Unha visita polo barrio histórico e unha mesa redonda sobre rehabilitación, principais actividades do CCVV para celebrar o premio da XII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo (BEAU)

  • O Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) levará a cabo este venres, día 8, unha xornada sobre arquitectura que se desenvolverá no Edificio Cambón e coa que se pretende poñer en valor o seu traballo de recuperación integral da zona vella.
  • O organismo, participado nun 90% pola Xunta e nun 10% polo Concello, celebrará así o prestixioso galardón co que se recoñece a revitalización e transformación do centro urbano que está a liderar na nosa cidade dende a súa creación no ano 2005.
  • Tras o acto inaugural da xornada, que contará coa presenza do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e do alcalde de Vigo, Abel Caballero, os asistentes que o desexen poderán participar nunha visita guiada polo zona baixa do Casco Vello para coñecer de primeira man parte do valor arquitectónico que as intervencións do CCVV están achegando ao conxunto do barrio.
  • O programa da xornada inclúe tamén unha mesa redonda sobre arquitectura na que estarán presentes responsables do CCVV, da delegación viguesa do COAG e do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) así coma unha conferencia da directora do IGVS, Teresa María Gutiérrez, e do arquitecto Jesús Irisarri.
  • Tamén se recoñecerá o traballo de todos os arquitectos que participaron na labor de recuperación do Casco Vello coa entrega dun diploma conmemorativo e se fará entrega dos premios dos concursos de debuxo e fotografía sobre o Casco Vello no que participaron distintos colexios e institutos da cidade.

Vigo, 5 de novembro de 2013.- O Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo, desenvolverá o vindeiro venres día 8, no Edificio Cambón, a xornada de arquitectura ‘Casco Vello de Vigo: exemplo de rehabilitación, mirando ao futuro. Proxecto premiado na XII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo (BEAU)’. Con esta iniciativa, o organismo pretende celebrar o recente premio outorgado pola prestixiosa institución, que recoñece o traballo de recuperación integral no que a revitalización e transformación do centro urbano se refire, e que se entregará o vindeiro 14 de novembro nun acto que se desenrolará no Matadero de Madrid.

Ao acto inaugural que comezará ás 9:45 horas nas instalacións do Cambón está previsto que asistan o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero. Tamén estarán presentes a presidenta do CCVV, María José Bravo Bosch, o vicepresidente, Santiago Domínguez Olveira, así coma o resto de membros que forman parte do Consello de Administración do organismo. Máis tarde, sobre ás 10:00 horas, haberá unha visita guiada pola zona baixa do barrio histórico con parada na emblemática Praza do Berbés.

Precisamente, os participantes neste roteiro polo Casco Vello coñecerán de primeira man o Plan de Actuación previsto para esta zona do Berbés no que a Xunta investirá 3,6 millóns de euros na rehabilitación da súa fachada e o Concello outros 400.000 euros. A achega autonómica suporá o 90% do investimento previsto, mentres que o 10% restante será por parte da Administración local. O obxectivo é actuar inicialmente en 8 inmobles da Praza do Berbés coa compra dos primeiros edificios.

Xa a partires das 11:15 horas, membros do Consello de Administración do CCVV entregarán os premios dos concursos de debuxo e fotografía sobre o barrio histórico -organizado polo organismo- no que participaron distintos colexios e institutos da nosa cidade. Tamén haberá proxeccións audiovisuais de distintos veciños do barrio histórico que levan residindo no mesmo dende principios do século XX.

A xornada seguirá cun relatorio da directora do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Teresa María Gutiérrez, que dará comezo ás 12:00 horas e que será presentada por Bravo Bosch. Media hora despois será o arquitecto Jesús Irrisarri -responsable da construción da nova sede dos Rexistradores da Propiedade na rúa Real- quen ofreza unha conferencia aos asistentes.

Tamén haberá unha mesa redonda moderada polo vicepresidente do CCVV, Santiago Domínguez, e que contará coas impresións do xerente do organismo, Alfonso Ramos, o presidente da sede viguesa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), Antonio Davila, e o concelleiro de Fomento, David Regades.

O punto e final á xornada correrá a cargo da presidenta do CCVV quen estará acompañada polo vicepresidente e a tenente de alcalde de Vigo, Carmela Silva.

Ademais, durante toda a xornada se proxectará na planta segunda do Edificio Cambón diverso material gráfico a través do que poder contemplar o antes e o despois do Casco Vello dende que no ano 2005 o organismo comezara a actuar na zona.

Fallo do xurado No argumento para o premio outorgado, o xurado da XII BEAU destacou o pasado 28 de xuño que a recuperación se trata “dunha peza emblemática da cidade, xurdida da relación co mar desde que os romanos instaláronse nel e comerciaron a través do seu porto”. Ademais, os profesionais que premiaron ao organismo lembran no seu fallo a situación de marxinalidade e degradación na que se atopaba o barrio histórico e, sobre todo, a súa parte alta e non esquecen o obxectivo principal polo que se creou o CCVV: “servir de motor dun proceso de rehabilitación integral, arquitectónico, urbanístico, económico e social”.

Facebook