O proxecto de rexeneración da fachada do Berbés avanza ao dispoñer o CCVV dos tres primeiros inmobles

  • A rehabilitación deste barrio emblemático de Vigo requirirá un investimento directo da Xunta de 3,6 millóns de euros no período 2013-2017
  • A recuperación do Casco Vello de Vigo foi un dos 15 proxectos premiados na última Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo
  • Supuxo un investimento de 30 millóns de euros para adquirir 67 inmobles ata agora e que posibilita que cada vez máis  familias poidan darlle vida outra vez a estas rúas
  • O conselleiro salienta que as actuacións en execución e os proxectos previstos permitirán dinamizar a vida e a economía do Casco Vello de Vigo grazas ás máis de 160 vivendas e case 50 locais comerciais

Vigo, 20 de decembro de 2013.- O Consorcio Casco Vello de Vigo dá un paso máis no proxecto de rexeneración da fachada do Berbés tras facerse cos tres primeiros inmobles. Así o sinalou hoxe o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, na inauguración da xornada que leva por título Casco Vello de Vigo: exemplo de rehabilitación, mirando ao futuro.

Hernández lembrou que “recentemente o Consorcio fíxose coa propiedade dos tres primeiros inmobles, cun investimento dun millón de euros, polo que podemos dicir que a rehabilitación da fachada do Berbés xa está en marcha”.

No proxecto de rehabilitación do Casco Vello de Vigo estaba pendente a fachada do Berbés, polo que o Plan de actuación 2013-2017 inclúe unha actuación integral para rehabilitar esta zona histórica. Esta actuación esperada e necesaria vai ser realidade grazas ao traballo que está a realizar o Consorcio Casco Vello. A rexeneración deste barrio emblemático de Vigo requirirá un investimento directo da Xunta de 3,6 millóns de euros.

O responsable de Medio Ambiente destacou que “a recuperación do Casco vello de Vigo é un proxecto que ademais dos parabéns dos propios veciños de Vigo xa esperta a admiración fóra de Galicia, como amosa o feito de ser un dos 15 proxectos premiados na última Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo”.

O titular de Infraestruturas destacou que “desde a Xunta de Galicia somos conscientes da transcendencia das actuacións de mellora e rehabilitación que este ente leva xa realizadas desde 2005, unha aposta que supuxo un investimento de 30 millóns de euros para adquirir 67 inmobles ata agora e que posibilita que, pouco a pouco, cada vez máis familias poidan darlle vida outra vez a estas rúas”.

Dinamizar o Casco Vello O conselleiro de Medio Ambiente destacou que ata o 2017 se levarán a cabo en dúas fases novas adquisicións de inmobles para a rehabilitación. A primeira das actuacións programadas, cun valor de case 11 millóns de euros, habilitaría 43 novas vivendas e 17 locais, que darían activos e valor á zona alta do Casco Vello e á zona baixa (O Berbés).

A segunda das fases centraríase na rúa Poboadores, á que se destinarían 3,70 millóns de euros que se investirían nesta rúa no caso de producirse un superávit nos ingresos do Consorcio tras a venda de inmobles na zona alta.

Hernández sinalou que estas actuacións sería a continuación ás que xa se están a executar nas rúas San Sebastián e na Subida ao Castelo, cuxo remate está previsto para o verán de 2014 e que se traducirá en dispoñer dun total de 10 vivendas e dous locais comerciais. Por último, lembrou que tamén se van a levar a cabo outras rehabilitacións que están en fase de proxecto de 14 inmobles, polo que o parque de vivendas dispoñibles no Casco Vello se incrementará en 36 novas vivendas e 10 locais comerciais.

Todas e cada unha das actuacións que xa se están levando a cabo ou en proxecto, nas súas distintas fases e cos seus calendarios de execución, permitirán dinamizar o Casco Vello de Vigo e facelo habitable para os seus veciños grazas ás máis de 160 vivendas que se porán a disposición das familias, así como ao tecido produtivo aos que se lles brindarán 47 locais para abrir os seus negocios e medios de vida.

SITUACIÓN

INMOBLES

VIVENDAS

LOCAIS COMERCIAIS

REHABILITACIÓNS REMATADAS

36

81

21

REHABILITACIÓNS EN EXECUCIÓN

4

10

2

REHABILITACIÓNS ADXUDICADAS OU CON PROXECTO EN REDACCIÓN

14

36

10

INMOBLES REHABILITADOS TRANSMITIDOS A OUTRAS INSTITUCIÓNS (XUNTA, CONCELLO, REXISTRO DA PROPIEDADE)

7

0

0

INMOBLES PENDENTES DE ARQUIRIR

19

34

14

TOTAL

80

161

47

Obxectivos Hernández indicou que mediante o Consorcio preténdese conseguir un espazo atractivo para a residencia, con ofertas interesantes para fomentar a instalación de novos residentes. Ao mesmo tempo, poténciase o investimento na cidade e o atractivo turístico, xerando un espazo urbano de calidade, dando prioridade á circulación peonil e mellorando vías. Ademais recupéranse espazos con historia a través dunha rehabilitación integral a nivel arquitectónico, urbanístico, económico e social.

O Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) naceu a raíz da sinatura o 10 de marzo de 2004 do convenio entre o IGVS, o Consorcio da Zona Franca de Vigo e o Concello de Vigo co obxectivo de levar a cabo actuacións de rehabilitación no Casco Vello de Vigo.

O 3 de febreiro de 2005 asinouse un convenio entre as tres administracións para a constitución do Consorcio. O convenio e os Estatutos do CCVV foron publicados no DOG do 16 de marzo de 2005, quedando formalmente constituído o 12 de abril. En outubro de 2007 separouse do CCVV o Consorcio da Zona Franca de Vigo, asumindo o IGVS a súa participación. A partir desa data o CCVV está integrado polo IGVS (cun 90% do capital) e o Concello de Vigo (10% do capital).

En 2012 asinouse un novo convenio entre a Xunta de Galicia e o Concello de Vigo para ampliar a existencia do Consorcio ata o ano 2017 e modificáronse os estatutos.

Facebook