O IGVS fixa o sorteo de adxudicación das 11 VPP en aluguer no Casco Vello de Vigo para o vindeiro día 27 de maio

  • A Comisión Provincial de Vivenda determinou hoxe a data concreta na que se coñecerá o listado provisional de admitidos e excluídos tras rematar onte o prazo outorgado para que as persoas interesadas en participar no sorteo se inscribiran no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda.
  • O salón de actos da Delegación Territorial da Xunta en Vigo albergou onte o sorteo de asignación das primeiras vivendas de protección autonómica (VPA) rehabilitadas polo Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) entre os 19 adxudicatarios saídos do sorteo público celebrado ante notario o 3 de marzo.
  • Durante toda xornada de mañá, os adxudicatarios destas 19 primeiras vivendas coñecerán o piso que teñen asignado.

 Vigo, 16 de marzo de 2011.- A Comisión Provincial de Vivenda determinou hoxe que o vindeiro día 27 de maio se sortearán as 11 vivendas de promoción pública (VPP) que o Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) -participado nun 90% pola Xunta de Galicia e no 10% restante polo Concello de Vigo- sacará ao mercado en réxime de aluguer nas rúas Ferraría-Subida ao Castelo do barrio histórico vigués.

 Despois de que a presidenta do Consorcio Casco Vello e delegada da Xunta, Lucía Molares, anunciara o pasado 28 de febreiro o inicio do procedemento e do período de publicidade outorgado ata o día de onte, 15 de marzo, para que as persoas interesadas en optar a estas vivendas puideran inscribirse no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia, hoxe mesmo reuniuse a Comisión Provincial de Vivenda para comezar o proceso administrativo e o análise das solicitudes presentadas que optarán a unha destas 11 VPP.

 O IGVS determinou así a data concreta do sorteo para o 27 de maio, día no que se publicará o listado provisional de admitidos e excluídos. As persoas inscritas na modalidade de vivenda de promoción pública en núcleos rurais ou cascos históricos e, concretamente, na opción de aluguer, serán as que poidan participar no sorteo desta promoción.

 Así, tras a determinación da Comisión Provincial de Vivenda, as 11 VPP irán destinadas a mozos e mozas de 18 a 35 anos. Ademais, en función das características e das superficies, o IGVS estableceu dous cupos á hora de realizar o sorteo: 6 das vivendas se destinarán a unidades familiares de un so membro mentras que as 5 restantes serán para unidades familiares de dous membros. Todas as vivendas contan con rochos e teñen unhas superficies que van dende os 30 ata os 71 m2 para familias de un ou dous membros.

 Sorteo de asignación das 19 VPA aos seus adxudicatarios

Por outra banda, na tarde de onte, o salón de actos da Delegación Territorial da Xunta en Vigo albergou o sorteo de asignación das 19 vivendas de protección autonómica (VPA) que o CCVV sacou ao mercado en réxime de compravenda a prezo concertado entre os seus adxudicatarios no marco dunha reunión informativa coas familias adxudicatarias. 

Tras o sorteo público das cinco promocións (Santiago 19; Abeleira Menéndez 11; Santiago 11-13-15-17; Abeleira Menéndez 13-15; e Real, 16) celebrado ante notario o pasado 3 de marzo, onte levouse a cabo o sorteo de asignación de tres das cinco promocións –Santiago 11-13-15-17; Abeleira Menéndez 13-15; e Real, 16- por contar con varios pisos por inmoble e tendo en conta os membros da unidade familiar de cada adxudicatario así coma a superficie das vivendas outorgadas. Con este sorteo, as familias adxudicatarias coñeceron o piso concreta que lles corresponde dentro do inmoble.

Con todo, o seguinte paso é ensinarlle os pisos asignados ás 19 familias e, así, durante toda a xornada de mañá, os adxudicatarios das vivendas rehabilitadas íntegramente polo CCVV terán a oportunidade de coñecelas para que, finalmente, decidan se queren levar a cabo a reserva e os trámites para a formalización do contrato de compravenda ou, no seu caso, renunciar.

Segundo establece a normativa, os adxudicatarios contan cun prazo de 45 días naturais para formalizar as súas hipotecas para, despois, proceder a entrega de chaves. Coma explicoulles a presidenta do Consorcio, Lucía Molares, a idea é facer a entrega dos pisos por promocións completas, é dicir, no momento no que todos os adxudicatarios dun mesmo inmoble teñan cubertos e finalizados todos os seus trámites, procederase á unha única entrega de chaves por promoción. Con todo, o prazo límite establecido por normativa marca que será durante o mes de maio coma data límite cando se ten que proceder á entrega de chaves.

Por último, nas vindeiras semanas comezarase o seguinte procedemento de adxudicación doutras 16 vivendas máis rehabilitadas polo Consorcio Casco Vello de Vigo. Serán tres promocións máis de vivendas de protección autonómica (VPA) en réxime de compravenda a prezo concertado en Abeleira Menéndez 24-26; Cruz Verde, 5; e Abeleira Menéndez 18-20.

Facebook