Pan de Trastrigo, en Real, 25, calidade e bo facer no pan e empanadas recén saídas do obrador e trato familiar

Dous amplos sorrisos recíbennos a nosa achega ao número 25 da emblemática rúa Real, os de Paz Orois e Maca Cuíñas, as dependentas do despacho de pan Trastrigo. Trátase do último local comercial rehabilitado polo Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) e que comezou a funcionar este verán “cunha moi boa acollida” por parte dos veciños da zona baixa do barrio histórico.

Casco Vello Vigo

Pan de Trastrigo é a prolongación do obrador -tamén de Trastrigo-, emprazado en Ferrería, 17, desde o pasado mes de marzo e de onde saen cada día pans, empanadas e pasteis artesanais de primeira calidade. Cando se proban os distintos produtos elaborados por Trastrigo é imposible non repetir, ademais, o café que se serve é ecolóxico.

Neste despacho ofrecen pans feitos con masa nai de fermentación lenta sen mellorantes químicos, ou o que é o mesmo: pans naturais, artesanais, e con moito máis sabor e máis duradeiros no tempo. Xunto a eles, o cliente de Trastrigo poderá deleitarse cos doces e empanadas, por exemplo, de espinacas ou bacallau, feitas a man e ricas, ricas.

Casco Vello VigoCasco Vello VigoCasco Vello Vigo

Segundo comenta Maca, decidiron apostar pola rúa Real porque o proxecto “encaixaba á perfección á filosofía do produto e os nosos clientes son persoas comprometidas co Casco Vello e cunha nova maneira de facer barrio”. Ademais, as vantaxes ofrecidas polo CCVV á hora de montar o despacho, cun desconto do 50 por cento no prezo do aluguer durante os dous primeiros anos de actividade, tamén son valoradas positivamente por parte da familia de socios que dan vida a Trastrigo e que xa forman parte dos novos emprendedores que seguen a dinamizar o barrio histórico.

“O cambio que está a vivir o Casco Vello é espectacular”, sinala Maca, quen recoñece que é un bo lugar para residir e traballar.

Na xornada que nós fixemos esta reportaxe, o ir e vir de clientes ao despacho de Trastrigo foi un non parar. Fieis clientes que pediron exquisitas tostadas de tomate natural con aceite oliva, cruceristas recén chegados ao porto de Vigo e turistas portugueses de escapada a nosa cidade.

Casco Vello Vigo

Se aínda non coñecedes os produtos de Trastrigo non sabedes o que vos estades perdendo, así que tanto se percorredes a parte baixa (Real, 25) coma a alta (Ferrería, 17) do Casco Vello tedes cita obrigada. Nós xa o fixemos e repetimos sempre!

Lembrade que agora, no verán, Pan de Trastrigo abre en horario de mañá (de 9.30 a 15.30 horas) e, xa en outono, o fará tamén polas tardes.

Casco Vello VigoCasco Vello VigoCasco Vello Vigo

 

O novo Casco Vello de Vigo

Facebook

Twitter