López-Chaves informa do inicio dun novo concurso de aluguer para 5 baixos comerciais na zona alta do Casco Vello de Vigo

 

  • O delegado territorial da Xunta en Vigo e presidente do Consorcio deu conta hoxe dos asuntos tratados no Consello de Administración e no Comité Executivo
  • Se aprobou tamén a adxudicación da construción das obras de reestruturación de Ferrería 10-12, que dará lugar a 2 vivendas e 2 locais comerciais máis
  • Na reunión ordinaria tratouse tamén o problema que os veciños e comerciantes están a ter para aparcar, sobre todo tras o peche do aparcamento de Porta do Sol
  • O delegado considera que é o “momento adecuado” ao ter o Concello “absoluta liberdade” para decidir o sistema de xestión ou explotación que máis pode interesar aos veciños e comerciantes da zona
  • Valora moi positivamente o anuncio do rexedor vigués de incorporarse ao Plan de Transporte Metropolitano porque se notará “inmediatamente no peto dos vigueses”

Casco Vello Vigo

Vigo, 04 de febreiro de 2016.- O delegado territorial da Xunta e presidente do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ignacio López-Chaves, deu conta hoxe en rolda de prensa dos asuntos tratados no Consello de Administración e no posterior Comité Executivo do organismo celebrado esta mañá.

Así, informou da posta en marcha dun novo concurso de aluguer de 5 locais comerciais que se atopan en Ferrería 3-5-7 (tres locais), Ferrería 33 e San Sebastián, 26, todos eles na zona alta do barrio histórico. A día de hoxe, e coma dixo o presidente, todos os baixos comerciais ofertados polo CCVV están alugados. “Os alugueres teñen un gran éxito na actividade do Consorcio e agora que xa temos edificado e adxudicado novos pisos en Ferrería 3-5-7, agora corresponde a licitación destes alugueres nos locais comerciais”.

Ademais, informou que tamén hoxe se aprobou a adxudicación para contratar as obras de reestruturación dun novo edificio no Casco Vello, concretamente na rúa Ferrería 10-12. “É un novo paso adiante”, valorou López-Chaves. A adxudicación se fixo por 270.000 euros e a nova edificación contará con 2 vivendas e 2 locais comerciais máis. O presidente considerou que se trata dunha boa nova posto que nestes momentos están a comezar as obras de rehabilitación en Ferrería 45-47. “Continuamos coa política de recuperación, rehabilitación e posterior venda de vivendas”, dixo, sinalando que a día de hoxe soamente quedan 7 pisos sen vender.

Por último, e dentro do orde do día, López-Chaves informou da aprobación definitiva da cesión dun dereito de superficie a favor da Asociación Down Vigo para o número 27 da rúa Real. Coma dixo, houbo un período de exposición pública onde “non se presentou ningunha alegación” e agora se adxudicou definitivamente ese dereito de superficie.

Aparcadoiro

O delegado explicou tamén que dentro da reunión ordinaria, os membros do Consello de Administración e, tras un prantexamento da Xerencia do organismo, tratouse o problema que teñen os veciños e veciñas e comerciantes con respecto ao aparcadoiro.

López-Chaves informou que nestes momentos se está ante unha “situación magnífica” pola reversión da concesión do aparcadoiro de Porta do Sol ao Concello. “Unha vez que se reverteu, ese aparcamento é tan dos vigueses coma o de Samil, non existe concesión e hai que saber aproveitalo para atender as necesidades dos veciños e comerciantes do entorno do Casco Vello”, considerou o delegado.

Por isto, os membros do Consello presentes na reunión acordaron dirixirse ao Concello para “buscar fórmulas que garantan aos veciños a posibilidade de ter unha praza de aparcamento en condicións adecuadas” e que, coma manifestou López-Chaves, sexa un “aliciente” para conseguir ese “círculo virtuoso” de recuperación total do Casco Vello e se complete así o labor que o CCVV está a levar a cabo dende fai xa 10 anos. “Agora faltan a prestación dos servizos que o Consorcio non pode dar”, dixo facendo mención ao aparcamento e cualificando de “momento adecuado” a situación actual pola inexistencia de concesión do aparcadoiro de Porta do Sol. “O Concello ten absoluta liberdade para decidir o sistema de xestión ou explotación e que garanta aos veciños unha praza de aparcamento”. Sen esta opción, o delegado significou que o CCVV terá unha “grave rémora” para “pechar o círculo da recuperación” do Casco Vello.

Reunión sobre o transporte

A preguntas dos medios, o delegado valorou tamén o encontro celebrado onte entre a Xunta e os 14 alcaldes da Área Metropolitana para falar do transporte. Neste senso, celebrou que o rexedor vigués “diga que nos vamos a incorporar ao Transporte Metropolitano”. “É unha boa noticia para os vigueses que vamos a notar inmediatamente no peto xa que, agora mesmo, ás veces, temos que pagar o transporte urbano porque non estamos no Plan”.

Así, exemplificou varios casos onde os vigueses non terían que pagar o transporte urbano unha vez que Vigo entre no PTM posto que os transbordos os bonifica ao 100% a Xunta de Galicia. “Se un vigués está en Coia e quere ir a Estación Marítima para coller un barco e irse a Cangas, agora mesmo paga 0,86 euros do Vitrasa. Se Vigo se incorpora, o vigués pagaría cero euros por ese billete de Vitrasa”, explicou o delegado.

Por isto considerou una boa nova o dito onte por Abel Caballero. “É unha noticia magnífica porque os vigueses vamos a ser os beneficiados”. “Xa era hora que Vigo se incorporase”, finalizou.

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.