Máis vida no Casco Vello neste ano que remata
Unha vez máis queremos facer un repaso de todo o que este ano que remata deu de si: novos sorteos, novos veciños, novos emprendedores,… Neste 2015 vivíronse acontecementos moi importantes para a rehabilitación do Casco Vello de Vigo, que estamos a conseguir entre todos.
Comezábamos o ano coa prórroga do convenio marco de colaboración con Abanca para seguir facilitando a concesión de hipotecas aos adxudicatarios das Vivendas de Protección Autonómica (VPA) de prezo concertado rehabilitadas polo Consorcio Casco Vello de Vigo. Deste xeito, reforzábase a súa colaboración a través dun novo documento que facilita alternativas atractivas de crédito a particulares que resulten adxudicatarios destas vivendas.
Este convenio de colaboración ampliábase en febreiro co primeiro convenio de financiamento específico para facilitar a chegada de emprendedores ao barrio histórico. A este convenio financeiro poden acollerse os inquilinos dos negocios que xa contan con actividade empresarial no barrio e tamén aqueles futuros adxudicatarios resultantes de vindeiros concursos públicos de locais comerciais.
Foi tamén en febreiro cando se coñeceu a nova de que as obras da promoción San Sebastián 24-26 e Ferrería 3-5-7 estaban a punto de rematar. Tras investir máis dun millón de euros na recuperación dos 5 inmobles que estaban completamente degradados e abandonados cando foron adquiridos, desta promoción saíron 8 pisos de protección autonómica así coma outros 4 locais comerciais. O sorteo público, do que vos falaremos máis adiante, realizouse en xullo.
Pero antes dese sorteo, que sería o sexto, en marzo realizouse o quinto sorteo público para a promoción San Sebastián 4-6 e Subida ao Castelo 5-7, da que saíron 10 novas vivendas de protección autonómica. A recuperación destes 4 edificios foi deseñada polos seus arquitectos, Javier Franco e Vicente Pintos, coma un lugar aberto dotado con 11 mobles modulares que permiten aos seus adxudicatarios organizar o interior ao seu gusto, separando os espazos en función das súas necesidades.
Tan só 3 días despois realizouse unha xornada de portas abertas desas vivendas para que tanto os adxudicatarios coma os suplentes puideran visitalas. Persoal do organismo e os arquitectos encargados da rehabilitación dos edificios mostraron o interior das vivendas ademais de responder ás distintas cuestións expostas polos asistentes.
Marzo remataba cunha estupenda nova: o día 28, coincidindo coa Reconquista, abría as súas portas o obrador de pan Trastrigo no número 11 de Ferrería, local rehabilitado polo Consorcio. Macarena Cuíñas, Jorge Justo, Francisco Valverdú, Tomás González e Emilio González, coñecedores da oportunidade que lles ofrece a día de hoxe o Casco Vello, decidiron apostar polo barrio histórico co obxectivo de suplir unha carencia: ofrecer pan diario e de calidade ao seus veciños. Pero o tema non quedou aí xa que, uns meses despois, Trastrigo abría o seu despacho de Pan no número 25 da rúa Real, noutro dos locais rehabilitados polo Consorcio.
O 21 de abril o Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOP) publicaba o anuncio dun novo concurso público polo que o Consorcio adxudicaría 3 locais comerciais emprazados na parte alta do Casco Vello: San Sebastián, 4; San Sebastián, 6 e Cruz Verde, 5.
As rendas mensuais destes 3 baixos oscilan entre 108,49 euros e 173,37 euros, xa que o CCVV –participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo- segue a aplicar un desconto do 50% sobre o seu prezo real durante os dous primeiros anos de arrendamento.
O contrato de aluguer destes locais terá unha duración máxima de 5 anos, cunha opción de compravenda transcorrido un ano dende o efectivo desenvolvemento da actividade a desempeñar.
O 13 de maio, o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) comezaba o procedemento para a adxudicación de oito Vivendas de Protección Autonómica (VPA), rehabilitadas polo Consorcio Casco Vello de Vigo en San Sebastián 24-26 e Ferrería 3-5-7, e das que vos falamos máis arriba. Era o sexto sorteo de vivendas rehabilitadas polo organismo.
Trátase de vivendas desde 55 metros cadrados e algo máis de 80.000 euros de prezo de venda ata os 87 metros cadrados e 127.000 euros.
Este sorteo, o sexto e último polo de agora, realizouse en xullo. Foron 8 as vivendas que participaron nel.
Mentras, en xuño e xullo entregáronse as chaves dos inmobles pertencentes á promoción San Sebastián 4-6, Subida ao Castelo 5-7 e que formaron parte do quinto sorteo do IGVS.
O mes de novembro chegou cargado tamén de bastantes novidades. Unha delas foi o encontro mantido desde o Consorcio co presidente e a directora da Asociación para o Síndrome de Down – Down Vigo, Fernando Molina e Ana Tejada, respectivamente. O motivo desta reunión foi analizar a proposta que a asociación Down Vigo fixo ao organismo parar dispoñer dunha nova sede no Casco Vello para poder ter unhas instalación máis amplas. No Comité Executivo e Consello de Administación celebrado días despois, aprobouse a constitución dun dereito de superficie a favor da asociación no inmoble de Real, 27. Trátase dunha cesión do edificio propiedade do Consorcio a título gratuíto por 40 anos e que permitirá ao organismo, sen a perda da propiedade, rehabilitar o inmoble mentras que o colectivo tería que construír o edificio axustado ás determinacións do Plan Especial de Reforma Interior do Casco Vello (Pepri).
No mesmo Consello decidíronse dous temas tamén relevantes. Por un lado, a adxudicación das obras de rehabilitación en Ferrería 45-47 das que sairán 4 novas Vivendas de Protección Autonómica (VPA) e un local comercial. O seu orzamento de adxudicación ascende á 590.428,64 euros (IVE incluído) e o prazo de execución é dun ano dende a firma do contrato. Por outro lado, adxudicáronse tamén os locais cuxo anuncio se publicara no BOP en abril e dos que vos falamos antes. Nos vindeiros meses comezarán a súa actividade no barrio histórico:
- Conde Sueiro, galería de arte (Cruz Verde, 5)
- Ana Belén, academia infantil (San Sebastián, 4)
- Bertana Enxeñaría, oficina técnica (San Sebastián, 6)
A finais de novembro celebrouse o acto de entrega dos premios Gran de Area do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG). A rehabilitación na promoción San Sebastián 4-6/Subida ao Castelo 5-7, realizada por Javier Franco e Vicente Pintos, foi premiada nesta edición.
Xa por último, imos facer un balance de todo o conseguido coas actuacións levadas a cabo polo Consorcio. O organismo adquiriu un total de 70 inmobles, dos cales 43 xa foron totalmente rehabilitados, o que se traduce na consecución de 99 vivendas -82 para venda, 12 para aluguer e 5 para realoxos- e 27 locais comerciais -17 xa teñen actividade empresarial, 3 están adxudicados a espera de que os emprendedors comecen a súa actividade e outros 4 están xa rematados, 1 máis está pendente do uso e os outros 2 son os relativos á sede de APEC e ao novo Servizo de Notificacións e Embargos.
Así mesmo, 10 inmobles foron transmitidos a outras institucións, incluíndo aquí, entre outros, os últimos 3 edificios da Ribeira do Berbés (números 11-13-15) onde a Universidade de Vigo construirá o seu Centro de Linguas, así coma os 4 inmobles adquiridos polo Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís de España (Real, 29-31-33 e Alta, 26), desde onde xa operan.