O proxecto de rehabilitación de Elduayen 39-Ferrería 16 permitirá a construcción de 5 novas vivendas

Vigo, 24 de novembro do 2022.– O comité executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo, reunido esta mañá baixo a presidencia de Marta Mª. Fernández-Tapias Núñez, aprobou o proxecto técnico para a posta en marcha da súa promoción Elduayen 39-Ferrería 16 que cun investimento de 1.032.185,85 € permitirá dotar a esta céntrica rúa de 5 novas vivendas unifamiliares.
O proxecto foi elaborado polo arquitecto Alfredo Sirvent Silveira, que planeo a intervención sobre un solar de 81,30 metros cadrados, adquirido polo CCVV en decembro de 2019, e que a diferentes alturas presenta fachadas tanto á rúa Elduayen como á rúa Ferrería. A superficie total construída será de 658,29 m2, deles 27,16 exteriores. As cinco vivendas resultantes destinaranse á venda e están cualificadas como de Protección Autonómica de Prezo Concertado. A fin de adaptarse á tipoloxía e a altura das edificacións da rúa Ferrería, o proxecto agora aprobado supuxo unha substancial rebaixa sobre o volume construído na edificación preexistente, sobre a que se realizaron varios engadidos desde a súa construción inicial.
A posta en marcha das obras -que se planean cun prazo de execución de doce meses desde o inicio das mesmas- atópase, con todo, condicionada pola situación de prórroga dos orzamentos do Consorcio.
Por outra banda, no mesmo comité aprobouse a modificación do proxecto da promoción Elduayen 31, iniciada hai dous anos pero que, por distintas causas, tivo que ser paralizada. A modificación aprobada, cun importe lixeiramente superior aos 630.000 euros, permitirá concluír as seis vivendas e o local comercial que integran esta promoción.

Facebook