O Consorcio aproba a adquisición dun novo inmoble na Rúa Real
O Comité Executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo, reunido esta mañá baixo a presidencia de Ana Ortiz Alvarez, aprobou a compra, para a súa posterior rehabilitación, do inmoble situado nos números 20 da rúa Real e 41 da rúa Teófilo Llorente; no seu día este inmoble contaba con dúas plantas e bufarda e tamén cun patio interior pero, e como consecuencia do seu mal estado de conservación, foi demolido conservándose na actualidade tan só a fachada. A ficha do PEPRI Casco Vello establece o alto valor urbanístico desta construcion, sinalando que se trata dun notable exemplo da primeira arquitectura decimonónica realizada en Vigo, destacando os balcóns corridos nas tres alturas coas que contou tras a súa construción en 1900.
A nova adquisición permitirá ao CCVV levar a cabo, nun futuro próximo, a súa cuarta intervención directa na rúa Real, tras as rehabilitacións acometidas nos números 13, 16 e 25 que supuxeron a creación de oito vivendas . Estas intervencións inscribinse na pretensión do Consorcio de incrementar a súa actividade na denominada zona baixa do casco vello, tras uns primeiros anos no que as súas actuacións se concentraron na zona alta.