As obras de rehabilitación en Ferrería 45-47 comezan este mes e contarán con 4 vivendas, entre elas un dúplex de 3 habitacións
- O delegado territorial da Xunta e presidente do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ignacio López-Chaves, mantivo esta mañá un encontro coa arquitecta do proxecto, Eva María Castro Álvarez
- Tras a actuación poranse a disposición dos vigueses e viguesas 1 local comercial e 2 vivendas de 1 dormitorio, unha de 2 dormitorios e un dúplex con 3 habitacións
- As superficies das vivendas oscilarán entre 56,65 m2 e 119,65 metros cadrados
- Os traballos contan cun prazo de execución de 12 meses e están xa adxudicados
- O proxecto contempla a existencia dun xardín posterior ademais de respectar e protexer as lareiras existentes de acordo coa normativa
Vigo, 13 de xaneiro de 2016.- O delegado territorial da Xunta e presidente do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ignacio López-Chaves, mantivo esta mañá un encontro coa arquitecta responsable do proxecto de recuperación dos inmobles de Ferrería 45-47, Eva María Castro Álvarez.
Acompañado tamén polo xerente do organismo, Alfonso Ramos, no transcurso da reunión a arquitecta explicou o proxecto plantexado para estas dúas edificacións que, coma dixo López-Chaves en declaracións aos medios, tiveron que ser tratadas conxuntamente. “É un proxecto que coma todos os que se fan na zona do Pepri Casco Vello é complexo e require examinar e condicionar a edificación á natureza do edificio”, comentou. Deste xeito, trátase dunha nova intervención que se suma aos traballos xa postos en marcha polo Consorcio nos últimos anos e que permite superar así a cifra de 100 vivendas recuperadas.
Coma informou o delegado, o custe desta construción supón un investimento de 670.000 euros para dar lugar a 4 vivendas e 1 local comercial. Os traballos de rehabilitación comezarán este mesmo mes toda vez que xa foron adxudicados no último Consello de Administración á UTE Prace, Servizos e Obras S.A./Extraco, Construcións e Proxectos S.A. Contan cun prazo de execución de 12 meses polo que, coma considerou López-Chaves, estarán dispoñibles a finais de ano para formar parte dun novo sorteo de Vivendas de Protección Autonómica (VPA) a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) coma ven sendo habitual neste tipo de procedementos e que xa suporía a sétima fase de posta no mercado por parte do Consorcio, participado nun 90% pola Xunta e nun 10% polo Concello.
A rehabilitación de Ferrería 45-47 contará así cun dúplex de 3 dormitorios, 1 vivenda con dúas habitacións e, por último, 2 pisos con 1 dormitorio ademais de 1 local comercial. As superficies resultantes oscilarán entre 56,65 metros cadrados dun piso de unha habitación e 119,65 m2 do dúplex. O local comercial contará con 63,60 metros cadrados.
López-Chaves especificou tamén que o proxecto contempla a existencia dun xardín posterior “para conseguir luminosidade” ademais de respectar e protexer as lareiras de acordo coa normativa que“aínda se conservan en bo estado”.
Coma dixo o presidente, o obxectivo pasa por continuar coa recuperación da zona histórica da cidade e a rúa Ferrería é un bo exemplo sinalando ademais que este ano tamén se licitará outra obra de rehabilitación nos números 10 e 12. “A xente volve a vivir ao Casco vello, hai locais comerciais que están todos ocupados e que dan vida ao casco histórico”, considerou López-Chaves para engadir que se trata dun proxecto que ten especial interese para a Administración autonómica. “Dende a Xunta se trata con evidente cariño porque é a recuperación do pasado histórico de Vigo”, valorou.
De feito, lembrou tamén que nestes momentos se traballa en outros 4 proxectos máis relativos aos inmobles de Cruz Verde, 8; Ferrería, 8; Subida a Costa, 5 e Subida ao Castelo, 12. Todas estas actuacións nun total de 8 inmobles darán lugar a 13 vivendas e 3 locais comerciais máis. Neste senso, rematou a súa intervención lembrando que “unhas 150 persoas” xa residen a día de hoxe nos edificios recuperados polo Consorcio.