Unha nova promoción a piques de concluír: Ferrería 10-12

O Consorcio Casco Vello de Vigo ten na actualidade moi avanzadas as obras de dúas das súas promocións situadas na rúa Ferrería (Ferrería 10-12 e Ferrería 45-47) que entrarán a formar parte de próximos sorteos do IGVS entre todas aqueles interesados na súa adquisición, de acordo coa regulación establecida en Galicia para as vivendas de VPA. Desde esta mesma páxina web -así como desde outros medios de comunicación e  da páxina oficial do Instituto Galego de Vivenda e Solo- irase informando sobre as distintas fases  de todo este procedemento,  polo que se estades interesados en optar a algunha destas vivendas recomendámosvos que  esteades especialmente atentos a calquera destes medios.

A fachada desta promoción: granito silvestre e xanelas de madeira.

 

 En calquera caso, e mentres conclúen as obras, iremos ofrecendo información ao longo das próximas semanas sobre as características das vivendas que compoñen ambas  promocións, empezando neste mesmo  espazo por Ferrería 10-12.

 Trátase dun edificio entre medianeiras situado dentro do ámbito do Casco Vello Alto de Vigo. Ten un ancho de doce metros e un fondo de sete. Contará cun local comercial que se sitúa en planta baixa  e soto, unha vivenda en planta primeira de 70 m² construídos (56,79 m² útiles), e outra vivenda idéntica á anterior en planta segunda. Cada unha das vivendas contan cun dormitorio, un salón-comedor-cociña, un baño, lavadoiro e tendal.  A superficie do solar é  de 112 m², dos que o edificio ocupa 87, e 25 m² un patio interior .

A distribución das vivendas é idéntica en ambas as plantas.

 

 As distribucións das vivendas organízanse dando á Rúa Ferrería as zonas de estar e durmir, deixando cara ao patio traseiro as zonas comúns do edificio e as de servizo das vivendas, tales como, cociñas, lavadoiros e baños. A Rúa Ferrería é unha das zonas do Casco Vello Alto onde se levou a cabo un maior labor de rehabilitación de vivendas, polo que a contorna da rúa ofrece un aspecto absolutamente  renovado. A vivenda está situada moi preto do centro de Vigo (Porta do  Sol) e do Concello.

Chan radiante

A fachada á Rúa Ferrería é de granito silvestre con xanelas de madeira; a fachada ao patio irá revestida e pintada co fin de conseguir maior luminosidade; as carpinterías de aluminio serán lacadas. Interiores brancos en paredes e teitos, utilizando material porcelánico en chans como material unitario e de gran calidade para a utilización do chan radiante. Nas zonas comúns utilízase o granito e o enfoscado branco.

 A planta baixa albergará o portal, un soto aberto a patio interior destinado a trasteiros e superficie vinculada ao local comercial .

Á esquerda aspecto das obras a principios de xaneiro. Sobre estas liñas, as tarefas de cimentación, que resultaron especialmente laboriosas.

 O edificio intégrase na Rúa Ferrería como uno máis, adaptándose ao prescrito no PEPRI, repetindo a orde de ocos das fachadas da rúa, dándolle unidade e continuidade, pero marcando as pequenas singularidades que fan diferente a cada edificio.   O proxecto corresponde aos arquitectos Antonio Cominges e Harald Binkele, iniciándose as obras en marzo de 2016 e estando prevista a súa conclusión no próximo mes de marzo.

 

 

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.