O CCVV pon en marcha un concurso para o alugueiro de 20 locais comerciais
Vigo, 3 de xuño do 2022.- O Consello de Administración do Consorcio Casco Vello de Vigo, reunido esta mañá baixo a presidencia de Marta Mª. Fernández-Tapias Núñez, aprobou a convocatoria dun concurso para a adxudicación en alugueiro de 20 locais comerciais da súa propiedade situados en distintas zonas do seu ámbito de actuación.
Este plan de actuación inscríbese no obxectivo fundacional do CCVV de fomentar todo tipo de iniciativas que contribúan á dinamización social e económica desta zona da cidade.
O acordo adoptado polo órgano reitor desta entidade, integrada nun 90 por cento pola Xunta de Galicia e nun 10 por cento polo Concello de Vigo, inclúe tamén a aprobación do prego de condicións que rexerá neste proceso de adxudicación e que terá un período de validez de 5 anos. Entre os aspectos máis destacados deste prego, que poderá ser consultado na súa totalidade no apartado de PERFIL DO CONTRATANTE da páxina web do Consorcio, figura o período inicial de alugueiro dos locais que se adxudiquen, que será de sete anos prorrogables. O prego tamén fixa a renda anual que servirá de base para a licitación de cada un dos locais, que non será actualizada durante os sete primeiros anos de alugueiro. Os particulares ou empresas interesadas poderán presentar ofertas por un máximo de cinco locais para o que contarán cun prazo de tempo aínda por determinar –pero que en ningún caso será inferior aos 30 días- a contar desde a publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia; a tramitación de todas estas ofertas realizarase a través da plataforma de contratación electrónica SILEX.
En todos os casos as ofertas terán que adaptarse aos usos recoñecidos para cada un dos locais no Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Casco Vello de Vigo. O acordo adoptado polo consello de administración do CCVV recolle tamén a posibilidade de que aqueles locais que non resulten adxudicados neste concurso, ou que por calquera circunstancia queden libres durante o período de validez do prego de condicións, poidan ser ocupados a través dun trámite de adxudicación directa.
Listaxe de locais incluídos no concurso.
Local m2 computables renda mensual
1) Abeleira Menéndez, 11…………………………..79,93 199,81 €
2) Abeleira Menéndez, 16…………………………..39,50 98,75 €
3) Abeleira Menéndez, 18…………………………..55,18 137,95 €
4) Abeleira Menéndez, 26…………………………..66,87 167,18 €
5) Cruz Verde, 5 Dereita Local B………………….. 61,30 153,25 €
6) Cruz Verde, 5 Esquerda Local A……………….. 59,73 149,33 €
7) Cruz Verde, 12……………………………………44,65 111,63 €
8) Ferrería, 5 Local 1…………………………………29,89 74,73 €
9) Ferrería, 5 Local 3………………………………..47,69 119,23 €
10) Ferrería, 11-San Sebastián, 3…………………..98,80 247,00 €
11) Ferrería, 12………………………………………..66,41 166,03 €
12) Real, 25……………………………………………72,17 180,43 €
13) San Sebastián, 4………………………………….46,22 115,55 €
14) San Sebastián, 6………………………………….45,53 113,83 €
15) San Sebastián, 8………………………………….28,06 70,15 €
16) San Sebastián, 26………………………………..59,50 148,75 €
17) Santiago, 15 local III-IV dereita…………………34,34 85,85 €
18) Santiago, 19………………………………………34,45 86,13 €
19) Subida á Costa, 5……………………………….102,11 255,26 €
20) Ribeira do Berbés, 29……………………………69,35 173,38 €
Orzamento rexeitado
Por outra banda, na mesma reunión abordouse o orzamento para este ano, que foi rexeitado co voto en contra dalgúns dos representantes municipais integrantes do Consello de Administración, o que dificultará a execución de varias da Vivendas de Protección Oficial promovidas polo CCVV.