica e conferir as autorizacións de representación necesarias.

b) Presidir as reunións do Consello de Administración, ordenar a convocatoria das súas sesións, fixar a orde do día e dirixir as deliberacións.

c) Velar polo exacto cumprimento dos preceptos dos estatutos, dos acordos adoptados polo Consello de Administración e, en xeral, das normas legais aplicables en cada caso.

d) Exercer, nos casos de urxencia, as accións xudiciais e administrativas precisas para a defensa dos dereitos do Consorcio, dándolle conta ao Consello de Administración na primeira sesión que teña lugar.

e) Autorizar e dispoñer os gastos correntes incluídos no orzamento ata o límite máximo que se determine nas bases de execución do orzamento en cada exercicio. Aceptar as subvencións, dándolle conta ao Consello de Administración. Actuará como órgano de contratación naqueles contratos cuxo prezo non supere os 60.000 euros.

f) Recoñecer e liquidar obrigas e ordenar pagamentos.

g) Aprobar transferencias e xeracións de créditos nas contías que determine o Consello de Administración.

h) Aprobar a liquidación do orzamento e a incorporación de remanentes.

i) Inspeccionar os servizos do consorcio e exercer a alta xefatura administrativa.

j) Autorizar, co seu visto e prace, as actas das reunións, as certificacións e as contas e inventarios de bens.

Artigo 13. Atribucións da Vicepresidencia

O vicepresidente substituirá o presidente na totalidade das súas funcións nos casos de ausencia, enfermidade ou outra causa legal.

Así mesmo, asumirá as atribucións da presidencia que con carácter temporal ou permanente lle sexan expresamente delegadas pola Presidencia.

Sección 2ª. Consello de Administración

Artigo 14. Función e composición

1. O Consello de Administración é o órgano colexiado superior que goberna e dirixe o Consorcio e establece as súas directrices de actuación.

2. O Consello de Administración estará composto por representantes das entidades consorciadas, de acordo coa seguinte distribución:

A persoa que exerza a Presidencia.

O/a concelleiro/a que exerza a competencia de urbanismo no ámbito do casco vello.

Tres concelleiros representantes do Concello de Vigo, elixidos polo Pleno en representación dos partidos políticos con presencia na Corporación municipal.

Catro representantes do Instituto Galego de Vivenda e Solo designados pola súa Presidencia.

3. As entidades consorciadas designarán as persoas suplentes da súa representación no Consello de Administración, que substituirán as titulares en caso de inasistencia.

4. Asistirán con voz pero sen voto ás sesións do Consello de Administración o xerente, o secretario e o interventor do Consorcio.

5. O cargo de conselleiro non será retribuído, sen prexuízo das indemnizacións por asistencia ás sesións dos órganos colexiados que o Consello de Administración poida determinar.

Artigo 15. Competencias do Consello de Administración

1. Correspóndenlle ao Consello de Administración as seguintes competencias:

a) Exercer o goberno e a dirección superior de todos os servizos do consorcio.

b) Aprobar inicialmente e propoñerlles ás administracións consorciadas/asociadas as modificacións dos estatutos do Consorcio e das achegas dos seus membros.

c) Aprobar a incorporación de novos membros do Consorcio, así como a separación e a fixación da súas achegas, establecendo as condicións en que deberá levarse a cabo a dita incorporación e separación.

d) Aprobar a proposta dirixida ás administracións consorciadas/asociadas para a disolución do Consorcio e acordar, de ser o caso, a liquidación e distribución do seu patrimonio de acordo cos presentes estatutos e a lexislación aplicable.

e) Aprobar o regulamento orgánico e de funcionamento interno do Consorcio.

f) Aceptar as funcións encomendadas ao Consorcio por parte das entidades consorciadas ou de calquera Administración pública.

g) Aprobar o orzamento anual do Consorcio, os plans e programas de actuación, investimento e financiamento.

h) Aprobar as contas anuais previstas na lexislación vixente.

