O Consorcio entrega as chaves doutras 3 vivendas co que xa son 68 as novas familias que residen no barrio
-
A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch, entregou hoxe as chaves aos propietarios doutras 3 Vivendas de Protección Autonómica (VPA) rehabilitadas polo organismo e pertencentes á promoción San Sebastián 4-6/Subida ao Castelo 5-7
-
É a segunda firma de escrituras que realiza o organismo en menos de 15 días despois de que outras 3 novas familias recibiran as súas chaves o pasado día 22
-
Os prezos dos pisos destes novos veciños oscilan entre os 85.700 euros (sen IVE) e os 98.100 euros (sen IVE) do máis caro
-
Os 3 pisos entregados hoxe forman parte do último sorteo desenvolvido polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS)
Vigo, 03 de xullo de 2015- A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch, entregou hoxe as chaves doutras 3 Vivendas de Protección Autonómica (VPA) co que xa son 68 as novas familias que residen no barrio histórico desde que o organismo comezou a súa oferta de posta no mercado de pisos hai agora 4 anos.
A firma das hipotecas e das escrituras destes 3 novos pisos, rehabilitados polo CCVV, celebrouse este venres nunha notaría da nosa cidade, na que Bravo Bosch aproveitou para dar a benvida aos novos donos dos seus pisos e para agradecerlles tamén a súa aposta decidida para residir na zona.
Trátase da segunda vez, en menos de 15 días, que o organismo entrega de novo 3 pisos tamén pertencentes ao último sorteo realizado polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), hai tan só 3 meses. Das 10 VPA adxudicadas nese sorteo, xa foron entregadas 6 delas.
As 3 VPA adquiridas entréganse coas súas cociñas montadas e contan cun dormitorio. Trátase do 1º de San Sebastián, 4; do 1º de Subida ao Castelo, 5; e do 2º de San Sebastián, 6. Os prezos das mesmas oscilan entre os 85.700 euros (sen IVE) do máis barato e os 98.100 euros (sen IVE) do máis caro. As superficies das VPA van desde os 59,16 metros cadrados aos 67,66 m2. Ata a actualidade, o IGVS sorteou xa 74 VPA que formaron parte dun total de 5 fases con distintas promocións de inmobles.
VPA que formarán parte dun 6º sorteo O CCVV segue adiante co proceso de adxudicación doutras 8 VPA, correspondentes a San Sebastián 24-26 (4) e Ferrería 3-5-7 (4). Todas elas contan con 1 e 3 dormitorios e unhas superficies útiles que oscilan entre 53,84 metros cadrados e 97,59 m2. O prezo destas novas 8 vivendas vai desde 80.388 euros (sen IVE), a máis barata, mentres que a máis cara é de 126.701 euros (sen IVE).
Ademais deste novo sorteo, o CCVV aínda ten dispoñibles outros 4 pisos que se poden adxudicar de forma directa. Os interesados teñen que estar inscritos previamente no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda, no apartado de Vivenda de Promoción Privada de Réxime Concertado, na casiña de compra.
Balance actual de actividade O CCVV adquiriu un total de 70 inmobles, dos cales 43 xa foron totalmente rehabilitados, o que se traduce na consecución de 99 vivendas -82 para venda, 12 para aluguer e 5 para realoxos- e 27 locais comerciais -17 xa teñen actividade empresarial, 3 están en proceso de adxudicación mediante concurso público e outros 4 están recén rematados, 1 máis está pendente do uso e os outros 2 son os relativos á sede de APEC e ao novo Servizo de Notificacións e Embargos.
Así mesmo, 10 inmobles foron transmitidos a outras institucións, incluíndo aquí, entre outros, os últimos 3 edificios da Ribeira do Berbés (números 11-13-15) onde a Universidade de Vigo construirá o seu Centro de Linguas, así coma os 4 inmobles adquiridos polo Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís de España (Real, 29-31-33 e Alta, 26), desde onde xa operan.
Así mesmo, xa foron licitadas as obras de rehabilitación doutros 4 edificios emprazados na rúa Ferrería, concretamente, nos números 10-12 e 45-47 dos que, logo da intervención prevista, se porán no mercado outras 6 VPA e 2 locais comerciais.