O CCVV inicia o terceiro proceso de selección de candidatos de 2021 para adxudicar 4 vivendas no Berbés

  • O Comité Executivo aprobou tamén a demolición de tres plantas fora de ordenación en Ferrería, 16

 

 

Alzado da promoción Berbés, 29

Vigo, 27 de maio do 2021.- O Consello de Administración do Consorcio Casco Vello de Vigo, reunido esta mañá baixo a presidencia de Marta Mª. Fernández-Tapias Núñez, delegada da Xunta de Galicia en Vigo, acordou solicitar ao Instituto Galego de Vivenda e Solo o inicio do proceso de selección de candidatos para optar ás 4 vivendas incluídas na promoción Berbés, 29.

Esta promoción, que inclúe tamén un local comercial, supón a maior das rehabilitacións acometidas polo Consorcio no últimos cinco anos ao alcanzar unha superficie total rehabilitada de 795,70 metros cadrados. Iso é posible grazas a que se trata en realidade da agrupación de tres edificios preexistentes, Berbés, 29; Berbés, 31 e Poboadores, 40 adquiridos conxuntamente en novembro de 2018 polo CCVV.

As catro vivendas cuxo proceso de adxudicación iníciase agora teñen a consideración de Vivenda de Protección Autonómica para venda en réxime concertado. A solicitude remitida ao IGVS inclúe os prezos establecidos para as mesmas, que poden experimentar lixeiros cambios en función de posibles variacións na superficie á conclusión das obras, prevista para o mes de setembro. Así, a vivenda 1, situada na planta primeira, dun dormitorio e cunha superficie de 80,05 metros cadrados, ten un prezo proposto de 145.000 €; a vivenda 2, tipo dúplex que se distribúe entre a planta segunda e terceira, de dous dormitorios e unha superficie de 117,65 m2, adxudicarase inicialmente en 215.000 €; a vivenda 3, de igual distribución á anterior e unha superficie de 118,60 m2, farao en 216.500 €, en tanto que a cuarta vivenda, un tríplex de 82,40 m2, que contará con dous dormitorios, ten previsto un prezo de 152.500 €. Todos estes prezos inclúen o rocho correspondente a cada unha das vivendas.

Este proceso de selección é o terceiro que se realiza este ano para rehabilitacións promovidas polo CCVV, xa que na actualidade está aberto outro para a adxudicación das dúas vivendas resultantes da intervención en San Francisco, 15, tamén na contorna do Berbés, e o pasado día 5 de maio finalizouse o establecido para adxudicar tres vivendas en Berbés, 41 e Abeleira Menéndez, 16.

 

Aspecto actual do edificio en Ferrería, 16.

Novo proxecto para Ferrería, 16 e Elduayen, 39

 

Por outra banda, o Comité Executivo do CCVV, celebrado con posteridade ao Consello de Administración, aprobou tanto o proxecto como o inicio do proceso de adxudicación para acometer unha serie de medidas previas á construción dos edificios situados en Ferrería, 16 e Elduayen, 39 por un importe de 111.043 euros.

A primeira destas medidas, consistirá na implementación da estrutura metálica de soporte do futuro edificio en Elduayen, o que de facto implica o inicio desta rehabilitación. A segunda intervención, a demolición de tres plantas construídas fóra de ordenación en Ferrería 16, ten unha especial importancia urbanística debido a que, grazas á natureza do Consorcio Casco Vello de Vigo como entidade impulsora da recuperación para a cidadanía desta parte da cidade, permitirá axustar as dimensións desta próxima rehabilitación á escala en que o seu día desenvolveuse o Casco Vello, o que se traducirá en aspectos como un menor impacto visual da rehabilitación, sensación de maior amplitude na zona de Ferrería ou a mellora de luminosidade e das vistas en toda esta zona.

 

Facebook