i) Establecer a estrutura organizativa dos servizos do Consorcio de acordo cos criterios de eficacia e eficiencia, que coadxuve á consecución dos fins do Consorcio.

j) O seguimento, avaliación e control da actividade do Consorcio e do cumprimento dos compromisos adoptados polos seus membros.

k) Designar e cesar o xerente e determinar as condicións para a prestación dos seus servizos por proposta do presidente.

l) Aprobar o cadro de persoal, a relación de postos de traballo existentes na súa organización, as bases das probas para a selección de persoal, os concursos de provisión de postos de traballo e a oferta de emprego do consorcio, todo isto de conformidade coa normativa vixente.

m) Actuar como órgano de contratación naqueles contratos cuxo prezo supere os 60.000 euros.

n) Autorizar e dispoñer gastos dentro dos límites orzamentarios determinados nas bases de execución do orzamento anual.

ñ) Recibir, facerse cargo e administrar, coas limitacións que a lexislación vixente estableza, os bens do consorcio, así como os procedentes de legados ou doazóns.

o) Adquirir e allear toda clase de bens mobles e inmobles no ámbito dos fins propios do consorcio.

p) Aprobar o exercicio de toda clase de accións administrativas e xudiciais.

q) Concertar operacións de crédito a medio e longo prazo, así como operacións de tesouraría.

r) Establecer as indemnizacións pola asistencia ás sesións dos órganos colexiados do Consorcio.

s) Calquera outra competencia que non estea atribuída especificamente a outros órganos.

Sección 3ª. Comité Executivo

Artigo 16 . Composición

O Comité Executivo do Consorcio, como órgano de asistencia permanente á presidencia no exercicio das súas funcións, estará integrado por:

O/a presidente/a do Consorcio.

O/a vicepresidente/a.

Dous representantes do Instituto Galego de Vivenda e Solo e un representante do Concello de Vigo, membros todos do Consello de Administración.

Ás súas sesións asistirán, con voz pero sen voto, o/a secretario/a, o/a interventor/a e o/a xerente/a.

Funcións

1. O fin esencial do Consorcio é levar a cabo, de acordo coas previsións do Plan especial de protección e reforma interior (PEPRI) do Casco Vello de Vigo, unha serie de actuacións e intervencións que contribúan ao proceso de recuperación da súa Área de Rehabilitación Integrada (ARI), mediante a adquisición de terreos ou mediante a adquisición de construcións para a súa posterior rehabilitación, ou calquera actividade que poida ter por obxecto a rehabilitacion do casco vello.

A rehabilitación dos inmobles realizarase tendo en conta que terán como destino prioritario o de vivendas preferentemente acollidas a algún réxime de protección pública. En todo caso, algúns inmobles poderanse destinar a outros usos ou dotacións públicas.

2. Serán actuacións do Consorcio:

a) Xestionar a adquisición dos edificios e soares.

b) Contratación da redacción dos proxectos de rehabilitación e urbanización.

c) Contratación da execución das obras de rehabilitación, construción e urbanización.

d) Contratación das obras de urbanización e adecuación dos espazos resultantes.

O PAIF 2024 do Consorcio supoñerá un investimento de case dous millóns de euros no Casco Vello

O apartado de alugueiro de locais experimenta un notable incremento no PAIF 2024

Vigo, 26 de outubro do 2023.– O Consello de Administración do Consorcio Casco Vello de Vigo, reunido esta mañá baixo a presidencia de Ana Ortiz Alvarez, aprobou o seu Plan de Actuación, Investimentos e Financiamento (PAIF) do próximo exercicio 2024. A cantidade total establecida para a actuación o próximo ano deste organismo, cuxo principal obxectivo é a rehabilitación do barrio histórico de Vigo, é de 1.780.065,00 €. Desta cantidade máis do 87% teñen a consideración de investimento directo xa que se destinan á execución das obras de rehabilitación das vivendas propiedade do CCVV, correspondendo o resto a gastos operativos, entre os que se inclúen tarefas como elaboración de estudos, limpeza, tramitacións administrativas e outras que non teñen a consideración contable de activables, pero que son imprescindibles para acometer a recuperación dos edificios. O documento aprobado hoxe contempla así mesmo a posibilidade de que a cifra consignada poida verse incrementada en 238.801 euros no caso de que se aprobase a aplicación de fondos de remanentes.

