O IGVS adxudica de xeito provisional as 12 vivendas de promoción pública en aluguer ubicadas no Casco Vello de Vigo

  • A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Lucía Molares, presidiu esta mañá o sorteo público ante notario que se celebrou no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta en Vigo.
  • Participaron as persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia no apartado que corresponde a aluguer de Vivenda de Promoción Pública en núcleos rurais e cascos históricos.
  • Tras o sorteo, o IGVS publicará o listado provisional de adxudicatarios e unha lista de reserva co obxectivo de aprobar o listado definitivo ao remate do verán.

Vigo, 30 de xuño de 2011.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), adxudicou esta mañá de xeito provisional as primeiras 12 Vivendas de Promoción Pública (VPP) en aluguer ubicadas no Casco Vello da cidade olívica, concretamente nas rúas Ferraría-Subida ao Castelo do barrio histórico, e que forman parte da oferta de vivenda que saca ao mercado o Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) –participado nun 90% pola Xunta de Galicia e no 10% restante polo Concello de Vigo-. Foi a través dun sorteo público que se celebrou ante notario no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta.

A delegada territorial en Vigo e presidenta do CCVV, Lucía Molares, foi a encargada de presidir dito sorteo, que estaba aberto a todas as persoas que amosaron o seu interese en participar nesta promoción de vivendas en aluguer. Responsables do Instituto Galego de Vivenda e Solo iniciaron o sorteo ás 10.00 horas da mañá ante a presenza dalgunhas das persoas que participaban no mesmo.

Os participantes que optaron a unha das 12 vivendas en aluguer foron as persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia, na modalidade de Vivenda de Promoción Pública en núcleos rurais ou cascos históricos e, concretamente, na opción de aluguer para a cidade de Vigo. Tras o acto, publicarase o listado provisional das 12 familias adxudicatarias ademais de coñecerse un listado de reserva dos posibles beneficiarios no caso de que os primeiros non cumpran cos requisitos. A partires de agora, e logo da verificación da documentación e das solicitudes, o IGVS aprobará o listado definitivo de adxudicatarios, que se estima que sexa ao remate do verán, para rematar despois o proceso coas correspondentes firmas de contratos e a entrega de chaves.

Molares destacou así que “tras a posta no mercado” e entrega das primeiras chaves das 19 vivendas de protección autonómica (VPA) en réxime de compravenda que sacou o Consorcio Casco Vello e o inicio do procedemento de outras 15 VPA en similares condicións, “agora tócalle o turno ao réxime de aluguer co obxectivo de ofrecer maiores posibilidades a todos os demandantes de vivenda que queiran residir no casco histórico e queiran formar parte do rexurdimento do Casco Vello”.

Características das vivendas Segundo explicou Molares, as vivendas irán destinadas a xóvenes de entre 18 e 35 anos, cuns ingresos entre 1 e 5,5 veces o Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples (IPREM). En función da superficie das vivendas e dos ingresos dos futuros adxudicatarios, os prezos do aluguer poden oscilar entre os 71 e os 216 euros. 

As 12 vivendas contan con rochos e teñen unhas superficies que van dende os 30 ata os 71 m2 para familias de un ou dous membros. Así, en función das características e das superficies, o IGVS estableceu dous cupos á hora de realizar o sorteo: 7 das vivendas se destinaron a unidades familiares de un so membro mentres que as 5 restantes foron para unidades familiares de dous membros.

Facebook