Os adxudicatarios das 19 primeiras vivendas rehabilitadas polo CCVV coñeceron hoxe o piso que lles corresponde

  •  No día de hoxe xa formalizaron a súa reserva 5 beneficiarios, que teñen un prazo máximo de 45 días naturais para formalizar as súas hipotecas
  •  A entrega de chaves levarase a cabo entre no vindeiro mes de abril

 Vigo, 17 de marzo de 2011.- Os adxudicatarios das 19 primeiras vivendas rehabilitadas íntegramente polo Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) –organismo participado nun 90% pola Xunta de Galicia e no 10% restante polo Concello de Vigo- coñeceron durante o día de hoxe a vivenda que lles correspondeu tras o sorteo de asignación realizado o pasado martes ante notario na Delegación Territorial da Xunta en Vigo.

 A presidenta do Consorcio Casco Vello e delegada do Goberno galego na cidade, Lucía Molares, acompañou esta mañá a dous dos beneficiarios na visita feita á vivenda que lles foi asignada. En concreto, ensinoulles aos seus adxudicatarios o 2ºA e o 3ºB da promoción ubicada na rúa Abeleira Menéndez 13-15. Os futuros propietarios teñen agora que decidir se queren levar a cabo a reserva e os trámites para a formalización do contrato de compravenda ou, no seu caso, renunciar.

 Durante toda a mañá de hoxe, responsables do CCVV amosaron os seus pisos aos 19 adxudicatarios das primeiras vivendas de protección autonómica (VPA) que o Consorcio sacou ao mercado en réxime de compravenda a prezo concertado e, así, neste mesmo día no que os beneficiarios visitaron as vivendas, xa se levaron a cabo 5 reservas dos pisos. Pola súa banda, tamén houbo dúas renuncias, co que agora, o Consorcio porase en contacto coas seguintes persoas que se atopan na lista de reserva correspondente.

 En declaracións aos medios de comunicación, Molares destacou que a fase levada a cabo hoxe permite continuar o proceso, facendo fincapé na importancia de que as novas familias residan na zona antiga: “O proceso está en marcha e as vivendas compracen á xente”, comentou a presidenta do Consorcio, quen engadiu que é “unha forma de recuperar o casco histórico”. Ademais, Molares resaltou o feito de que a maioría dos beneficiarios é “xente xoven” e “máis mulleres que homes” (11 mulleres fronte a 8 varóns).

 Segundo establece a normativa, os adxudicatarios teñen 45 días naturais de prazo para formalizar as súas hipotecas para, despois, proceder á entrega de chaves. A idea, dixo a presidenta do CCVV, é facer a entrega das vivendas por promocións completas, é dicir, no momento no que todos os adxudicatarios dun mesmo inmoble teñan cubertos e finalizados todos os seus trámites, procederase á unha única entrega de chaves por edificio. Con todo, o prazo límite establecido por normativa marca o mes de maio coma data límite para proceder á entrega de chaves.

 A responsable do CCVV informou tamén que onte o IGVS fixou o 27 de maio para levar a cabo o sorteo das 11 vivendas de promoción pública (VPP) en aluguer ubicadas nas ruas Ferraría-Subida ao Castelo ademais de lembrar que nas vindeiras semanas comezarase o seguinte procedemento de adxudicación doutras 16 vivendas más rehabilitadas polo organismo. Serán tres novas promocións de VPA en réxime de compravenda a prezo concertado en Abeleira Menéndez 24-26; Cruz Verde, 5; e Abeleira Menéndez 18-20.

Facebook