O PAIF 2024 contempla, en concreto, investimentos na rehabilitación de seis edificios (Elduayen, 31; Ribeira do Berbés, 39; Subida ao Castelo, 9; Elduayen, 39-Ferrería 16; Hortas, 2-4 -San Sebastián, 20 e Rúa Alta, 8-14) o que permitirá crear un total de 22 novas vivendas na zona.

Os ingresos previstos no documento aprobado esta mañá garanten o equilibrio financeiro do exercicio debido a que aos 444.444 euros que achegan os socios do Consorcio (Xunta de Galicia cun 90% de participación e Concello de Vigo cun 10%) súmase unha previsión de ingresos por alugueiros de locais, intereses financeiros e venda de vivendas por importe de 1.335.621 €

 

 

 

 

 

Intensa semana cultural de Évame Oroza, con catro actividades na súa sede do Casco Vello

Vigo, 17 de outubro do 2023.- A asociación Évame Oroza continúa esta semana co intenso labor cultural que vén desenvolvendo desde a súa instalación na súa nova sede do Casco Vello, en concreto na rúa Subida á Costa 5 (praza do Abánico), e que se plasma desde hoxe mesmo en catro novas actividades. Así, esta tarde continúará o abradoiro de escrita que vén desenvolvendo a autora Clara do Roxo, e no que aínda hai a posiblidad de inscribirse a través do correo [email protected].

Mañá , mércores 18, a partir das 20,00 horas, terá lugar a presentación do libro “Prosas Rotas”, de Stella Maris González, que estará acompañada no acto por Xesús Alonso Montero, prologuista da obra, e polo editor Xabier Romero.

En colaboración co Festival Kerouac, a sede de Évame Eroza acollerá o xoves 19, a partir das 19:30 horas un recital póetico, coa participación dos artistas Oriana Méndez e Malvares, e a semana finalizará o venres cunha nova charla do ciclo “Poetas Referentes”, que analiza a presenza de distintos autores na obra de Carlos Oroza. Nesta ocasión, e a partir das 19:00 horas, Anxo Angueira falará da poesía de Rosalía de Castro.

Berbés, 41 finalista dos premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia

Vigo, 15 de outubro do 2023.– A promoción do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) Berbés, 41, na popular praza mariñeira viguesa, foi seleccionada como finalista na convocatoria deste ano dos premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia. Os responsables da selección dos 10 proxectos escollidos na categoría de rehabilitación destacan de Berbés, 41 “a estratexia do proxecto para levar ao límite as posibilidades dunha parcela complicada”, para o que se maximizou a superficie das vivendas, evitando zonas comúns, locais comerciais de baixa demanda ou espazos sen iluminación natural. Sen dúbida, un dos elementos máis distintivos do edificio resultante é o patio situado na parte posterior que, ademais de permitir a entrada de luz ás dúas vivendas, ofrecen un singular xogo entre os volumes dos elementos de acceso e os espazos libres.

Fotos: Alex Fernández Photography

A promoción Praza do Berbés, 41 iniciouse en febreiro de 2019, de acordo con o proxecto dos arquitectos David Vázquez García e Agustín Canles Barrutia. As dúas vivendas tipo dúplex que o conforman, adxudicadas en maio de 2021, distribúense en planta baixa e tres plantas superiores (dous para cada unha delas) con superficies útiles para cada unha das vivendas de 70 e 80 metros cadrados. Cada unha das vivendas conta con acceso independente, unha delas desde a mesma praza do Berbés e a segunda (distribuída entre a segunda e a terceira planta) pola rúa San Francisco. A situada na parte inferior, segundo recóllese na memoria de presentación da edificación, “introdúcese con respecto no pasado, restaurando os elementos orixinais da casa mariñeira, mentres que a vivenda superior emerxe como un volume puro e conciso” grazas ao aproveitamento das posibilidades urbanisticas do PEPRI que regula a zona, que permitiu o engadido dunha nova planta ao edificio orixinal.

