O CCVV adxudica as obras de recuperación de Elduayen 31 por importe de 692.000 €

  • A céntrica rúa viguesa contará grazas a esta intervención con 6 novas vivendas e un local comercial

  • O PAIF do exercicio 2020 contempla un importante incremento do investimento do Consorcio

Alzado do proxecto de intervención do CCVV en Elduayen 31.

Vigo, 6 de setembro de 2019.- O Comité Executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo ( CCVV) , reunido baixo a presidencia da delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Corina Porro, adxudicou a execución do proxecto de rehabilitación da súa promoción Elduayen 31 á empresa Xestión Ambiental de Contratas, o que permitirá en breve prazo poñer en marcha a que é unha das intervencións de maior envergadura acometida polo CCVV nos últimos anos, xa que supoñerá a creación de seis vivendas unifamiliares e un local comercial nunha das rúas máis céntricas da cidade olívica. 

O importe do investimento aprobado polo CCVV -organismo integrado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia e nun 10 por cento polo Concello de Vigo– para executar o proxecto da arquitecta Marian Leboreiro Amaro é de 692.550 € (ive incluído). Permitirá crear un edificio  con accesos desde as rúas Elduayen e Ferrería e que constará de 4 vivendas unifamiliares, con 2 dormitorios, de aproximadamente 61 metros cadrados útiles e dous dúplex, con tres dormitorios,  de 100 metros cadrados útiles. Tamén se creará un local cunha superficie comercial de 131,5 metros cadrados. A nova edificación inclúe no seu equipamento rochos, varias zonas de servizos e ascensor; os seus cinco plantas alzaranse sobre un solar de 182,74 metros cadrados ocupado anteriormente por un edificio que tivo que ser derrubado debido ao seu mal estado de conservación, pero do que se recuperará a súa fachada.

PAIF

Por outra banda, o Consello de Administración do CCVV, reunido con anterioridade ao Comité Executivo, tamén por primeira vez baixo a presidencia de Corina Porro tras o seu recente nomeamento como delegada da Xunta en Vigo, debateu o seu Plan de Actuacións, Investimentos e Financiamento ( PAIF) para o ano 2020. As previsións do organismo rehabilitador son que ao longo do próximo ano xestione catro millóns de euros, procedentes da venda das vivendas rehabilitadas, rendas de alugueres, remanentes de tesourería e as achegas dos seus socios, Xunta de Galicia e Concello de Vigo, que se dobrarán ata alcanzar os 400.000 e 44.000 euros respectivamente. Esta cifra supón un importante incremento respecto a a disposta neste exercicio e permitirá abordar varias rehabilitacións na zona do Berbés e no Casco Vello Alto e adquirir  novos edificios situadas dentro do seu ámbito de actuación.

Así mesmo, os órganos de dirección aprobaron tamén onte a reversión dun dereito de chan outorgado no seu día á Asociación Down Vigo nun edificio da rúa Real adquirido polo Consorcio; esta decisión administrativa adóptase como paso previo para facilitar un posible acordo entre a citada asociación  e o Consorcio Zona Franca de Vigo para relanzar o proxecto de instalación da sede de Down Vigo no Casco Vello.

Espacio Nido, un dos exemplos de uso colaborativo de locais comerciais xa implantado no Casco Vello.

 

Nova xestión

Por outra banda os órganos de dirección do CCVV foron informados sobre o proxecto para a reforma da xestión dos 16 locais comerciais dos que na actualidade é titular, que ten como eixo central o uso colaborativo dos mesmos. 

O proxecto, presentado pola empresa Inova Labs, destaca a existencia desta tendencia na explotación de locais situados en zonas de características similares ao Casco Vello de Vigo, sinalando varios exemplos de casos de éxito e de boas prácticas na súa implantación. A súa análise das características físicas e de utilidade dos locais dispoñibles conclúe cunha proposta de reforma da súa explotación, incluíndo a figura dun xestor profesional. A proposta inclúe, aparte do correspondente plan financeiro da súa viabilidade, a fixación dunha serie de criterios obxectivos que permitirían un seguimento efectivo da súa eficacia.

 

 

 

 

 

Facebook