O CONSELLO DE ADMINISTRACIÓN DO CCVV ADXUDICA O ALUGUEIRO DO BAIXO COMERCIAL DE REAL 25
A actividade do novo negocio está vinculada á alimentación
O Casco Vello Baixo, en concreto a rúa Real, contará proximamente cun novo local comercial dedicado á venda de produtos de alimentación tradicional, ao resultar a proposta presentada polos seus promotores como a máis valorada no concurso público de alugueiro convocado polo Consorcio Casco Vello de Vigo. Tras coñecerse o resultado da valoración técnica realizado pola Mesa de Contratación e referendado polo Consello de Administración do CCVV celebrado esta mañá, baixo a presidencia de Ana Ortiz Álvarez, a empresa procederá proximamente, unha vez cumprimentados os trámites para formalizar a adxudicación, ao acondicionamento do local, situado no número 25 da rúa Real. Trátase dun local cunha superficie útil de 54,78 m² e 17,39 m² de almacén, no que con anterioridade xa se desenvolvera unha actividade similar por parte doutra empresa que renunciou ao mesmo hai uns meses.

O Consorcio Casco Vello de Vigo, de acordo cos seus obxectivos fundacionais, vén realizando un labor de apoio á rehumanización desta parte da cidade; para iso, nas máis de cen rehabilitacións de edificios que realizou desde a súa constitución en 2005 incluíu a creación de 36 locais comerciais co fin de formar unha nova rede de relacións e vínculos dos veciños da zona e da cidadanía en xeral co que foi o barrio xerminal da cidade de Vigo, arrasado, con todo, durante décadas por unha degradación urbanística e social da que, afortunadamente, recuperouse en boa parte.
Dos 36 locais comerciais creados, seis foron vendidos, estando hoxe por hoxe, incluído o hoxe adxudicado, ocupados en réxime de alugueiro os outros 30. É de destacar que unha proporción importante destes locais atópanse na denominada “zona alta” do Casco Vello, tradicionalmente menos favorecida nos aspectos comerciais. As actividades desenvolvidas nesta trintena de locais abarcan distintos campos -estudos profesionais, establecementos de moda, artesanía, ensino…- priorizandose aquelas actividades que non contribúan á saturación de locais de restauración e lecer que se detecta noutros puntos próximos da cidade.