O CCVV adxudica as obras da súa proxima rehabilitación na rúa Real

A característica fachada do edificio conservarase na rehabilitación.

Vigo, 18 do novembro de 2021.-  O comité executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), reunido esta mañá con carácter extraordinario baixo a presidencia de Marta Mª. Fernández-Tapias Núñez, adxudicou á empresa Prace Servizos e Obras S.A. os traballos de rehabilitación da promoción Real, 13 no centro histórico de Vigo. A oferta presentada pola empresa, que supón unha pequena rebaixa do 3,5 % sobre o prezo de licitación recollido no prego de condicións do concurso convocado para esta adxudicación, alcanza a cifra de 557.350,43 € ( iva incluído), que se dividirá en dúas anualidades xa que as obras, que comezarán próximamente, están previstas que conclúan a finais do próximo ano 2022.

O edificio, situado na principal arteria do casco vello de Vigo, é un dos de maior volume construtivo na zona baixa da zona histórica da cidade olívica. O proxecto de rehabilitación, que corresponde a Rodríguez e Rivoira Arquitectos, permitirá crear catro vivendas e un local comercial. Cada unha das novas vivendas terá unha superficie aproximada de 63 metros cadrados e contará cun dormitorio, un baño, comedor-cociña e zona de servizos.  O edificio, que tivo que ser baleirado debido ao seu mal estado de conservación, manterá a súa fachada de pedra con grandes ventás, sen dúbida o elemento máis característico desta centenaria construción, como se recolle na súa ficha do PEPRI Casco Vello.

Outras actuacións

A rehabilitación que agora se inicia sumarase ás outras 5 vivendas xa recuperadas nas dúas promocións previas (Real, 16 e Real, 25) acometidas polo CCVV nesta rúa. Na mesma sitúase tamén a sede dos Rexistros Mercantís de Vigo, construídos sobre unha serie de edificios adquiridos no seu momento polo CCVV.

 

Facebook