O Consorcio Casco Vello adxudica as obras das suas promocións Berbés 29 e San Francisco 15

Crearanse seis novas vivendas e un local comercial na zona do vello porto pesqueiro vigués

 

O comité Executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo ( CCVV), reunido con carácter extraordinario esta mañá, adxudicou a execución das obras das súas dúas próximas promocións, situadas na praza do Berbés 29 e na rúa San Francisco 15, ambas na zona do vello barrio pesqueiro vigués.

Estado actual do solar onde se realizará a promoción Berbés 29.

A primeira das obras, Berbés 29, foi adxudicada a Construcións Abal S.A., que presentou a oferta mellor valorada das seis empresas que acudiron ao concurso convocado polo CCVV. O importe final da adxudicación é de 858.666,17 euros (máis o IVE correspondente), que permitirá a creación de 4 novas vivendas e un local comercial na popular praza mariñeira viguesa. As obras desenvolveranse ao longo do que queda de ano e durante 2021 e supoñen unha das rehabilitacións de maior envergadura acometidas polo Consorcio na zona do Berbés desde a súa creación fai agora quince anos, que se suma ás actualmente en marcha en Berbés 41 e á construción por parte da Universidade de Vigo da súa sede urbana e da Consellería de Turismo dun albergue de peregrinos, obras realizadas en edificios propiedade do Consorcio Casco Vello cedidos a ambas as institucións mediante senllos convenios.

 

 

San Francisco 15.

 Por outra banda, PRACE, Servizos e Obras S.A., fíxose coa adxudicación da promoción San Francisco 15. A súa oferta, a mellor valorada das tres presentadas no preceptivo concurso convocado polos órganos de dirección do CCVV, permitirá rehabilitar, por un importe de 306.238 €, máis ive, un edificio adquirido polo Consorcio hai dous anos. O proxecto presentado polo arquitecto Rafael Cabeza Rey-Stolle, permitirá dotar á zona de dúas novas vivendas tipo dúplex con máis de cento dez metros cadrados de superficie cada unha delas.

 

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.