O presidente do consorcio supervisou as obras de Ferrería 10-12

O presidente do Consorcio Casco Vello de Vigo, Ignacio López-Chaves, realizou hoxe, 21 de xullo de 2016,  unha visita ás obras da rehabilitación que este organismo está a realizar nos números 10 e 12 da rúa Ferrería, na zona alta do barrio histórico vigués.

Os técnicos a cargo da execución do proxecto explicaron ao responsable do Consorcio -integrado nun noventa por cento pola Xunta de Galicia e nun dez por cento polo Concello de Vigo- os detalles construtivos e arquitectónicos do novo edificio así como a fase de execución na que se atopa, sinalando que a mesma discorre dentro dos prazos establecidos, polo que se espera que  polo nadal poida integrarse na oferta de vivendas deste organismo para 2017.

As novas vivendas estarán dispoñibles a finais deste mesmo ano.

O proxecto, realizado polos arquitectos Antonio Cominges Carballo e Harald Binkele,  dará lugar a un único edificio de dúas plantas e baixo que albergará dúas vivendas e un local comercial. As vivendas terán un dormitorio e contarán cada unha delas cunha superficie de 57 m2 , cun patio exterior que permitirá a entrada de luz natural. O baixo comercial terá unha superficie aproximada de 38 m2.

Esta actuación, que se suma ao amplo catálogo de rehabilitacións realizadas na zona alta do  Casco Vello vigués, ten un orzamento aproximado   de 270.000  euros.

No transcurso da súa visita Ignacio López-Chaves referiuse así mesmo á outra promoción que o Consorcio Casco Vello está a realizar na rúa Ferrería, nos números 45 e 47, que permitirá a creación de catro novas vivendas e un baixo comercial. Tamén citou outros proxectos do organismo que preside nas próximas rúas Subida ao Castelo e Cruz Verde, onde se acaba de adquirir un novo inmoble, que supondran en conxunto un investimento próximo aos dous millóns de euros ao longo de 2016. Toda está actividade, destacou o presidente do Consorcio, está a conseguir dar un novo aspecto á zona alta do Casco Vello, na que durante este ano crearanse 13 novas vivendas e tres baixos comerciais, e á que se incorporaron 150 novos veciños desde o inicio das actuacións deste organismo fai dez anos.

O novo Casco Vello de Vigo

Facebook

Twitter