Outros tres adxudicatarios reciben da man de Lucía Molares as súas chaves das vivendas rehabilitadas polo CCVV

 

  • Trátase de tres novos pisos situados na promoción Santiago 11-13-15-17, en concreto, os pisos 1ºC, 2ºA e 2ºB.Os tres adxudicatarios dos inmobles, tras formalizar as súas hipotecas e as escrituras das novas propiedades, xa contan coa súa vivenda.
  • A recuperación do Casco Vello por parte do CCVV segue adiante tras o sorteo das 12 VPP en réxime de aluguer da semana pasada e tras a publicación hai tres días da lista provisional de admitidos para a saída ao mercado doutras 15 VPA. 
  • Tamén está aberto o proceso para alugar 11 locais comerciais situados no barrio antigo e o prazo de presentación de proxectos remata o vindeiro 2 de agosto. 

Vigo, 08 de xullo.- A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Lucía Molares, entregou hoxe as chaves a tres novos adxudicatarios das vivendas rehabilitadas polo organismo logo de formalizar os propietarios as súas hipotecas e as escrituras de compravenda. Trátase do 1ºC, 2ºA e 2ªB da promoción situada na rúa Santiago 11-13-15-17. Coas de hoxe, xa son 12 as Vivendas de Protección Autonómica (VPA) situadas no barrio antigo que teñen novos donos.

Molares, que estivo presente nas firmas ante notario, agradeceu aos propietarios das vivendas a súa aposta por elixir o barrio antigo da cidade coma o seu lugar de residencia.

As tres vivendas entregadas forman parte das primeiras promocións que o CCVV puxo no mercado coma VPA. Nas vindeiras datas seguirá o proceso ata a entrega total das 19 que foron sorteadas o pasado mes de marzo polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).

A recuperación do Casco Vello por parte do CCVV segue adiante tras o recente sorteo das 12 Vivendas de Promoción Pública (VPP) en réxime de aluguer celebrado e tras a publicación hai tres días da lista provisional de admitidos para a saída ao mercado doutras 15 VPA situadas nas rúas Abeleira Menéndez e Cruz Verde. Tamén está aberto o proceso para alugar 11 locais comerciais situados no barrio antigo e o prazo de presentación de proxectos remata o vindeiro 2 de agosto.

Características das vivendas No caso das vivendas entregadas hoxe, as tres están situadas na promoción de Santiago 11-13-15-17. A primeira é o 1ºC, un piso de 61,19 m2 co 2 dormitorios e rocho e que costa 114.674,55€ (sen IVE); a segunda é o 2ºA, un piso de 49,52 m2 cun dormitorio e rocho e que vale 93.187,70€ sen IVE); e a terceira é o 2ºB, un piso dun dormitorio e rocho que ten un prezo de 84.152,37€ (sen IVE).

As primeiras promocións xa sorteadas polo IGVS foron as situadas en Abeleira Menéndez, 11 (1 vivenda), Abeleira Menéndez 13-15 (6 vivendas), Santiago, 19 (1 vivenda), Santiago 11-13-15-17 (8 vivendas) e Real, 16 (3 vivendas).  

En canto as outras 15 VPA atópanse en Abeleira Menéndez, 18-20 (4 vivendas), Abeleira Menéndez 24-26 (5 vivendas) e Cruz Verde, 5 (6 vivendas). As 11 vivendas que sairán en réxime de aluguer están ubicadas nas rúas Ferraría-Subida ao Castelo.

O CCVV, participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo, ten adquiridos 44 inmobles, dos cales 15 xa están totalmente rehabilitados. Un total de 13 locais comerciais xa están dispoñibles, co obxectivo de fomentar a actividade empresarial na zona do barrio antigo, e 52 vivendas xa son habitables.

Na actualidade, o CCVV traballa na execución de 9 locais comerciais e 42 vivendas, da cales 9 están iniciadas, 15 licitadas e 18 en fase de proxecto. 

Facebook