As influencias poéticas de Carlos Oroza protagonizan un ciclo de conferencias no Casco Vello

Vigo, 3 de outubro do 2023.- A Fundación Évame Oroza, cuxo obxectivo fundacional é contribuír á difusión da obra do poeta Carlos Oroza, iniciará o próximo venres, 6 de outubro, un ciclo de conferencias baixo a denominación “Poetas Referentes”, co que pretende dar a coñecer a poesía e a figura literaría de catro autores que exerceron unha influencia indubidable no poeta galego: Walt Whitman, Friedrich Hölderlin, Rosalía de Castro e Uxío Novoneyra. 

O ciclo comezará o citado día 6 coa intervención de Eduardo Moga, escritor e editor, responsable da tradución ao castelán de catro dos poemarios máis importantes de Walt Whitman e el mesmo un consumado poeta que conta no seu haber, entre outros, co premio Adonáis de poesía. A conferencia será a partir das 19:00 horas, no local da asociación, situado no número 5 da rúa Subida á Costa, no Casco Vello Alto de Vigo.

Como sinalan os propios responsables da fundación, entre o 6 e o 27 de outubro, “Poetas Referentes” traerá a Vigo a especialistas en cada un destes autores. Entre as persoas convidadas atopamos nomes como o do tradutor e escritor Eduardo Moga, a profesora Helena Cortés Gabaudan, premio Nacional de Tradución 2021, a poeta Branca Novoneyra ou AnxoAngueira, escritor e presidente da Fundación Rosalía de Castro.

O novo Casco Vello de Vigo

Facebook

Twitter