O CCVV xa está a recuperar 20 inmobles en ruínas do entorno do Castelo de San Sebastián para contar con 34 novas vivendas completamente rehabilitadas ao longo do vindeiro ano

 

  • O investimento supera os 3 millóns de euros e a estas actuacións se sumarán outros novos proxectos nos vindeiros meses. 
  • A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Lucía Molares, visitou esta mañá as obras iniciadas hai tan so uns días en Ferraría 25-27-29-31, así como as do segundo cuarteirón Castelo-San Sebastián, cuxa recuperación posibilitará a creación dunha zona verde común que terá unha superficie de 334 m2 e onde se plantarán uns 17 árbores.
  •  No vindeiro Comité Executivo do organismo se adxudicará a urbanización interior deste patio común por un importe arredor dos 200.000 euros, ofrecendo así un espazo verde común para as futuras familias das vivendas rehabilitadas. 
  • Lucía Molares fixo entrega hoxe das súas chaves aos adxudicatarios doutras catro VPA logo de formalizar as súas escrituras e hipotecas. Trátase de catro pisos completamente rehabilitados en Abeleira Menéndez 13-15; Abeleira Menéndez 24-26; e Cruz Verde, 5.  

Vigo, 23 de novembro de 2011.- A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Lucía Molares, realizou hoxe unha visita polas obras do entorno do Castelo de San Sebastián onde o organismo xa está a actuar en 20 inmobles que ata o de agora estaban en ruínas e que posibilitarán a creación de 34 novas vivendas e 9 locais comerciais.  

As obras son as relativas ás promocións das rúas Ferrería 25-27-29-31; ao cuarteirón Castelo-San Sebastián (Hortas 10-12, San Sebastián 8-12-14 e Subida ao Castelo 5-7 e San Sebastián 4-6) e ao cuarteirón Ferrería-San Sebastián (que corresponde aos números 11,13,17,19 da rúa Ferrería e 3,5,7 de San Sebastián). Estas actuacións de recuperación de inmobles supoñen un investimento superior aos 3 millóns de euros e a previsión é que os traballos de rehabilitación estean rematados ao longo do vindeiro ano 2012.

A presidenta do CCVV –participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo- puido comprobar así a boa marcha dunhas actuacións que xa estás a cambiar a imaxe de degradación que sempre acompañou a parte alta do barrio histórico. Molares, xunto ao xerente do organismo, Alfonso Ramos, e aos arquitectos e responsables das empresas encargados dos proxectos, iniciou o percorrido na actuación integral iniciada hai tan so uns días na rúa Ferrería.

Trátase da rehabilitación dos números 25-27-29-31 da emblemática rúa da que sairán 6 vivendas de protección autonómica (VPA) –cinco de dúas habitacións e unha de tres habitacións- e catro locais comerciais. A intervención afecta a catro edificios mantendo a estrutura parcelaria con acceso aos locais por rúa Ferraría e ás vivendas por Subida ao Castelo. 

Despois visitou os traballos do cuarteirón Castelo-San Sebastián, formado por 9 inmobles en ruínas para contar despois con 19 vivendas e 4 locais comerciais. A actuación de recuperación está formada polas promocións: Hortas 10-12 –en obras dende o mes de agosto posibilitando 5 vivendas-; San Sebastián 8-12-14 -en obras dende xullo dando lugar a 4 VPA e 1 local comercial–; e tamén Subida ao Castelo 5-7 e San Sebastián 4-6 –que ofrecerán outras 10 vivendas e 3 locais comerciais-.  

No transcurso da visita, Molares comprobou o avance das obras e sinalou que nestes momentos xa está en marcha a recuperación dos inmobles en Hortas 10-12 e San Sebastián 8-12-14 mentres que no caso de Subida ao Castelo 5-7 e San Sebastián 4-6, haberá un avance importante nas vindeiras semanas.

Ademais, Molares explicou que este cuarteirón contará cun patio interior para uso e disfrute dos futuros propietarios das 19 vivendas resultantes. Así, dixo que a urbanización interior será adxudicada no vindeiro Comité Executivo do organismo por un importe de arredor de 200.000 euros. Esta actuación suporá a construción dunha zona verde común cunha superficie de 334 metros cadrados onde se plantarán 17 árbores e da que poderán gozar as futuras familias das vivendas.

Coma recordou a delegada e presidenta do CCVV, dito cuarteirón é o segundo que ten en marcha o Consorcio na zona alta do barrio antigo, xa que as obras do primeiro -Ferrería-San Sebastián- iniciáronse o pasado mes de febreiro por un importe superior aos 1,2 millóns de euros. Neste caso, se actúa en 7 inmobles que darán lugar a 9 vivendas e 1 local comercial.

Con todo, Lucía Molares avanzou que a recuperación da parte alta do Casco Vello non quedará aí e nos vindeiros meses haberá avances en novos proxectos de recuperación do barrio antigo.

20 novas familias xa residen no Casco Vello Previamente á visita polas obras en marcha do CCVV na parte alta, Molares entregou as chaves doutras catro VPA logo de formalizar as súas escrituras e as súas hipotecas. Tratase de catro novos pisos completamente rehabilitados das promocións de Abeleira Menéndez 13-15 (unha vivenda), Abeleira Menéndez 24-26 (dúas vivendas) e Cruz Verde, 5.

Incluíndo estes propietarios, xa son 20 as novas familias que residen no Casco Vello tralas distintas adxudicacións levadas a cabo polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e que xa deixan sentir un cambio do perfil de persoas que viven no barrio antigo.

O CCVV segue así adiante co proceso de adxudicación das 34 VPA xa sorteadas e que suporá a chegada novos veciños ás promocións sitas en Abeleira Menéndez, 11; Abeleira Menéndez 13-15; Abeleira Menéndez 18-20; Abeleira Menéndez 24-26; Santiago, 19; Santiago 11-13-15-17; Cruz Verde, 5, e Real, 16.

 

Facebook