O Comité Executivo do CCVV aproba o proxecto para a rehabilitación de Elduayen 31

  • Construiranse seis novas vivendas de dous ou tres dormitorios

  • A recuperación deste edificio supoñerá un investimento próximo aos 900.000 €

 

Vigo, 13 de junio de 2019.– O comité executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo, reunido hoxe en sesión extraordinaria baixo a presidencia de Ignacio López-Chaves, delegado de la Xunta de Galicia en Vigo, aprobou a modificación do proxecto para a rehabilitación do edificio situado en Elduayen 31, que permitirá a creación dun local comercial, rochos e seis vivendas.  

 O proxecto agora aprobado, elaborado pola arquitecta Marian Leboreiro Amaro, e para o que tamén se acordou o inicio do proceso de adxudicación das obras, supoñerá un investimento próximo aos 900.000 euros que permitirán actuar sobre un solar de 182,74 metros cadrados con fronte ás rúas Elduayen e Ferrería. Os condicionantes urbanísticos recolleitos no Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) do Casco Vello, que implican a necesidade de manter un patio interior, levaron a unha formulación de recuperación na que, aínda que funcionarán como unha única comunidade, existirán na práctica dous edificios: un con fachada cara á rúa Elduayen, que constará de cinco plantas cun local comercial na planta baixa e unha vivenda en cada unha delas restantes, e outro con fachada de tres plantas cara á rúa Ferrería na que se crearán dúas vivendas tipo dúplex. Ambas as construcións compartirán a planta baixa e terán instalacións e servizos comúns.

Rochos e ascensor

 O total de metros cadrados construídos será de 829,35, dos que 695,54 terán a categoría de útiles. O local comercial situado na planta baixa contará cunha superficie útil de 131,5 m2; as catro vivendas orientadas cara á rúa Elduayen, todas elas con dous dormitorios, baño, salón-comedor-cociña e lavadoiro- tendal, terán unha superficie próxima aos 61 m2; os dous dúplex orientados cara a Ferrería, cada un deles con entrada independente, esténdense sobre unha superficie de 100 metros cadrados e contarán con tres dormitorios, dous baños, salón-comedor, cociña e lavadoiro- tendal. A promoción dispoñerá tamén de catro rochos, situados na planta primeira e, na construción orientada cara a Elduayen, con ascensor. 

A fachada do edificio orixinal manterase nos seus elementos básicos.

De acordo coas especificacións do citado PEPRI, o edificio resultante desta nova intervención do CCVV deberá conservar os elementos da fachada orixinal de tres alturas –varandas, balcóns, carpinterías exteriores- sobre a que se permite a adición de dúas novas plantas. Entre os elementos característicos da edificación primigenia estaban unhas liñas de azulexo “á portuguesa” nas entrecalles, perdidas nas tarefas de desmonte, e que serán substituídas por bandas de morteiro monocolor.

 Coa aprobación deste proxecto serán catro as promocións que o CCVV, organismo integrado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia e nun 10 por cento polo Concello de Vigo, teñe en distintas fases de execución na actualidade: Cruz Verde 12, Abeleira Menéndez 16, Berbés 41 e Elduayen 31. Así mesmo, neste momento atópase en fase de adxudicación unha vivenda no edificio situado na rúa San Sebastián 24, para a que o Instituto Galego de Vivenda e Solo abriu recentemente o proceso de presentación de solicitudes.

 

Facebook