Ademais desta intervención o labor do Consorcio Casco Vello de Vigo, integrado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia e nun 10 por cento polo Concello de Vigo, ten un recoñecemento indirecto nesta edición dos premios de Arquitectura de Galicia xa que entre os proxectos seleccionados atópase tamén a recuperación que a Universidade de Vigo fixo na mesma praza do Berbés de tres edificios -propiedade do CCVV pero cedidos mediante convenio á institución educativa- para a creación da súa sede urbana.


O Consello de Administración do CCVV aprueba o alugueiro dunha vivenda e tres locais comercias

Locais na rúa Ferrería cuxo alugueiro se aprobou hoxe

Vigo, 5 de outubro do 2023.- O Consello de Administración do Consorcio Casco Vello de Vigo, reunido esta mañá con carácter extraordinario no edificio Redeiras da praza do Berbés baixo a presidencia de Ana Ortiz Alvarez, acordou a adxudicación directa, en réxime de alugueiro, ao Concello de Vigo da vivenda situada no segundo piso, letra A, do número 24 da rúa Abeleira Menéndez. Cunha superficie aproximada de 35 metros cadrados a vivenda destinarase durante o próximos sete anos, período inicial do alugueiro aprobado hoxe -que podería ampliarse posteriormente- ao cumprimento de obxectivos do concello en materia de vivenda.

Así mesmo este mesmo órgano de decisión aprobou a adxudicación directa en réxime de alugueiro dos locais comerciais situados en Ferrería 25,27,29, que serán destinados á actividade de coworking empresarial. Con esta incorporación serán en total 24 empresas ou autónomos os que ocupen locais comerciais recuperados polo CCVV nalgunhas das súas rehabilitacións. A orde do día desta convocatoria do máximo órgano de xestión do CCVV incluía tamén o debate do Plan de Actuación , Investimentos e Financiamento (PAIF) para o exercicio 2024, cuxa aprobación será levado a un próximo consello.

Finalmente, o comité executivo do CCVV, reunido á finalización do Consello de Administración, acordou a adxudicación da contratación, por procedemiento aberto, das obras para a finalización da rehabilitación do edificio en Subida ao Castelo 9, resultando adxudicataria a empresa ESCAVACIÓNS E CONSTRUCIÓNS LAUREANO COVELO S.A.

 

 

As influencias poéticas de Carlos Oroza protagonizan un ciclo de conferencias no Casco Vello

Vigo, 3 de outubro do 2023.- A Fundación Évame Oroza, cuxo obxectivo fundacional é contribuír á difusión da obra do poeta Carlos Oroza, iniciará o próximo venres, 6 de outubro, un ciclo de conferencias baixo a denominación “Poetas Referentes”, co que pretende dar a coñecer a poesía e a figura literaría de catro autores que exerceron unha influencia indubidable no poeta galego: Walt Whitman, Friedrich Hölderlin, Rosalía de Castro e Uxío Novoneyra. 

O ciclo comezará o citado día 6 coa intervención de Eduardo Moga, escritor e editor, responsable da tradución ao castelán de catro dos poemarios máis importantes de Walt Whitman e el mesmo un consumado poeta que conta no seu haber, entre outros, co premio Adonáis de poesía. A conferencia será a partir das 19:00 horas, no local da asociación, situado no número 5 da rúa Subida á Costa, no Casco Vello Alto de Vigo.

Como sinalan os propios responsables da fundación, entre o 6 e o 27 de outubro, “Poetas Referentes” traerá a Vigo a especialistas en cada un destes autores. Entre as persoas convidadas atopamos nomes como o do tradutor e escritor Eduardo Moga, a profesora Helena Cortés Gabaudan, premio Nacional de Tradución 2021, a poeta Branca Novoneyra ou AnxoAngueira, escritor e presidente da Fundación Rosalía de Castro.

