A Porta do Sol, a Praza da Princesa e a Praza da Constitución: centros do Casco Vello
O Casco Vello é un dos barrios máis simbólicos de Vigo. No centro da cidade, as súas rúas están cheas de historia e invitan ao paseante a adentrarse nelas para coñecer e aprender o simbolismo que se agocha detrás de cada rincón.
Se ben é certo que nos últimos anos estase a levar a cabo unha labor de rehabilitación necesaria na zona, e que xa comezou a dar os seus froitos, existen certos espazos que permanecen a través do tempo no Casco Vello e que elevan aínda máis se cabe ese simbolismo e protagonismo que o barrio ten na cidade. Falamos da Porta do Sol, da Praza da Princesa e da Praza da Constitución, centros do Casco Vello.
A PORTA DO SOL é a arteria que divide o Casco Vello Baixo e o Casco Vello Alto. Un dos máis significativos monumentos de Vigo sitúase no seu centro: o Sireno. Esta obra pertence ao escultor galego Franciso Leiro e foi instalada en 1991. Está realizada en aluminio sobre columnas de granito negro pulido. Sobre elas eríxese ese híbrido de home e peixe, ese ser que observa o mar desde o corazón da cidade. Un ser imaxinario que ten parte de peixe, as escamas, e home, as pernas e a cabeza.
Pero ademais da importancia que ten na actualidade, a Porta do Sol foi un dos espazos máis significativos de Vigo ao longo da súa historia. Proba disto é que aquí se situaba unha das sete portas que tiña a antiga muralla de Vigo, que percorría a cidade desde o Castelo de San Sebastián ata a Porta do Sol, baixaba pola rúa Carral ata A Laxe, onde bordeaba o mar ata o Berbés e ata o comezo da rúa Real, onde volvía ascender ata o Castelo de San Sebastián, e cuxa orde de construción fora dada por Felipe IV en 1656 para protexer a cidade dos ataques dos portugueses durante a guerra de independencia de Portugal. De feito, a Porta do Sol toma o seu nome desa porta da muralla, que tiñan un sol esculpido no seu dintel.
Pero non só hai monumentos importantes na Porta do Sol, xa que a PRAZA DA PRINCESA tamén pode presumir de ter a fonte “del Angelote” que simboliza a reconquista de Vigo. Ademais, tamén foi, e segue a ser, unha praza moi importante na historia da cidade. Foi aberta en 1816 en un primeiro momento era coñecida co nome de Pescadería, xa que nela celebrábase o mercado peixe. Non foi ata 1852 cando adoptou o seu nome actual.
Chegou a ser a praza máis importante de Vigo, xa que alí se atopaba a entrada traseira do concello e tamén albergaba un gran teatro que fora edificado por Norberto Velázquez Moreno e que estivo activo ata 1880.
Ao seu carón sitúase a PRAZA DA CONSTITUCIÓN, moi unida historicamente á da Princesa xa que, tras o incendio do edificio que albergaba o Concello en 1851, a Corporación municipal de entón decidiu construír un novo edificio no lugar que ocupaba o anterior, na Praza da Constitución.
É tamén coñecida como a Praza Maior de Vigo e desde ela pódese contemplar tanto a Porta do Sol como as torres da Concatedral. De planta rectangular, está rodeada de edificios antigos de pedra con soportais e balcóns e dela parte unha das rúas máis simbólicas de Vigo: a rúa Cesteiros.