O Comité executivo do CCVV aproba a novena compra dun edificio na Praza do Berbés

  • Berbés, 39 conta con tres plantas, a superior con acceso desde San Francisco, 2

Aspecto actual do edificio recentemente adquirido.

25 de novembro do 2021.- O comité executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo, reunido esta mañá en sesión ordinaria baixo a presidencia de Marta Mª. Fernández-Tapias Núñez, aprobou a adquisición do edificio situado no número 39 da Praza da Ribeira do Berbés. Trátase dun edificio, hoxe desocupado, que conta cun baixo e dúas plantas e que conserva un dos tradicionais soportais mariñeiros que foron durante décadas marca de identidade deste popular enclave vigués. A planta baixa, que tivo no seu día uso comercial e industrial, ten unha superficie de 40 metros cadrados aos que hai que engadir outros 29 do soportal. As plantas superiores, con uso residencial, teñen unha superficie aproximada cada unha delas de 69 metros cadrado; a vivenda situada na planta segunda ten o seu acceso pola rúa San Francisco, en concreto no número 2 desta vía.

O investimento que se realiza para a compra deste edificio, lindeiro con Berbés 41, recentemente rehabilitado e entregados aos seus novos propietarios polo CCVV, é de 152.000 €, incluídos os gastos notariais e de rexistro así como os de adopción dunha serie de medidas urxentes para garantir a seguridade dos viandantes ante a deterioración da construción.

Usos

Coa adquisición aprobada hoxe son nove os edificios adquiridos polo CCVV nesta tradicional praza viguesa. Os números 11,13 e 15 foron os primeiros fitos no labor de apoio á recuperación da fronte marítima da cidade na que está involucrado o CCVV; os tres foron cedidos á Universidade de Vigo para a creación da sede urbana desta institución. Seguíronlle en 2016 Berbés, 5 -onde a Xunta de Galicia puxo en marcha un albergue de peregrinos inaugurado recentemente- Berbés, 41 –xa rehabilitado- e Berbés , 7 (adquiridos en 2017) e Berbés 29 e 31, (adquiridos en 2018) cuxa rehabilitación conxunta está a piques de concluír. As intervencions realizads polo Consorcio Casco Vello de Vigo nestas  edificacións permitiron a creación, á marxe dos usos públicos citados, de seis vivendas e un local comercial na zona.

 

Facebook