Évame Oroza enche a semana de actividade cultural no Casco Vello Alto

 

Vigo, 29 de septembro do 2023.- A actividade cultural no Casco Vello alcanza esta semana unha alta intensidade grazas aos tres actos que a asociación cultural Évame Oroza levará a cabo no seu local de Subida á Costa 5 (Praza do Abanico). O primeiro deles terá lugar hoxe mesmo coa realización dun coloquio sobre a obra “En voz baja”, de Antonio García Teijeiro. Alba Piñeiro e Arantxa Amatriaín acompañarán ao autor neste coloquio que terá lugar a partir das 20:00 horas. 

O segundo dos actos preparados por Évame Oroza terá lugar mañá, xoves, á mesma hora e na mesma localización, e consistirá na presentación do cómic “Lucio Strada, na que participarán os seus autores, Iago Losada e Alberto M. Soto.

Finalmente, o sábado 30 de setembro, ás 19:00 horas e baixo a denominación “Desafiando sombras”, levarase a cabo un recital poético plurilingüe con motivo do Día Internacional da Tradución. O acto está organizado pola poetisa Stella Maris González Balbuena, que será un dos nove participantes no recital no que se lerán poemas en xaponés, grego, inglés, alemán, francés, italiano, portugúes, castelán e galego.

 

O Consello de Administración do Consorcio non aproba o PAIF 2024

Vigo, 12 de septembro do 2023.- O Plan de Actuacións, Investimentos e Financiamento (PAIF) do Consorcio Casco Vello de Vigo para o exercicio 2024, que contemplaba un investimento de 1.780.065 €, non foi aprobado polo seu Consello de Administración ao non alcanzarse a unanimidade necesaria.

O máximo órgano de xestión do organismo reuniuse esta mañá baixo a presidencia de Ana Ortiz Alvarez; a non aprobación do orzamento limita en gran maneira a súa capacidade de actuación ao impedir, entre outros puntos, a adquisición de novos edificios ou solares dentro do seu ámbito de actuación.

O PAIF presentado polo equipo directivo do Consorcio contemplaba intervencións en seis edificios e a creación de 22 novas vivendas na zona. Constituído en 2005 o Consorcio Casco Vello de Vigo, integrado na actualidade pola Xunta de Galicia cun 90% de participación e o Concello de Vigo co restante 10%) permitiu a creación de máis de cen novas vivendas e recuperar varias decenas de edificios que na maioría dos casos atopábanse nun notable estado de abandono.

Publicado en Sen categorizar

O sorteo da orde de adxudicación pon en marcha a última fase da rehabilitación de Real 13

Vigo, 9 de agosto do 2023.- A orde de adxudicación das catro Vivendas de Promocion Autonómica (VPA) promovidas polo Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) no número 13 da rúa Real ha quedado fixado esta mañá nun sorteo público ante notario que tivo lugar nas instalacións administrativas da Xunta de Galicia en Vigo. De acordo con esta clasificación os primeiros beneficiados do sorteo poderán optar á compra da algunha das catro vivendas. No caso de non confirmar o seu interese a posibilidade irá pasado sucesivamente ao resto dos candidatos segundo a orde establecida hoxe. A listaxe ordenada do resultado do sorteo pode consultarse na páxina web do responsable do sorteo, o Instituto Galego de Vivenda e Solo.

 

Características

Aspecto do interior dunha das vivendas sorteadas hoxe.

Real, 13 é a última das promocións concluídas polo CCVV, organismo que, desde a súa creación en 2005, contribuíu á recuperación do barrio que deu orixe á actual cidade de Vigo grazas ao seu labor de rehabilitación de edificios que permitiu poñer ao dispor dos cidadáns vigueses máis dun centenar de novas vivendas. As residencias cuxa fase final de adxudicación comeza agora, todas elas cualificadas como Vivenda Protexida de Promoción Privada Autonómica de Réxime Concertado, teñen a seguinte distribución tipo: 1 Dormitorio + 1 Baño + Salón-Comedor-Cociña + Lavadeiro-Tendal.

