O IGVS fai públicos as listaxes de admitidos nos sorteos de Berbés, 41 e Abeleira Menéndez,16

Vigo, 25 de marzo do 2021.- O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) publica hoxe as listaxes provisionais de admitidos e excluídos no proceso de selección de adxudicatarios para as promocións do Consorcio Casco Vello de Vigo ( CCVV) Berbés, 41 (P09-VC-0001/19) e Abeleira Menéndez, 16  (Expediente P09-VC-0004/18).  En total presentáronse 84 solicitudes para as dúas vivendas que forman parte da primeira destas promocións, das que se han excluido 25 por diversos motivos. En canto á vivenda incluída na promoción Abeleira Menéndez, 16 o número total de solicitudes admitidas foi de 65 quedando excluídas temporalmente 28.

Un aspecto da rehabilitación en Berbés, 41. Alex Fernández Photography

A partir deste intre ábrese un prazo de 7 días hábiles para emendar aquelas cuestións que motivaron a exclusión dalgúns dos candidatos, finalizado o cal, e unha vez aprobadas as listas definitivas, fixarase a data para o sorteo público no que se establecerá a orde de adxudicación das tres vivendas incluídas nas dúas promocións. Como todas as impulsadas polo CCVV estas construcións teñen a categoría de Vivendas Protexidas de Promoción Privada Autonómica.

Decimoprimer sorteo

Este novo sorteo será o decimoprimeiro realizado para asignar residencias promovidas polo CCVV desde a súa creación en 2015. Ao longo destes máis de tres lustros de actividade o consorcio adquiriu un total de 82 inmobles para a súa rehabilitación e venda, de acordo co seu obxectivo fundacional de impulsar a recuperación para a cidadanía desta importante zona da cidade. Destes 82, 66 xa foron recuperados, o que permitiu a 110 familias acceder a unha vivenda de moderna construción nunha das áreas máis céntricas da cidade de Vigo.

 

 

Facebook