Casa Bárcena, Rúa Real 14

Un dos exemplos máis significativos no Casco Vello da arquitectura concibida como “reflexo do triunfo da burguesía” de mediados/finais do século XIX en Vigo é o edificio coñecido como Casa Bárcena, na Rúa Real.

O edificio foi proxectado en 1863 polo mestre de obra Manuel de Uceda, en paralelo a outras moitas obras desenvolvidas baixo o mesmo impulso pero fóra xa da zona amurallada, na zona do ensanche.

A situación do edificio dificulta a contemplación do seu harmónico deseño.

 

As pilastras son un dos elementos máis distintivos desta construción.

A construción ten o empaque dun auténtico palacete urbano e na súa fachada á rúa Real constitúe, en palabras de Xaime Garrido e Xosé Ramón Iglesias na súa obra “Vigo Arquitectura Urbana”, un importante exemplo do eclecticismo isabelino aplicado a unha vivenda urbana particular. A zona baixa desta fachada presenta un característico almofadado, en tanto que nas plantas superiores organízase a través de pilastras acanaladas de orde xónica, que soportan unha cornixa decorada profusamente no seu parte inferior. Na parte final das pilastras, baixo os capiteis, incluíuse unha contida decoración de grinalda.

A construción nesta zona é de cantería perfectamente labrada e mostra un “gran equilibrio compositivo cun tratamento ponderado dos elementos clasicistas”. Lamentablemente a súa situación nunha zona especialmente estreita da rúa Real dificulta a contemplación desta fermosa fachada e a súa atinada composición, pioneira na utilización dalgúns elementos que logo serían profusamente copiados noutras construcións da mesma época.

A zona traseira do edificio, de maior altura como consecuencia do importante desnivel entre ambas as fachadas é, porén, de construción moito máis sinxela. Caracterízase basicamente por balconadas corridas na segunda e terceira planta, substituída por unha galeria na cuarta. Conta cunha gran cantidade de vans distribuídos de forma simétrica ao longo de toda a fachada, realizada en cachotería, contando con cantería tan só nos recercados das xanelas e nos taboleiros das balconadas. Posiblemente estivo revocada con morteiro de cal que desapareceu na actualidade.

O novo Casco Vello de Vigo

Facebook

Twitter