De acordo con os Estatutos do Consorcio Casco Vello de Vigo, modificados pola ORDE do 20 de decembro de 2012 da Xunta de Galicia, a estrutura organizativa do CCVV é a seguinte:

 

Artigo 10. Órganos

A estrutura organizativa do Consorcio constitúena os seguintes órganos:

a) Presidencia do Consorcio.

b) Vicepresidencia.

c) Consello de Administración.

d) Comité Executivo.

e) Xerencia.

 

Artigo 11. Designación

1. A Presidencia do Consorcio será exercida pola persoa titular da consellería con competencias en materia de vivenda, podendo este nomear a outra persoa para desempeñar o cargo que, en todo caso, debe recaer nun membro do consello.

2. Desempeñará a vicepresidencia un membro do consello en representación do Concello de Vigo.

Artigo 12. Atribucións da Presidencia

Correspóndenlle á Presidencia do Consorcio as seguintes atribucións:

a) Exercer a representación legal e institucional do Consorcio ante calquera entidade e institución de dereito público ou privado, así como persoa física ou xurídica e conferir as autorizacións de representación necesarias.

b) Presidir as reunións do Consello de Administración, ordenar a convocatoria das súas sesións, fixar a orde do día e dirixir as deliberacións.

c) Velar polo exacto cumprimento dos preceptos dos estatutos, dos acordos adoptados polo Consello de Administración e, en xeral, das normas legais aplicables en cada caso.

d) Exercer, nos casos de urxencia, as accións xudiciais e administrativas precisas para a defensa dos dereitos do Consorcio, dándolle conta ao Consello de Administración na primeira sesión que teña lugar.

e) Autorizar e dispoñer os gastos correntes incluídos no orzamento ata o límite máximo que se determine nas bases de execución do orzamento en cada exercicio. Aceptar as subvencións, dándolle conta ao Consello de Administración. Actuará como órgano de contratación naqueles contratos cuxo prezo non supere os 60.000 euros.

f) Recoñecer e liquidar obrigas e ordenar pagamentos.

g) Aprobar transferencias e xeracións de créditos nas contías que determine o Consello de Administración.

h) Aprobar a liquidación do orzamento e a incorporación de remanentes.

i) Inspeccionar os servizos do consorcio e exercer a alta xefatura administrativa.

j) Autorizar, co seu visto e prace, as actas das reunións, as certificacións e as contas e inventarios de bens.

Artigo 13. Atribucións da Vicepresidencia

O vicepresidente substituirá o presidente na totalidade das súas funcións nos casos de ausencia, enfermidade ou outra causa legal.

Así mesmo, asumirá as atribucións da presidencia que con carácter temporal ou permanente lle sexan expresamente delegadas pola Presidencia.

Sección 2ª. Consello de Administración

Artigo 14. Función e composición

1. O Consello de Administración é o órgano colexiado superior que goberna e dirixe o Consorcio e establece as súas directrices de actuación.

2. O Consello de Administración estará composto por representantes das entidades consorciadas, de acordo coa seguinte distribución:

A persoa que exerza a Presidencia.

O/a concelleiro/a que exerza a competencia de urbanismo no ámbito do casco vello.

Tres concelleiros representantes do Concello de Vigo, elixidos polo Pleno en representación dos partidos políticos con presencia na Corporación municipal.

Catro representantes do Instituto Galego de Vivenda e Solo designados pola súa Presidencia.

3. As entidades consorciadas designarán as persoas suplentes da súa representación no Consello de Administración, que substituirán as titulares en caso de inasistencia.

4. Asistirán con voz pero sen voto ás sesións do Consello de Administración o xerente, o secretario e o interventor do Consorcio.

5. O cargo de conselleiro non será retribuído, sen prexuízo das indemnizacións por asistencia ás sesións dos órganos colexiados que o Consello de Administración poida determinar.

Artigo 15. Competencias do Consello de Administración

1. Correspóndenlle ao Consello de Administración as seguintes competencias:

a) Exercer o goberno e a dirección superior de todos os servizos do consorcio.

b) Aprobar inicialmente e propoñerlles ás administracións consorciadas/asociadas as modificacións dos estatutos do Consorcio e das achegas dos seus membros.

c) Aprobar a incorporación de novos membros do Consorcio, así como a separación e a fixación da súas achegas, establecendo as condicións en que deberá levarse a cabo a dita incorporación e separación.

d) Aprobar a proposta dirixida ás administracións consorciadas/asociadas para a disolución do Consorcio e acordar, de ser o caso, a liquidación e distribución do seu patrimonio de acordo cos presentes estatutos e a lexislación aplicable.

e) Aprobar o regulamento orgánico e de funcionamento interno do Consorcio.

f) Aceptar as funcións encomendadas ao Consorcio por parte das entidades consorciadas ou de calquera Administración pública.

g) Aprobar o orzamento anual do Consorcio, os plans e programas de actuación, investimento e financiamento.

h) Aprobar as contas anuais previstas na lexislación vixente.

i) Establecer a estrutura organizativa dos servizos do Consorcio de acordo cos criterios de eficacia e eficiencia, que coadxuve á consecución dos fins do Consorcio.

j) O seguimento, avaliación e control da actividade do Consorcio e do cumprimento dos compromisos adoptados polos seus membros.

k) Designar e cesar o xerente e determinar as condicións para a prestación dos seus servizos por proposta do presidente.

l) Aprobar o cadro de persoal, a relación de postos de traballo existentes na súa organización, as bases das probas para a selección de persoal, os concursos de provisión de postos de traballo e a oferta de emprego do consorcio, todo isto de conformidade coa normativa vixente.

m) Actuar como órgano de contratación naqueles contratos cuxo prezo supere os 60.000 euros.

n) Autorizar e dispoñer gastos dentro dos límites orzamentarios determinados nas bases de execución do orzamento anual.

ñ) Recibir, facerse cargo e administrar, coas limitacións que a lexislación vixente estableza, os bens do consorcio, así como os procedentes de legados ou doazóns.

o) Adquirir e allear toda clase de bens mobles e inmobles no ámbito dos fins propios do consorcio.

p) Aprobar o exercicio de toda clase de accións administrativas e xudiciais.

q) Concertar operacións de crédito a medio e longo prazo, así como operacións de tesouraría.

r) Establecer as indemnizacións pola asistencia ás sesións dos órganos colexiados do Consorcio.

s) Calquera outra competencia que non estea atribuída especificamente a outros órganos.

Sección 3ª. Comité Executivo

Artigo 16 . Composición

O Comité Executivo do Consorcio, como órgano de asistencia permanente á presidencia no exercicio das súas funcións, estará integrado por:

O/a presidente/a do Consorcio.

O/a vicepresidente/a.

Dous representantes do Instituto Galego de Vivenda e Solo e un representante do Concello de Vigo, membros todos do Consello de Administración.

Ás súas sesións asistirán, con voz pero sen voto, o/a secretario/a, o/a interventor/a e o/a xerente/a.

Facebook