O IGVS adxudica mediante sorteo público 10 novas VPA rehabilitadas polo CCVV

DSC09767

  • O sorteo celebrouse hoxe ante notario no salón de actos da Delegación da Xunta en Vigo, ao que asistiron algunhas das persoas que participaban no mesmo.
  • As 10 vivendas pertencen á promoción do Cuarteirón Castelo de San Sebastián conformada polos inmobles ubicados en San Sebastián 4-6 e Subida ao Castelo 5-7.
  • Todas as vivendas son de un dormitorio e contan con superficies que van dende os 46,24m2 aos 68,20m2. O prezo da vivenda máis barata é de 67.048,00 euros mentres que a máis cara é de 109.120,00 euros.
  • Os adxudicatarios recibirán agora a notificación da resolución por parte do CCVV, quen organizará unha xornada de portas abertas este mesmo xoves.
  • Despois, serán citados a unha reunión para levar a cabo a asignación da vivenda concreta que lles tocou e contarán cun prazo de 45 días para formalizar as hipotecas e rematar todo o procedemento coa entrega de chaves.

Vigo, 23 de marzo de 2015.- A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch, presidiu esta mañá un novo sorteo público ante notario doutras 10 vivendas de protección (VPA) rehabilitadas polo organismo.

Responsables do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) iniciaron o sorteo sobre as 10:00 horas da mañá ante a presenza dalgunhas das persoas que estaban inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia e pediron participar neste procedemento e que, finalmente, resultaron adxudicatarios. Así, foron adxudicadas 10 novas vivendas de protección autonómica ademais de coñecerse o listado de reserva dos posibles beneficiarios no caso de que os primeiros non formalicen en tempo as correspondentes hipotecas.

As 10 vivendas sorteadas esta mañá pertencen á promoción do Cuarteirón Castelo de San Sebastián que está conformada polos inmobles ubicados en San Sebastián 4-6 e Subida ao Castelo 5-7. Conta tamén con 2 locais comerciais de 34,03 m2 e 33,71 m2.

Todas as vivendas son de un dormitorio e contan con superficies que van dende os 46,24m2 aos 68,20m2. O prezo da vivenda máis barata é de 67.048,00 euros mentres que a máis cara é de 109.120,00 euros.

A recuperación destes 4 edificios foi deseñada polos seus arquitectos, Javier Franco e Vicente Pintos, coma un lugar aberto dotado con 11 mobles modulares que permitirán aos seus adxudicatarios organizar o interior ao seu gusto, separando os espazos en función das súas necesidades. A rehabilitación xa está rematada e nela o Consorcio Casco Vello de Vigo investiu máis de 1,2 millóns de euros.

A partires de hoxe, os 10 beneficiarios recibirán por parte do CCVV –participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo- a comunicación formal coma adxudicatarios. Este xoves o CCVV organizará unha xornada de portas abertas e, posteriormente, serán citados a unha reunión para levar a cabo a asignación da vivenda concreta que lles tocou. Os beneficiarios terán 45 días para formalizar as súas hipotecas e rematar logo o proceso coa entrega de chaves dos seus pisos.

DSC09753Características das 10 vivendas

As vivendas adxudicadas conta con as seguintes características:

  • Planta baixa (SC5): 1 dormitorio + baño + salón comedor + cocina.

Superficie: 46,24 m2. Prezo: 67.048,00€

  • Planta baixa (SC7): 1 dormitorio + baño + salón comedor + cocina.

Superficie: 46,24 m2. Prezo: 67.048,00€

  • Primeiro (1SC5): 1 dormitorio + baño + salón comedor + cocina.

Superficie: 67,66 m2. Prezo: 98.107,00€

  • Primeiro (1SC7): 1 dormitorio + baño + salón comedor + cocina.

Superficie: 67,66 m2. Prezo: 98.107,00€

  • Primeiro (1SS4): salón comedor dormitorio (mesmo espazo) + cocina + baño.

Superficie: 59,16 m2. Prezo: 85.782,00€

  • Primeiro (1SS6): salón comedor dormitorio (mesmo espazo) + cocina + baño.

Superficie: 56,13 m2. Prezo: 81.388,50€

  • Segundo (2SC5) ÁTICO: 1 dormitorio + salón comedor +cocina + baño.

Superficie: 68,20 m2. Prezo: 109.120,00€

  • Segundo (2SC7) ÁTICO: 1 dormitorio + salón comedor +cocina + baño.

Superficie: 67,70 m2. Prezo: 108.320,00€

  • Segundo (2SS4) ÁTICO: salón comedor dormitorio (mesmo espazo) + cocina + baño. Superficie: 59,16 m2. Prezo: 94.656,00€
  • Segundo (2SS6) ÁTICO: salón comedor dormitorio (mesmo espazo) + cocina + baño. Superficie: 56,13 m2. Prezo: 89.808,00€

Balance actual de actividade

O CCVV adquiriu un total de 70 inmobles, dos cales 40 xa foron totalmente rehabilitados, o que se traduce na consecución de 91 vivendas (74 para venda, 12 para aluguer e cinco para realoxos) e 23 locais comerciais (15 xa teñen actividade empresarial, dous abrirán proximamente, outros catro sairán a concurso e os outros dous son os relativos á sede de APEC e ao novo Servizo de Notificacións e Embargos).

Dez inmobles foron transmitidos a outras institucións, incluíndo aquí, entre outros, os últimos tres edificios da Ribeira do Berbés (números 11-13-15) onde a Universidade de Vigo construirá o seu Centro de Linguas, así coma os catro inmobles adquiridos polo Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís de España (Real, 29-31-33 e Alta, 26), desde onde xa operan.

Así mesmo, xa foron licitadas as obras de rehabilitación doutros catro edificios emprazados na rúa Ferrería, concretamente, nos números 10-12 e 45-47 dos que, logo da intervención prevista, se porán no mercado outras seis vivendas de protección autonómica (VPA) e dous locais comerciais.

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.