Os primeiros novos propietarios das vivendas rehabilitadas polo CCVV reciben as súas chaves de mans de Lucía Molares

  •   Os primeiros catro adxudicatarios que xa conseguiron formalizar as súas hipotecas e as escrituras das novas propiedades, xa contan coa súa nova vivenda.
  • A presidenta do CCVV entregou as chaves do 1ºB e 3ºA da promoción Santiago 11-13-15-17; do 3ºB de Abeleira Menéndez 13-15 e do 2ºA de Real, 16. 
  • Nas vindeiras semanas e toda vez que os adxudicatarios rematen cos trámites, entregaranse o resto das vivendas, un total de 19 que foron sorteadas o pasado mes de marzo polo IGVS. 
  • A recuperación do Casco Vello por parte do CCVV seguirá co sorteo das 11 VPP que sairán en aluguer e co procedemento xa iniciado para sacar ao mercado 15 VPA máis a través do Rexistro de Demandantes da Xunta de Galicia.

 Vigo, 02 de xuño.- A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Lucía Molares, entregou hoxe as chaves a catro adxudicatarios das vivendas rehabilitadas polo organismo logo de formalizar os novos propietarios as súas hipotecas e as escrituras de compravenda. Trátase do 1ºB e 3ºA da promoción situada na rúa Santiago 11-13-15-17; do 3ºB da rúa Abeleira Menéndez 13-15 e do 2ºA de Real, 16.

 Molares, acompañada polo xerente do CCVV, Alfonso Ramos, agradeceu aos novos donos das vivendas a súa aposta por elixir o barrio antigo da cidade coma o seu lugar de residencia xa que, coma sinalou, “formades parte da verdadeira recuperación do casco histórico”.

As catro vivendas entregadas hoxe forman parte das primeiras promocións que o CCVV puxo no mercado coma vivendas de protección autonómica (VPA). Así, e coma explicou a presidenta, nas vindeiras datas seguirá o proceso ata a entrega total das 19 primeiras vivendas que foron sorteadas o pasado mes de marzo polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS). Coma recordou, tamén segue adiante o procedemento iniciado este luns para a adxudicación doutras 15 vivendas a través do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia ademais de lembrar que no vindeiro mes se levará a cabo o sorteo das 11 VPP que sairán en aluguer.

No caso das vivendas entregadas hoxe, dúas están ubicadas na promoción de Santiago 11-13-15-17. A primeira é o 1ºB, un piso de 44,36 metros cadrados cun dormitório e rocho que tivo un prezo de 85.738,08€ (sen IVE), mentras que a segunda é o 3ºA, un dúplex de 74,13 metros cadrados con dous dormitorios e rocho e un prezo de 135.654,11€ (sen IVE).

 A terceira vivenda que entregou Molares hoxe é o 3ºB da promoción situada na rúa Abeleira Menéndez 13-15. O piso ten 48,01 metros cadrados cun dormitorio e un prezo 85.156,30€ (sen IVE). Por último, entregouse o 2ºA de Real, 16, vivenda cunha superficie de 50,64 metros cadrados, un dormitorio e un prezo de 89.921,18€ (sen IVE).

As primeiras promocións xa sorteadas polo IGVS foron as situadas en Abeleira Menéndez, 11 (1 vivenda), Abeleira Menéndez 13-15 (6 vivendas), Santiago, 19 (1 vivenda), Santiago 11-13-15-17 (8 vivendas) e Real, 16 (3 vivendas).

En canto as outras 15 vivendas de protección, cuxo procedemento se iniciou o pasado luns, atópanse en Abeleira Menéndez, 18-20 (4 vivendas), Abeleira Menéndez 24-26 (5 vivendas) e Cruz verde, 5 (6 vivendas). As 11 vivendas que sairán en réxime de aluguer están ubicadas nas rúas Ferraría-Subida ao Castelo.

O CCVV, participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo, ten adquiridos 44 inmobles, dos cales 15 xa están totalmente rehabilitados. Un total de 13 locais comerciais xa están dispoñibles, co obxectivo de fomentar a actividade empresarial na zona do barrio antigo, e 52 vivendas xa son habitables.

Na actualidade, o CCVV traballa na execución de 9 locais comerciais e 42 vivendas, da cales 9 están iniciadas, 15 licitadas e 18 en fase de proxecto.

Facebook