O Consorcio do Casco Vello pon en marcha o proceso de adxudicación de tres novas vivendas

Forman parte das promocións Abeleira Menéndez, 16 e Berbés, 41 

No caso de Berbés, 41 trátase da primeira rehabilitación executada directamente polo Consorcio na emblemática praza viguesa

 

Vigo, 28 de xaneiro de 2021.- O Consello de Administración do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), reunido hoxe telemáticamente baixo a presidencia de Marta Mª. Fernández-Tapias Núñez, delegada da Xunta de Galicia en Vigo, aprobou solicitar a posta en marcha do concurso de adxudicación de 3 novas Vivendas de Protección Autonomica (VPA) incluída nas súas promocións Abeleira Menéndez 16 e Berbés 41. Trátase do undécimo sorteo destas características convocado desde a constitución do CCVV en 2005, cuxa actividade supuxo a adquisición de 82 inmobles de todo tipo nesta histórica zona da cidade de Vigo e a creación de 111 vivendas, ocupadas na súa práctica totalidade, co consecuente impacto na rehumanización desta outrora degradada parte da cidade.

Distribución dunha das plantas de Abeleira Menéndez ,16.

Unha das vivendas que formarán parte do sorteo que agora se pon en marcha ocupa as plantas primeira e segunda do edificio situado no número 16 da rúa Abeleira Menéndez, na denominada zona alta do Casco Vello. Ten unha superficie útil de 92,12 metros cadrados e o prezo de venda establecido na convocatoria é de 157.000 €, máis de 6.500 € por baixo do prezo máximo autorizado no momento da aprobación da categoría de VPA para esta promoción. A recuperación do inmoble inclúe tamén un local comercial situado na planta baixa.

 

Berbés, 41. Alex Fernández Photography

A segunda das promocións cuxo proceso de venda iníciase agora inclúe dúas vivendas que, aínda que forman parte dun único edificio, teñen acceso independente: unha delas –denominada Vivenda A– a través do número 41 da Praza da Ribeira do Berbés e a segunda –Vivenda B– polo número 4 da rúa San Francisco.

A Vivenda A, que ocupa as plantas baixa e primeira, ten unha superficie útil de 69,70 metros cadrados e para a mesma fixeise un prezo de venda de 122.000 euros. A Vivenda B ocupa as plantas segunda e terceira, ten unha superficie útil de 86,98 metros cadrados e o seu prezo estableceuse en 154.000 €. En ambos os casos os importes fixados son lixeiramente inferiores aos máximos autorizados en función da súa categoría.

 

Intervención directa

 

Berbés 41-San Francisco 4 é a primeira construción abordada directamente polo CCVV na emblemática praza, auténtico punto cero da creación da cidade de Vigo. Non é, con todo, a primeira intervención na zona deste organismo, integrado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia e nun dez por cento polo Concello de Vigo, xa que na actualidade están moi próximas as aperturas da Sede Urbana da Universidade de Vigo e dun Albergue de Peregrinos do Camiño de Santiago que, aínda que impulsados pola entidade educativa no primeiro caso e pola Axencia de Turismo de Galicia no segundo, están situados en edificios adquiridos polo Consorcio e cedidos a ambos os organismos mediante senllos convenios. O CCVV ten en marcha, ademais, unha nova promoción na mesma praza, nos números 29 e 31, que proximamente permitirá dispoñer de catro novas vivendas e un local comercial.

Pola súa banda a rehabilitación de Abeleira Menéndez, 16, a oitava adquisición do Consorcio dun edificio nesta rúa, realizada en decembro de 2017, supón a recuperación do que o Plan Especial de Reforma Interior (PEPRI) Casco Vello non dubida en cualificar como “unha das construcións de tipoloxía tradicional máis fermosas do centro histórico vigués”. A pesar desta consideración, e dos distintos e notables elementos arquitectónicos que inclúe, a edificación atopábase nun estado practicamente de ruína no momento da súa adquisición.

 

Facebook