O prazo para presentar os proxectos para alugar os 11 locais comerciais rehabilitados polo CCVV remata a vindeira semana

  •  O vindeiro martes 2 de agosto cumprirase o prazo de 30 días hábiles para entregar as propostas de negocio e a documentación necesaria na oficina do CCVV, situada na Praza de Princesa, número 7.  
  • A maioría dos interesados en instalarse no Casco Vello son mozos emprendedores duns 35 anos de idade media e que queren rexentar novos negocios de inicio de actividade relacionados co comercio, deseño gráfico ou galerías de arte. 
  • Os locais comerciais adxudicaranse mediante un concurso no que o criterio de selección será por puntuación, valorando 3 aspectos: 1) os plans de empresa; 2) o perfil dos e das solicitantes outorgando maior puntuación ás persoas que estean desempregadas ou aos que creen maior número de empregos, e prevalecendo –en caso de empate- os proxectos liderados por mulleres e, por último, 3) a proposta económica.  
  • Dos 11 locais, 5 están situados nos baixos dos números 11, 18-20 e 20-24 da rúa Abeleira Menéndez; outros 2 están na rúa Cruz Verde, 5; 2 máis en Santiago 11-13-15-17; outro na rúa Santiago, 19; e o último na rúa Real, 25.

Vigo, 26 de xullo.-  O prazo para presentar os proxectos para poder alugar os primeiros 11 locais comerciais rehabilitados polo Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) remata o vindeiro 2 de agosto. Os interesados poderán entregar as súas propostas de negocio e a documentación necesaria na oficina do organismo, situada na Praza da Princesa, número 7. As bases do concurso poden descargarse a través da web www.consorciocascovellovigo.org

Dende que se fixera pública a convocatoria para poder alugar os 11 locais comerciais, a maioría das persoas interesadas que se puxeron en contacto co persoal do CCVV son mozos emprendedores duns 35 anos de idade e que queren rexentar novos negocios de inicio de actividade relacionados co comercio, deseño gráfico ou galería de arte, entre outros.

O CCVV –participado nun 90% pola Xunta e nun 10% polo Concello de Vigo- porá no mercado ditos locais comerciais en réxime de aluguer ao que poderán participar no concurso as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, nacionais ou estranxeiras que posúan plena capacidade de obrar.

A adxudicación se fará seguindo uns criterios de selección por puntuación valorando 3 aspectos. Así, teranse en conta: 1) o plan de empresa e viabilidade do negocio, é dicir, conseguirán unha maior puntuación os proxectos de empresa que supoñan un maior investimento así coma a experiencia que teñan no sector no que se vai a desenvolver a actividade de negocio; 2) o perfil das e dos solicitantes. Terán máis puntos os que conten cun maior número de socios e socias, os que creen un maior número de empregos, as persoas que sexan vítimas de violencia de xénero e as que estean en situación de desemprego; e 3), valorarase especialmente a proposta económica, é dicir, por cada 100 euros de incremento de renda tipo fixada para o local, lograrase maior puntuación.

 No caso de que se produza un empate na puntuación total obtida, discriminarase positivamente e prevalecerán aqueles proxectos que estean liderados por mulleres. Con todo, os 11 locais dispoñibles adxudicaranse por concorrencia competitiva entre as solicitudes presentadas.

Opción de compra Os contratos de alugueiro terán unha duración máxima de 5 anos, aínda que os futuros adxudicatarios contarán cunha opción de compra transcorrido un ano dende o efectivo desenvolvemento da actividade. Ademais, e atendendo aos fins que persegue o programa de alugueiro de locais, a renda dos mesmos terá unha bonificación do 50% do seu importe durante os dous primeiros anos de arrendamento, co fin de dar maiores oportunidades de negocio aos novos emprendedores na actual situación de crise económica co obxectivo último de participar no fomento do emprego e a recuperación económica.

Dos 11 locais comerciais que sairán en réxime de aluguer, 5 están situados nos números 11, 18-20 e 20-24 da rúa Abeleira Menéndez; outros 2 están na rúa Cruz Verde, 5; outros 2 máis en Santiago 11-13-15-17; outro na rúa Santiago, 19 e o último na rúa Real, 25.

As súas superficies oscilan entre os 29,40 m2 e os 77,33 m2 e os prezos van dende os 120 euros e os 317 euros mensuais (sen IVE) durante os dous primeiros anos de arrendamento, mentres que, no caso de facer efectiva a opción de compra pasado un ano da posta en marcha da actividade, os prezos de compravenda irán dende os 36.300 aos 126.500 euros.

Figura do CCVV O CCVV ten adquiridos 44 inmobles, dos cales 15 xa están totalmente rehabilitados. Un total de 13 locais comerciais xa están dispoñibles, co obxectivo de fomentar a actividade empresarial na zona do barrio antigo, e 52 vivendas xa son habitables.

 Na actualidade, o CCVV traballa na execución de 9 locais comerciais e 42 vivendas, da cales 9 están iniciadas, 15 licitadas e 18 en fase de proxecto.

Facebook