En canto a sua superficie e prezo os datos son:

Vivenda A – planta 1     59,59 m²…. 105.000,00 €

Vivenda B – planta 2     59,59 m²…. 105,712,66 €

Vivenda C – planta 3     62,41 m²…. 110,715,34 €

Vivenda D – planta 4     62,41 m²…. 110.715,34 €

 

 

 

A adxudicación das catro viviendas de Real 13 terá lugar o próximo 9 de agosto

Fachada do novo edificio en Real, 13.

Vigo, 28 de xullo do 2023.- O sorteo das catro vivendas integrantes da promoción Real, 13, impulsada polo Consorcio Casco Vello de Vigo, realizarase o vindeiro mércores 9 de agosto segundo a resolución publicada esta mañá polo Instituto Galego de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia. A mesma resolución inclúe, así mesmo, a listaxe definitiva das candidatura admitidas a participar neste concurso unha vez finalizado o prazo de presentación de alegacións á relación provisional publicada hai dúas semanas.

Finalmente son 63 os candidatos admitidos do total de 71 persoas que presentaron a súa solicitude para acceder ás vivendas promovidas polo CCVV na rúa máis emblemática da zona histórica de Vigo. O sorteo para a adxudicación da orde de selección das candidaturas admitidas terá carácter público e levará a cabo na sede administrativa da Xunta de Galicia en Vigo, a partir das 10 da mañá da data citada.

 

El CCVV aproba os proxectos para a rehabilitación de 4 novas vivendas

Aspecto do edificio San Sebastián 20-Hortas 2-4 no momento da súa adquisición polo CCVV.

Vigo, 27 de xullo do 2023.-  Comité Executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo aprobou esta mañá os proxectos para a rehabilitación de varios edificios na zona histórica da cidade. Trátanse en concreto da recuperación dos situados en Ribeira do Berbés 39-San Francisco 2, e en San Sebastián 20-Horta 2-4, adquiridos no seu día polo CCVV e que debido ao seu mal estado de conservación tiveron que ser baleirados interiormente. Ambas as duas intervencións permitirán a creación de catro novas vivendas unifamiliares, dúas en cada unha das novas promocións, aínda que a posta en marcha dos proxectos está condicionado á aprobación dos orzamentos do CCVV.

A rehabilitación de Ribeira do Berbés 39-San Francisco 2 executarase de acordo con o proxecto presentado polo arquitecto José Luis Quintela Porro e conta cun orzamento de execución de 390.947,56 €. A obra realizarase sobre un solar de 47,60 m2 e crearanse dúas vivendas tipo dúplex. Unha delas, distribuída entre o baixo e a primeira planta, terá unha superficie aproximada de 98 m2 en tanto que a segunda, situada nas plantas segunda e terceira, alcanzará unha superficie construída de 121 m2 aproximadamente.

A intervención para realizar en San Sebastián 20-Horta 2-4, foi deseñada polo estudo Castroferroarquitectos, cun orzamento de execución de 651.128,41 €. As dúas vivendas unifamiliares resultantes distribuiranse nun solar de 176,82 metros cadrados, adquirido polo Consorcio en 2021. A primeira delas, de 2 dormitorios, terá unha superficie de 116 metros cadrados en tanto que a segunda, de tres dormitorios, superará lixeiramente os 110 metros cadrados.

Nesta mesma reunión do comité executivo do CCVV, ademais, aprobáronse tamén senllas actualizacións nos proxectos de dous das súas promocións en execución, Elduayen 39-Ferrería 16 e Subida ao Castelo 9.

