O Consorcio Casco Vello de Vigo continuará cos seus labores de rehabilitación unha vez que a Xunta aprobou a súa prórroga

  •  O convenio vixente expiraba o próximo 31 de decembro, pero prorrogase seis meses para facilitar a modificación dos estatutos para garantir a continuidade do organismo
  • A Xunta de Galicia, a través do IGVS, é propietaria do 90 por cento do capital do Consorcio e desexa que este reinvista en novas rehabilitacións os ingresos obtidos pola venda e alugamento de inmobles rehabilitados
  • O IGVS achegou xa ao Consorcio un total de 27 millóns de euros, aos que se suman tres millóns achegados polo Concello, propietario do 10 por cento restante do capital
  • O Consorcio xa rehabilitou no núcleo vello de Vigo 52 vivendas e 13 locais comerciais

Vigo, 15 de decembro de 2011.- O Consello da Xunta de Galicia autorizou hoxe a sinatura do convenio entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e o Concello de Vigo mediante o que se prorroga, por un período de seis meses, a vixencia do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), composto por ambos os organismos.

Durante ese período de prórroga está previsto modificar os estatutos do Consorcio para darlle continuidade ao importante labor de recuperación do núcleo histórico, xa que os actuais estatutos prevían a caducidade do convenio o 31 de decembro de 2011.

O obxectivo da Xunta de Galicia é que o Consorcio Casco Vello de Vigo continúe co seu traballo de rehabilitación de edificios da zona vella da cidade olívica, reinvestindo nel os ingresos que se xeren pola venda de edificios e vivendas rehabilitadas. O actual convenio prevía que ao remate do convenio se disolvese o Consorcio e os seus bens se repartisen entre os organismos que o compoñen, pero a Xunta desexa que o Consorcio continúe realizando o mesmo labor que leva feito ata a actualidade durante polo menos 6 anos máis, tal e como se recolle na proposta de modificación de Estatutos que xa formulou o Goberno galego e que nestes momentos se está a analizar no seo do Consello de Administración –no cal están representados membros das dúas entidades consorciadas, así como representantes dos tres grupos municipais do Concello de Vigo-.

O capital do Consorcio Casco Vello de Vigo ascende a 30 millóns de euros, dos que 27 millóns foron achegados polo Instituto Galego da Vivenda e Solo e 3 polo Concello de Vigo, de maneira que ao IGVS lle corresponde o 90 por cento do capital do Consorcio e ao Concello o 10 por cento restante.

Balance do CCVV Actualmente o Consorcio Casco Vello de Vigo é propietario de 44 inmobles, dos cales 15 xa están totalmente rehabilitados, neles existen 52 vivendas e 13 locais comerciais completamente recuperados.

Destas 52 vivendas, 35 sorteáronse como vivendas de protección autonómica en réxime de compravenda a prezo concertado, 12 foron asignadas en réxime de alugamento e 5 destináronse a realoxamento. Todas elas están situadas nas rúas Abeleira Menéndez, 11, 13-15, 18-20 e  24-26; Santiago de Compostela, 19 e 11-13-15-17; Cruz Verde, 5; Real, 16; Ferraría-subida ao Castelo e Real, 25.

Na actualidade xa son 23 as novas familias que residen na zona vella tras as distintas adxudicacións levadas a cabo polo IGVS e, nos vindeiros meses seguirán sumándose novas familias que están pendentes de formalizar a sinatura das súas escrituras e hipotecas. No que respecta aos 13 locais comerciais, un deles xa está ocupado pola sede de APEC, mentres que o resto se sacaron a concurso público para adxudicarse en aluguer a novos emprendedores que, nos vindeiros meses, abrirán os seus negocios nas rúas do núcleo histórico. Mozos cunha media de 35 anos e con novos proxectos empresariais relacionados coa fotografía, deseño gráfico, hostalería, artesanía ou avogacía, entre outros, instalaranse no Casco Vello.

Ademais, na actualidade o CCVV xa ten en marcha a recuperación doutros 20 inmobles en ruínas no contorno do Castelo de San Sebastián -na parte alta do barrio antigo- que posibilitará a creación doutras 34 novas vivendas e 9 locais comerciais.

As obras son as relativas ás promocións das rúas Ferraría 25-27-29-31; ao cuarteirón Castelo-San Sebastián (Hortas 10-12, San Sebastián 8-12-14 e subida ao Castelo 5-7 e San Sebastián 4-6) e ao cuarteirón Ferraría-San Sebastián (que corresponde aos números 11,13,17,19 da rúa Ferraría e 3,5,7 de San Sebastián). Estas actuacións de recuperación de inmobles supoñen un investimento superior aos 3 millóns de euros e a previsión é que os traballos de rehabilitación estean rematados ao longo do vindeiro ano 2012. Pero a recuperación da parte alta do núcleo vello non quedará aí e nos vindeiros meses haberá avances en novos proxectos de recuperación do barrio antigo.

O Consorcio do Casco Vello de Vigo tamén formalizou neste ano 2011 o convenio de colaboración co Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís de España para que a sede e oficinas dos rexistros da propiedade da cidade se instalen no barrio antigo durante polo menos dez anos. A futura sede trasladarase a catro inmobles propiedade do CCVV situados nos números 29, 31 e 33 da rúa Real, e no número 26 da rúa Alta, o que suporá un paso importante no que a dinamización e revitalización integral do barrio histórico se refire. A venda dos catro inmobles reportará un total de case 3,4 millóns de euros que o CCVV destinará a novas adquisicións para seguir co traballo de recuperación.

Finalmente tamén se instalará no núcleo vello de Vigo o Rexistro Civil. Con tal fin, o Consello da Xunta de Galicia autorizou o pasado dous de decembro unha modificación dos estatutos do Consorcio para facilitar que este lle venda á Xunta unha parcela dotacional  situada no número 13 da rúa San Sebastián, que conta cunha superficie total de 318 metros cadrados, ademais dun local situado no número 24 da rúa Abeleira Menéndez, de 67 metros cadrados, cuxo inmoble foi rehabilitado polo Consorcio. O novo Rexistro Civil de Vigo levantarase na devandita parcela.

Facebook