Coa entrega de 4 vivendas máis, xa son 10 as novas familias que se instalan no Casco Vello tras o último sorteo do IGVS

  • A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch, entregou as chaves aos propietarios doutras 4 Vivendas de Protección Autonómica (VPA), rehabilitadas polo organismo, e pertencentes ao sorteo dos 12 pisos que realizou o pasado mes de setembro o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).
  • Trátase dos pisos 1ºA (1 dormitorio)  e 2ºA (3 dormitorios)  pertencentes a promoción Ferrería 33-35, da vivenda E (2 dormitorios) de Ferrería 25-27-29-31 e da vivenda B (2 dormitorios)  do Canellón do Estreito, 12. O prezo da VPA máis barata entregada foi de 65.900,52 euros (sen IVE) e as súas superficies van desde os 47,25 m2 aos 92,57 m2.  
  • Cos novos pisos entregados pola presidenta do CCVV, xa son 10 as novas familias instaladas na parte alta do barrio tras o último sorteo. A data de hoxe, daquelas 12 VPA adxudicadas, só quedan 2 por entregar.
  • Dende que se iniciou o proceso de compravenda das vivendas rehabilitadas polo Consorcio no ano 2011, xa son ao redor de 60 novas familias as que apostaron por formar parte do novo Casco Vello. 

Vigo, 23 de marzo de 2014-. A delegada territorial da Xunta de Galicia e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), María José Bravo Bosch, entregou as chaves doutras 4 Vivendas de Protección Autonómica (VPA), rehabilitadas polo organismo, e pertencentes ao último sorteo de 12 pisos celebrado polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) o pasado mes de setembro en Vigo. Cun acto de entrega de chaves celebrado na Delegación da Xunta, a presidenta do CCVV deu a benvida aos 4 novos propietarios, co que xa son 10 as últimas novas familias instaladas no barrio histórico grazas ao actual proceso de adxudicación.

O acto para a firma das hipotecas e das escrituras destes novos pisos postos no mercado polo CCVV –participado nun 90% pola Xunta e nun 10% polo Concello- celebrouse esta mesma semana. Para cando remate o proceso de adxudicación destas 12 VPA do último sorteo, serán ao redor de 60 as familias que xa residirán no barrio desde que o organismo comezara a súa oferta de vivendas, no ano 2011.

Con respecto a estas 4 novas VPA entregadas, trátase dos pisos 1ºA (1 dormitorio)  e 2ºA (3 dormitorios)  pertencentes á promoción Ferrería 33-35, da vivenda E (2 dormitorios) de Ferrería 25-27-29-31 e da vivenda B (2 dormitorios)  do Canellón do Estreito, 12. O prezo da VPA máis barata entregada foi de 65.900,52 euros (sen IVE) e a máis cara ascendeu aos 129.109,23 euros (sen IVE). As súas superficies van desde os 47,25 m2 aos 92,57 m2.

Unha vez máis, e grazas a decisión adoptada polo Consello de Administración do CCVV hai preto dun ano de rebaixar o custo das vivendas para facilitar aínda máis a chegada das novas familias ao barrio nos actuais tempos de crise, os aforros nas entregas desta semana oscilaron entre máis de 22.900 euros e os máis de 35.000 euros.

Na actualidade, o CCVV segue adiante co proceso aberto de adxudicación das restantes 2 VPA sorteadas polo IGVS e que se atopan nas promocións Ferraría 25-27-29-31 (1 vivenda) e Canellón do Estreito, 12 (1 vivenda). Así mesmo tamén poden adxudicarse outras 3 VPA baleiras de forma directa e que se atopan en Ferrería 11-13-15-17/San Sebastián 1-3-5-7 (2 pisos) e Santiago, 19 (1 piso).

O requisito para poder acceder tanto aos pisos mediante adxudicación directa e coma nos sorteos futuros do IGVS é estar inscrito no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia no apartado de Vivenda de Promoción Privada de Réxime Concertado, na casiña de compra.

Ata o de agora, o CCVV adquiriu 64 inmobles, dos cales 36 xa foron totalmente rehabilitados, o que se traduce na consecución de 21 locais comerciais e 81 vivendas -64 para venda, 12 para aluguer e 5 para realoxos-. Na actualidade hai 4 inmobles cuxas rehabilitacións están en execución, para dar lugar a 10 vivendas e 2 locais comerciais.

4 VPA entregadas esta semana: 

Ferraría 25-27-29-31 (1 piso):

Vivenda E: 2 dormitorios e superficie útil de 73,14 m2. Prezo: 102.009,82 euros (sen IVE). Prezo anterior: 129.729,88 euros (sen IVE). Aforro para o adxudicatario tras a rebaixa: máis de 27.700 euros.

Ferraría 33-35 (2 pisos):

 1ª A: 1 dormitorio e superficie útil de 47,25 m2. Prezo: 65.900,52 euros (sen IVE). Prezo anterior: 88.808,27 (sen IVE). Aforro para o adxudicatario tras a rebaixa: máis de 22.900 euros.

2ª A: 3 dormitorios e superficie útil de 88,35 m2. Prezo: 123.223,51 euros (sen IVE). Prezo anterior: 156.708,16 (sen IVE). Aforro para o adxudicatario tras a rebaixa: máis de 33.400 euros.

Canellón do Estreito, 12 (1 piso):

Vivenda B: 2 dormitorios e superficie útil de 92,57 m2. Prezo: 129.109,23 euros (sen IVE). Prezo anterior: 164.193,26 euros (sen IVE). Aforro para o adxudicatario tras a rebaixa: máis de 35.000 euros.

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.