O CCVV saca en réxime de aluguer os primeiros 11 locais comerciais para dinamizar a economía do barrio con novos proxectos emprendedores

  •  Lucía Molares anunciou hoxe que o Consorcio Casco Vello adxudicará os locais comerciais mediante concurso logo dunha convocatoria pública anunciada no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

 

  • O criterio de selección será por puntuación, valorando 3 aspectos: 1) os plans de empresa; 2) o perfil dos e das solicitantes outorgando maior puntuación ás persoas que estean desempregadas ou aos que creen maior número de empregos, e prevalencendo –en caso de empate- os proxectos liderados por mulleres e, por último, 3) a proposta económica.
  • Reactivarase o comercio en 4 rúas e, dos 11 locais, 5 están situados nos baixos dos números 11, 18-20 e 20-24 da rúa Abeleira Menéndez; outros 2 están na rúa Cruz Verde, 5; 2 máis en Santiago 11-13-15-17; outro na rúa Santiago, 19; e o último na rúa Real, 25.
  • As superficies oscilan entre os 29,40 m2 e os 77,30 m2 e os prezos van dende os 120 e os 317 euros mensuais -sen IVE- durante os dous primeiros anos de contrato ao contar cunha bonificación do 50%.
  • Os contratos de alugueiro terán unha duración máxima de 5 anos, aínda que os futuros adxudicatarios contarán cunha opción de compra transcorrido un ano dende o efectivo desenvolvemento da actividade.

 Vigo, 22 de xuño.- A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Lucía Molares, anunciou hoxe a posta no mercado dos primeiros 11 locais comerciais rehabilitados polo organismo no barrio histórico e que buscan potenciar e dinamizar a economía da zona antiga da cidade con novos proxectos de persoas emprendedoras.

Molares, acompañada polo xerente do CCVV, Alfonso Ramos, explicou que o último Consello de Administración aprobou por unanimidade dos seus membros o prego de condicións económico-administrativas para o alugueiro de locais comerciais titularidade do organismo, destacando así a importancia de que saian ao mercado e de que sexan ocupados con novos proxectos e negocios emprendedores para continuar así co proceso de recuperación integral e dinamización do casco histórico, iniciado xa no ano 2005.

O CCVV –participado nun 90% pola Xunta e nun 10% polo Concello de Vigo- adxudicará así os locais comerciais en aluguer mediante concurso logo dunha convocatoria pública anunciada no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Unha vez se publique, as e os interesados terán un prazo de 30 días hábiles para entregar a súa proposta de negocio e a documentación necesaria. Neste senso, Molares apuntou que o documento xa foi enviado ao BOP e que se espera a súa publicación nos vindeiros días. A partires de aí, deberán entregar a documentación nas oficinas do Consorcio dentro do prazo establecido, tendo todo o mes de xullo para levalo a cabo.

Segundo informou a presidenta, poderán participar no concurso as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, nacionais ou estranxeiras que posúan plena capacidade de obrar.

Criterios de selección Ademais, resaltou que a adxudicación se fará seguindo uns criterios de selección por puntuación valorando 3 aspectos. O CCVV terá en conta: 1) o plan de empresa e viabilidade do negocio, é dicir, conseguirán unha maior puntuación os proxectos de empresa que supoñan un maior investimento así coma a experiencia que teñan no sector no que se vai a desenvolver a actividade de negocio. 2) o perfil das e dos solicitantes. Terán máis puntos os que conten cun maior número de socios e socias, os que creen un maior número de empregos, as persoas que sexan vítimas de violencia de xénero e as que estean en situación de desemprego. E 3), valorarase especialmente a proposta económica. É dicir, por cada 100 euros de incremento de renda tipo fixada para o local, lograrase maior puntuación.

Molares matizou tamén que no caso de que se produza un empate na puntuación total obtida, discriminarase positivamente e prevalecerán aqueles proxectos que estean liderados por mulleres. Con todo, os 11 locais dispoñibles adxudicaranse por concorrencia competitiva entre as solicitudes presentadas.

Por último, a presidenta do CCVV sinalou que os contratos de alugueiro terán unha duración máxima de 5 anos, aínda que os futuros adxudicatarios contarán cunha opción de compra transcorrido un ano dende o efectivo desenvolvemento da actividade. Ademais, e atendendo aos fins que persegue o programa de alugueiro de locais, a renda dos mesmos terá unha bonificación do 50% do seu importe durante os dous primeiros anos de arrendamento, co fin de dar maiores oportunidades de negocio aos novos emprendedores na actual situación de crise co obxectivo último de participar no fomento do emprego e a recuperación económica.

 Características dos locais. Molares resaltou que coa instalación de novos comercios reactivarase e dinamizará a economía en 4 rúas estratéxicas do Casco Vello coma son Abeleira Menéndez; Cruz Verde; Santiago e Real.

 Así, dos 11 locais comerciais que sairán en réxime de aluguer, 5 están situados nos números 11, 18-20 e 20-24 da rúa Abeleira Menéndez; outros 2 están na rúa Cruz Verde, 5; outros 2 máis en Santiago 11-13-15-17; outro na rúa Santiago, 19 e o último na rúa Real, 25.

As súas superficies oscilan entre os 29,40 m2 e os 77,33 m2 e os prezos van dende os 120 euros e os 317 euros mensuais (sen IVE) durante os dous primeiros anos de arrendamento, mentres que, no caso de facer efectiva a opción de compra pasado un ano da posta en marcha da actividade, os prezos de compravenda irán dende os 36.300 aos 126.500 euros.

Tres liñas de actuación. Con esta actuación no ámbito comercial, os obxectivos do Consorcio Casco Vello quedan reforzados en tres liñas básicas nas que se quere centrar o organismo. Coma resaltou a presidenta, primeiro se optou polas posta no mercado das vivendas rehabilitadas e a incorporación de novas familias; en segundo lugar coa instalación de novas sedes administrativas coma é o caso de APEC, o futuro Rexistro Civil, os Rexistradores da Propiedade e Mercantís de España e o traslado da sede do Parque Nacional das Illas Atlánticas no edificio Cambón; para chegar agora, á dinamización da economía e do comercio coa posta no mercado dos locais comerciais rehabilitados polo organismo.

Figura do CCVV. O CCVV ten adquiridos 44 inmobles, dos cales 15 xa están totalmente rehabilitados. Un total de 13 locais comerciais xa están dispoñibles, co obxectivo de fomentar a actividade empresarial na zona do barrio antigo, e 52 vivendas xa son habitables. Na actualidade, o CCVV traballa na execución de 9 locais comerciais e 42 vivendas, da cales 9 están iniciadas, 15 licitadas e 18 en fase de proxecto.

Facebook