Presentadas 108 solicitudes para optar as novas cinco vivendas do Consorcio na zona alta do Casco Vello

Un total de 108 solicitudes presentáronse para optar a algunha das cinco vivendas promovidas polo Consorcio Casco Vello de Vigo nas rúas Subida ao Castelo 12 (4 vivendas Exp.P09-VC-0002/15)  e Subida a Costa 5 (1 vivenda Exp. (P09-VC-0001/16), segundo recóllese nas listaxes provisionais de admitidos e non admitidos publicados polo Instituto Galego de Vivenda e Solo, organismo responsable do proceso de adxudicación das mesmas. En concreto, para a vivenda promovida polo CCVV, organismo integrado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia e nun 10 por cento polo Concello de Vigo, en Subida a Costa 5 presentáronse un total 54 solicitudes, das cales foron admitidas 47. Outras 54 solicitudes presentáronse para optar a algunha das catro vivendas construídas en Subida ao Castelo 12, das que 45 consideráronse válidas, en tanto que outras 9 foron provisionalmente rexeitadas polos servizos de avaliación do IGVS. Todos os solicitantes non admitidos poderán reclamar ata principios da semana vindeira ante eses mesmos servizos para emendar os posibles erros na documentación presentada. Unha vez finalizado este proceso de revisión o IGVS procederá a publicar as listaxes definitivas de admitidos e convocará o concurso público, realizado ante notario, no que se establecerá a orde de adxudicación das vivendas.

Alzado da promoción Subida a Costa 5

 As dúas novas promocións do CCVV que entran agora na fase final de adxudicación supuxeron a este organismo un investimento superior aos 500.000 euros que permitirá continuar coa recuperación da zona alta do barrio histórico vigués. As catro vivendas que se crearon en Subida ao Castelo 12 teñen superficies comprendidas entre os  55 e os 76 metros cadrados útiles. Distribuídas en dúas plantas, todas elas teñen acceso directo desde a rúa e dúas delas contan cun pequeno xardín posterior, en tanto que as outras teñen balcóns abertos cara á rúa que dá nome á promoción. Os prezos dos domicilios agora ofertados oscilan entre os 95.000 e os 125.000 euros.

En Subida a Costa 5 o Consorcio Casco Vello creou unha vivenda unifamiliar, situada na primeira planta, e un baixo comercial, rehabilitando un edificio anteriormente dedicado a usos hostaleiros; situada moi preto do centro de notificacións da Consellería de Xustiza e do Concello de Vigo, a vivenda ten unha superficie de 69 metros cadrados, conta con dous dormitorios e o prezo fixado é de 114.000 euros.

 

Facebook