Publicados os orzamentos do Consorcio Casco Vello de Vigo para 2017
9/02/2017 .- O diario oficial de Galicia recolle na súa edición de hoxe o orzamento de actuación do Consorcio Casco Vello de Vigo para o exercicio económico 2017. A súa memoria xustificativa recolle como principal liña de intervención a execución do “Plan de Actuacion 2013-2017”, orientado á rehabilitación de inmobles no ámbito do casco vello de Vigo, co obxectivo de recuperar e dinamizar este tradicional espazo da cidade olívica. Tamén se sinalan como outras referencias da actividade do Consorcio a recuperación da fachada marítima do núcleo orixinario da cidade de Vigo -para o que se contempla a actuación en tres vivendas situadas na Ribeira do Berbés polo propio Consorcio, ao que se sumará a reforma doutros dous por parte da Universidade de Vigo para crear un centro de servizos na mesma zona- así como a continuidade do programa de eliminación de pintadas.
Para poder alcanzar estes obxectivos o documento hoxe publicado recolle no seu capítulo de investimentos unha cantidade de lixeiramente superior aos 2.637.000 €, destinados á adquisición de tres novos inmobles e a actuacións de rehabilitación que permitirán dotar a este barrio de catorce novas vivendas. Con todo, e dado o singular carácter deste organismo, o propio documento recoñece a necesaria flexibilidade destes orzamentos para adaptarse ás circunstancias que poidan aparecer durante a súa vixencia.
O maior importe, 402.122,44 €, destínase ao epígrafe de adquisición de inmobles, en tanto que o resto das principais asignacións para 2017 distribúense así:
REHABILITACION SUBIDA AO CASTELO 12: 377.604,4 € dun proxecto con un custo total de 546.304,79 €
REHABILITACION RIBEIRA DO BERBÉS 5: 357.800 € dun proxecto con un custo total de 1.404.275,41 €.
REHABILITACIÓN CRUZ VERDE 12: 324.964,59 € dun proxecto con un custo total de 528.000 €
REHABILITACION FERRERÍA 8: 225.238,1 € dun proxecto con un custo total de 339,017,05 €
REHABILITACION SBDA. A COSTA 5: 225.020,38 dun proxecto con un custo total de 475.390,38 €
REHABILITACION RIBEIRA DO BERBÉS 7: 214.338,12 dun proxecto con un custo total de 876.638,45 €.
REHABILITACIÓN CRUZ VERDE 8: 183.218,8 € dun proxecto con un custo total de 286.924,7 €
REHABILITACIÓN FERRERÍA 45-47: 153.948,59 € dun proxecto con un custo total de 1.051,651,58 €
REHABILITACIÓN RIBEIRA DO BERBÉS 41: 136.823,9 € dun proxecto con un custo total de 486.262,5 €
O CCVV -integrado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo, e nun dez por cento polo Concello de Vigo- foi creado no ano 2005 e ao longo dos seus once anos de actividade a permitido dotar a esta zona da cidade de máis de cen novas vivendas e 22 locais comerciais, á vez que xogou un importante papel na instalación na mesma zona de varios organismos públicos. Este labor traduciuse nunha significativa dinamización do Casco Vello vigués, convertido hoxe en día nunha referencia urbanística e de lecer da cidade.