O CCVV acorda a posta en marcha do proceso de adxudicación de Real, 13

Vigo, 27 de outubro do 2022.– O Consorcio Casco Vello de Vigo solicitará ao Instituto Galego de Vivenda e Solo a posta en marcha do proceso de selección de candidatos para as catro vivendas que forman parte da súa promoción Real, 13. Esta foi a principal decisión do consello de administración deste organismo celebrado hoxe baixo a presidencia de Marta María Fernández-Tapias Núñez. A aprobación do mesmo supón o pistoletazo de saída para a adxudicación destas catro vivendas, cuxas obras están previstas que conclúan a finais de ano.

Como en todas as rehabilitacións levadas a cabo polo CCVV trátanse de Vivendas de Protección Autonómica construídas na modalidade de promoción privada de réxime concertado; poderán optar ás mesmas todas aquelas persoas rexistradas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia que cumpran os requisitos esixidos para a citada modalidade e que presenten -no prazo que se abrirá proximamente- a súa solicitude para participar no sorteo de adxudicación. 

O acordo adoptado hoxe fixa os prezos de cada unha das catro vivendas resultantes da intervención do CCVV, todas elas cunha superficie útil aproximada de 62,5 metros cadrados, que quedan establecidos así.

 

VIVENDA A     PLANTA PRIMEIRA     105.000 €

VIVENDA B     PLANTA SEGUNDA     108.000 €

VIVENDA C     PLANTA TERCEIRA     111.000 €

VIVENDA D     PLANTA CUARTA        111.000 €

 

A promoción Real, 13 permitirá recuperar un dos maiores edificios construídos no centro do barrio histórico vigués, levantado sobre un solar de 111,52 metros cadrados cunha fronte de fachada cara á rúa Real de 10,24 metros. Foi adquirido polo CCVV en decembro de 2019 e a súa rehabilitación supuxo un investimento de 605.150,50  €. A execución das obras adxudicouse en novembro de 2021 á empresa Prace Servizos e Obras S.A. O proxecto de rehabilitación, que inclúe ademais a creación dun local comercial na planta baixa, foi elaborado por Rodríguez e Rivoira Arquitectos e recolle como un dos seus elementos distintivos a conservación na fachada de pedra das grandes ventás que caracterizan ao edificio.

Facebook