Por outra banda, o Consello de Administración do CCVV, reunido con anterioridade, foi informado de a designación dos novos representantes neste organismo do Concello de Vigo (o Consorcio Casco Vello de Vigo está integrado polo Concello de Vigo -cun 10% de representación e a Xunta de Galicia co 90% restante) tras a celebración das recentes eleccións municipais. Os novos nomeamentos recaeron en Francisco Javier Pardo Espiñeira e Carlos López Font, por parte do grupo municipal socialista, e Marta Fernández-Tapias Núñez, por parte do grupo municipal do Partido Popular, que formaran parte do Consello de Administracion, en tanto que José Caride Estévez, do grupo socialista, será o representante do municipio vigués no Comité Executivo. A vicepresidencia do CCVV, que estatutariamente corresponde a un representante do concello de Vigo, será ocupada por Francisco Javier Pardo Espiñeira.

Na mesma reunión se acordo así mesmo a adxudicación por procedemento directo, tras a renuncia dos adxudicatarios no concurso convocado polo CCVV o pasado ano, do alugueiro do local número 1 da rúa Ferrería 5 á candidatura presentada por Dª. Rebeca Rodríguez Domato. O local será destinado a estudo de arquitectura.

 

“Magia en la Manga”, a primeira escola de maxia de Galicia, abre as suas portas no Casco Vello

Sara Rodríguez, Carlos Tomico e Óscar Fernández son os impulsores desta nova actividade.

Vigo, 13 de xullo do 2023.- O vindeiro sábado, 15 de xullo, abrirá as súas portas uno dos novos negocios instalados no Casco Vello tras o concurso de alugueiro de locais organizado polo Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV). Trátase dunha nova iniciativa de tres dos integrantes da compañía “Magia en la Manga”, que presta o seu nome ao novo local, que tras catro anos de actividade ambulante por escenarios de todo tipo en Galicia (teatros, auditorios, centros de ensino…) dan unha nova volta porca á súa actividade creando un espazo multidisciplinar no que terán cabida tanto a presentación de espectáculos -dos propios membros da compañía como doutros magos- como o ensino desta disciplina artística. De feito pódese afirmar que o local de Ferrería, 11 vai ser a primeira escola de maxia instalada na nosa comunidade, sumándose a outras zonas do Estado, encabezadas por Madrid que é a conta cunha maior e máis prolongada tradición, onde o ensino da maxia está xa consolidada. 

Inmersos aínda no vórtice de ultimar todos os detalles para a inauguración das súas instalacións o que a primeira vista destaca das formulacións de Carlos Tomico, Óscar Fernández e Sara Rodríguez é a profesionalidade do seu proxecto. A maxia pode ter todo tipo de connotacións lúdicas e recreativas, pero ningún truco funciona sen moitas horas de preparación e de ensaio e en canto éntrase no seu novo local un decátase de que este novo proxecto empresarial está moi meditado e que se dedicou moito tempo a todos os seus detalles. Así, nos 98 metros cadrados do baixo de Ferrería, 11 creáronse dúas zonas claramente diferenciadas; a primeira delas cun carácter máis “administrativo” e de traballo dos tres socios en tanto que a segunda é a destinada ás actividades de formación e a realización dos espectáculos, para o que se creou un pequeno escenario con todo o seu equipamento de luces, son e aparataje. O local atópase decorado con todo tipo de motivos relativos á maxia e conta con diverso material formativo e de documentación sobre a historia desta actividade.

 

O local conta cun pequeno escenario.

Público de todo tipo

En canto á formación, a que será sen dúbida un dos puntais de actuación deste novo establecemento, os tres impulsores do proxecto coinciden en sinalar o bo momento da maxia no noso país, con presenza frecuente en medios de comunicación e un importante recoñecemento social. Existe por tanto un interese indubidable pola aprendizaxe desta actividade que “Maxia en la Manga” puido constatar nos numerosos talleres que durante os seus catro anos de existencia foi impartindo en distintos puntos de Galicia. Ofrecer unha oportunidade a aquelas persoas e colectivos interesados en iniciarse ou en profundar os seus coñecementos neste apaixonante mundo é o obxectivo deste local que, sinalan os seus creadores, estará aberto a todo tipo de público, desde colexios que desexen ofrecer algunha actividade lúdica aos seus estudantes, como a simples afeccionados que desexen aprender algúns trucos para impresionar aos amigos.