O Consorcio entrega outra das 10 VPA sorteadas polo IGVS o pasado mes de marzo
- A firma da escritura e hipoteca deste novo piso, pertencente á promoción San Sebastián 4-6/Subida ao Castelo 5-7, celebrouse esta mañá unha notaría da nosa cidade
- Coa entrega de chaves de hoxe xa son 69 as novas familias que residen no barrio desde que o organismo comezou a súa oferta de posta no mercado de pisos rehabilitados
- O prezo da VPA adquirida é de 108.000 euros (sen IVE), conta cun dormitorio e cunha superfice de 67,70 m2
Vigo, 07-07-2015-. A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch, entregou este martes outra das 10 Vivendas de Protección Autonómica (VPA) sorteadas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) o pasado mes de marzo.
A firma de escritura e hipoteca deste piso, o 2º de Subida ao Castelo, celebrouse esta mañá unha notaría da nosa cidade. A máxima responsable do organismo -participado nun 90% pola Xunta e nun 10% polo Concello- agradeceu as novas veciñas a chegada ao barrio histórico.
O inmoble posto no mercado ten un prezo de 108.300 (sen IVE), conta cun dormitorio e unha superficie de 67,70 m2. A cociña está completamente equipada. Coa entrega das chaves de hoxe, xa son 69 as familias que residen na zona desde que o CCVV comezou a súa oferta de pisos rehabilitados, no ano 2011.
Ata a actualidade, o IGVS sorteou xa 74 VPA que formaron parte dun total de 5 fases con distintas promocións de inmobles. Dos 10 pisos de protección adxudicados o pasado mes de marzo, xa foron entregados 7.
6º sorteo próximo
O CCVV segue adiante co proceso de adxudicación doutras 8 VPA, correspondentes a San Sebastián 24-26 (4) e Ferrería 3-5-7 (4). Todas elas contan con 1 e 3 dormitorios e unhas superficies útiles que oscilan entre 53,84 metros cadrados e 97,59 m2. O prezo destas novas 8 vivendas vai desde 80.388 euros (sen IVE), a máis barata, mentres que a máis cara é de 126.701 euros (sen IVE).
Ademais deste novo sorteo, o CCVV aínda ten dispoñibles outros 4 pisos que se poden adxudicar de forma directa. Os interesados teñen que estar inscritos previamente no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda, no apartado de Vivenda de Promoción Privada de Réxime Concertado, na casiña de compra.