O orzamento do Consorcio Casco Vello de Vigo para 2010 permite iniciar a rehabilitación de 21 inmobles no barrio histórico que darán lugar a 36 vivendas e 10 locais comerciais

Vigo, 25 de novembro de 2009.- O Casco Vello de Vigo contará o ano próximo cun orzamento de 5,2 millóns de euros, o que permitirá iniciar a rehabilitación de 21 inmobles cunha superficie total duns 4.100 metros cadrados construídos e que permitirán obter ao redor de 36 vivendas e 10 locais comerciais. A presidenta do Consorcio do Casco Vello, a delegada territorial da Xunta en Vigo Lucía Molares, explicou esta mañá as contas previstas para o próximo exercicio orzamentario tras visitar o primeiro dos inmobles que a entidade xa ten completamente rehabilitado no barrio histórico vigués, concretamente o situado no número 25 da rúa Real. Molares detallou así as contas previstas no orzamento do ano que ven destacando o esforzo inversor e facendo especial fincapé nas partidas dedicadas a investimento real, que supoñen ao redor do 85% dos 5,2 millóns que o Consorcio xestionará ao longo do ano 2010. Así, preto de 4,5 millóns de euros irán destinados á adquisición de novos inmobles e á rehabilitación integral dos que xa ten actualmente en propiedade. Ademais, a presidenta do Consorcio e responsable autonómica na cidade resaltou tamén a diminución nun 20,74% no capítulo de gastos correntes, amosando así o carácter “realista” dunhas contas que se axustan ao período de crisis que estamos a vivir e que, a pesares da difícil situación económica, ofrece unha resposta por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas coa correspondente anualidade de 3 millóns de euros que, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), aportará ao Consorcio do Casco Vello o próximo ano tal e como quedou establecido no seu momento. Ademais, a presidenta do Consorcio matizou a preguntas dos medios que durante o próximo exercicio orzamentario a entidade local, participada nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo, incrementará as súas partidas en 2,2 millóns de euros, que procederán das operacións de venta dos edificios situados na rúa Real 16, onde se ubicará a sede da Asociación Provincial de Empresarios da Construción (APEC), e a rúa Chao, onde se instalará o Museo Pacheco, e que irán destinados a continuar coa rehabilitación dos edificios que xa ten adquiridos así coma para seguir coa adquisición de máis inmobles. Así, os 21 inmobles que iniciarán a súa rehabilitación o ano que ven están situados todos eles na parte alta do Casco Vello, zona na que o Consorcio pretende centrarse e actuar con especial atención xa que se trata dunha das zonas máis degradadas do barrio histórico vigués. Os edificios adquiridos, que datan dos séculos XIX e XX, e nos que se comezará a actuar están concentrados nas rúas Ferrería, San Sebastián, Subida ao Castelo e Hortas, e contan cun orzamento de rehabilitación que ascende a uns 2,7 millóns de euros. Ademais, a adquisición de novos inmobles non se deixa de lado nas contas do ano que ven e así, o Consorcio do Casco Vello ten asignada unha partida de case 700.000 euros para continuar coa compra de novos inmobles que se verá incrementada cos 2,2 millóns de euros que espera ingresar entre finais deste ano e ao longo do 2010. O orzamento tamén reserva outra partida de 870.000 euros para continuar coas actuacións e proxectos de rehabilitación que nestes momentos xa están en execución e que suporán a recuperación integral de 15 edificios máis que darán lugar a outras 38 vivendas e 14 locais comerciais. A previsión é que estes inmobles estean completamente rehabilitados entre finais deste ano e durante o ano 2010. Neste senso, hai que apuntar que antes de que acabe o 2009, o Consorcio terá totalmente rematados 5 deses inmobles, nos que haberá completamente preparadas un total de 13 vivendas e 5 locais comerciais. En definitiva, as partidas orzamentarias do ano 2010 contemplan así a actuación en todos os inmobles adquiridos ata o momento polo Consorcio, un total de 36 edificios que xa se atopan en pleno proceso de recuperación e que supoñen a posta en marcha de 74 vivendas e 24 locais comerciais. Por último, a delegada resaltou tamén o incremento nun 35% na partida orzamentaria destinada ao programa de eliminación de pintadas e vertedoiros, que este ano contará cun investimento de 77.100 euros, e co que se pretende contribuír ao cambio da imaxe do Casco Vello. Nesta liña tamén se enmarca o programa de rehabilitación de fachadas, que conta cunha aportación de 135.000 euros así coma os 150.000 euros máis que se destinarán ás subvencións complementarias a vivendas ou a partida de 155.000 euros para o programa de Coidadores do Casco Vello.

Con todo, Molares destacou que o obxectivo do Consorcio e da súa nova etapa ao fronte da entidade coma presidenta é continuar co proceso de rehabilitación integral da zona antiga viguesa para recuperar o centro histórico e atraer así aos vigueses pero tamén para conquerir unha revitalización social e comercial coa achega de novos residentes pero tamén de visitantes e, sobre todo, de colectivos, asociacións e novos negocios para que, coma sinalou en declaracións aos medios, “se aproveite o ano do Bicentenario da cidade e o 2010 sexa así o ano do rexurdimento do Casco Vello”.

Primeiro inmoble rehabilitado.

A presidenta do Consorcio detallou hoxe os orzamentos correspondentes ao ano 2010 na primeira vivenda que o organismo autónomo ten completamente rehabilitada e rematada dende que iniciou a súa andadura no ano 2005. Trátase do número 25 da rúa Real e é un edificio de catro plantas do século XIX e alto interese arquitectónico. A súa rehabilitación tivo un custe de 473.000 euros e permitiu a posta en marcha de tres vivendas, de entre 80 e 86 metros cadrados útiles, e un local comercial de 72 metros cadrados útiles. Lucía Molares visitou esta mañá o inmoble e puido comprobar in situ o resultado do proceso de rehabilitación que se leva a cabo dende o Consorcio, destacando así o traballo “lento e silencioso” que realiza xa que se trata do “primeiro edificio rematado en catro anos de vida do Consorcio”. O inmoble conta cunha superficie total construída de 426 metros cadrados e tivo coma principais actuacións a recuperación da composición orixinal do edificio así coma das varandas e carpinterías exteriores orixinais. Este é o primeiro edificio que o Consorcio do Casco Vello ten completamente rematado, pero no mes de decembro sumaranse 4 máis que xa están pendentes de finalización e que supoñen a posta en servizo de 10 vivendas e 4 locais comercias. Son os correspondentes aos números 11, 24 e 26 de Abeleira Menéndez e o 16 da rúa Real, onde está previsto que abra a súa sede a Asociación Provincial de Empresarios da Construción (APEC).

Facebook