O sorteo ante notario pon fin ao proceso de adxudicación das dúas vivendas de San Francisco, 15
Vigo, 26 de septembro do 2021.- A orde de adxudicación das dúas vivendas promovidas polo Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) na rúa San Francisco, 15 quedou establecido nun sorteo público realizado ante notario esta mañá na sede do Instituto Galego de Vivenda e Solo en Vigo, e que puido ser seguido en directo en streaming a través da páxina web do CCVV.
No sorteo participaban as 46 candidaturas admitidas tras a finalización da fase de presentación de documentación, quedando fora do mesmo 8 por non axustarse ás condicións establecidas para poder optar a vivendas de Protección Oficial de Promoción Privada, categoría na que se sitúan as promocións do Consorcio Casco Vello de Vigo.
A partir deste intre ábrese un período para que os candidatos, segundo a orde establecida no acto levado a cabo hoxe, formalicen a compra definitiva de ambas as vivendas.
Características
San Francisco, 15 supón a primeira intervención do CCVV nesta rúa da zona baixa do Casco Vello, moi próxima á praza do Berbés. O edificio foi adquirido en setembro de 2018; ocupa un solar de 86 metros cadrados aproximadamente e orixinariamente contaba cun local comercial en planta baixa e tres alturas. Ante as características do edificio e da zona en que se atopa, cunha importante cota de desnivel entre a parte dianteira e traseira, o arquitecto Rafael Cabeza Rey- Stolle, autor do proxecto de rehabilitación, optou pola creación de dúas vivendas, tipo dúplex, cada unha delas con acceso independente. En ambas as vivendas diferénciase a denominada “zona de día”- dotada de salón-comedor-cociña, aseo e lavadoiro tendal e situada nas plantas inferiores- das “zonas de noite” que, situadas nas plantas superiores, contan con tres dormitorios e un baño.
A vivenda A, que ocupa a planta baixa e a primeira planta, ten unha superficie de 110 metros cadrados e o seu prezo de adxudicación quedou fixado en 188.000 euros, máis ive. A vivenda B, situada nas plantas segunda e terceira, conta con dez metros cadrados máis de superficie e o seu prezo elévase ata os 210.000 euros, máis ive.