O Consorcio Casco Vello de Vigo adquire o seu sexto inmoble na Ribeira do Berbés

En moi mal estado de conservación, respondía orixinalmente á tipoloxía da clásica vivenda mariñeira

O investimento nesta zona do Casco Vello alcanza os 1,7 millóns de euros

O edificio, no centro da fotografía, foi obxecto de varias reformas.

 

Vigo, 28 de setembro de 2017.- O Comité Executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), presidido por Ignacio López-Chaves, na súa calidade de delegado da Xunta de Galicia en Vigo, acordou na súa reunión ordinaria celebrada esta mañá a adquisición do inmoble situado no número 7 da Praza da Ribeira do Berbés. De acordo cos obxectivos fundacionais deste organismo, integrado nun noventa por cento pola Xunta de Galicia e un dez por cento polo Concello de Vigo, o inmoble será rehabilitado dentro do programa de recuperación do barrio histórico da cidade de Vigo.

O edificio agora adquirido respondía orixinalmente á tipoloxía de vivenda mariñeira, aínda que en distintos momentos realizáronse no mesmo  varias modificacións e engadidos. Conserva na planta baixa o característico soportal das vivendas do  Berbés, cun arco portante de medio punto.  Distribuído na actualidade en planta baixa comercial e tres pisos destinados a vivenda, aséntase sobre  unha parcela de 126,83 metros cadrados con fachada á citada praza do Berbés. O estado de conservación  é malo, alcanzado a cualificación de ruinoso na planta baixa comercial.  A superficie total construída na actualidade é de 544 metros cuadrados.  De acordo coa súa ficha do Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Casco Vello (PEPRI) conta cun nivel de interese arquitectónico medio, de interese histórico alto e de interese urbanístico moi alto; o mesmo documento establece como  elementos a conservar as fachadas de pedra da construción orixinal así como a necesidade de restituír distintos elementos que foron suprimidos nas reformas ás que se viu sometido, como, por exemplo,  as carpinterías exteriores de madeira.

Ignacio López-Chaves, presidente do CCVV, anunciou a adquisición deste novo inmoble.

A adquisición agora aprobada súmase a outras cinco realizadas polo CCVV na mesma praza co obxectivo de recuperar a fronte marítima da zona histórica de Vigo. Trátanse en concreto dos edificios situados nos números 11, 13 e 15, nos que se instalará proximamente a sede urbana da Universidade de Vigo; o situado no número 5, adquirido o pasado ano, e o situado no número 41, cuxa adquisición se produciu o día 7 deste mesmo mes e cuxas rehabilitacións está previsto que comecen ao longo de 2018. O importe total do investimento realizado polo Consorcio Casco Vello nestas operacións ascende, segundo resaltou Ignacio López-Chaves na presentación do acordo alcanzado hoxe, a 1.7 millóns de euros.

Facebook