O CONSORCIO CASCO VELLO INICIA O PROCESO DE ADXUDICACIÓN DE CINCO VIVENDAS NA RÚA ELDUAYEN
O prazo inscrición no sorteo público abrirase proximamente e será convenientemente anunciado nas páxinas web do IGVS e o CCVV
O Consello de Administración do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), reunido esta mañá baixo a presidencia de Ana Ortiz Alvarez, acordou solicitar ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) o inicio do procedemento do selección de adxudicatarios das 5 novas vivendas que forman parte da promoción Elduayen 39-Ferrería 16.
A solicitude establece como datos para cada unha das vivendas os seguintes:

Vivenda 1: Dúplex con acceso desde a rúa Ferrería cunha superficie útil de 62,65 m² aos que hai que engadir un rocho de 4,79. O prezo proposto de venda é de 140.000 euros.
Vivenda 2: Dúplex con acceso desde a rúa Ferrería, cunha superficie útil de 89,78 m² aos que hai que engadir un rocho de 4,32 m². O prezo proposto de venda é de 208.000 euros.
Vivenda 3: Con acceso desde a rúa Elduayen, ocupa a parte do primeiro piso do edificio cuxa fachada se abre a esta vía. A superficie útil é de 49,67 m² aos que se engaden 5,32 de rocho. O prezo proposto de venda é de 120.000 euros.
Vivenda 4: Con acceso desde a rúa Elduayen, ocupa a parte do segundo piso do edificio cuxa fachada se abre a esta vía. A superficie útil é de 55,89 m² aos que se suman 6,16 de rocho. O prezo proposto de venda é de 137.000 euros.
Vivenda 5: Con acceso desde a rúa Elduayen ocupa a parte do terceiro piso do edificio cuxa fachada se abre a esta vía. A superficie útil é de 109,57 m² aos que se suman 4,51 de rocho. O prezo proposto de venda é de 258.000 euros.
Todos os prezos propostos atópanse por baixo dos prezos máximos de venda autorizados.
As cinco vivendas contarán coa cualificación de Vivendas de Protección Autonómica (VPA) para Venda con Prezo Concertado e, como en todas as intervencións realizadas polo CCVV, a adxudicación realizarase mediante un sorteo público. Neste sentido, e unha vez aprobada polo IGVS a solicitude anunciada hoxe, abrirase un prazo de presentación de candidatos para todas aquelas persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia que cumpran os requisitos desta convocatoria. A apertura do prazo e o resto dos pasos deste proceso serán fixados polo IGVS e difundidos a través das páxinas web tanto deste organismo como do Consorcio Casco Vello de Vigo.
PAIF
Por outra banda, na mesma reunión do Consello de Administración deste organismo deuse conta da aprobación do Programa de Actuación, Investimento e Financiamiento (PAIF) para o exercicio 2027, que establece un orzamento de 4.482.749 euros, cunha alza do 6,43% con respecto ao do exercicio anterior. Mantense, un ano máis, o carácter netamente investidor do Consorcio Casco Vello de Vigo xa que a maior cifra deste orzamento, 2.274.518 euros, correspóndese co capítulo de investimentos reais, o que permitirá este organismo acometer intervencións en cinco promocións, sendo Alta 8-14, Berbés 7-9 e Berbés 25-27 as que concentran a maior parte do gasto neste exercicio.
Finalmente, na mesma reunión, e de acordo co establecido no seu día para favorecer a flexibilidade do seu Plan de Actuacións 2026-2030, procedeuse a modificar a cualificación de dúas vivendas da categoría asignada no seu catálogo de intervencións, co obxectivo de adaptarse ás posibilidades reais de actuación na zona.