O CCVV recibe 43 proxectos de novos emprendedores para instalarse nos primeiros 11 locais comerciais que oferta en réxime de aluguer

  •   Unha vez rematado o prazo de 30 días hábiles para a entrega das propostas de negocio e a documentación necesaria na oficina do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), o interese amosado para crear novos negocios ou continualos no barrio histórico co obxectivo de dinamizar a zona antiga tivo moi boa acollida.
  •  A maioría dos interesados en instalarse no Casco Vello son mozos emprendedores duns 35 anos de idade media que queren rexentar negocios relacionados co comercio, deseño gráfico, fotografía, arquitectura, hostalaría ou avogacía, entre outros.
  •  O vindeiro mes de setembro reunirase a Mesa de Contratación para resolver o concurso, valorando as propostas e finalmente adxudicando os locais comerciais en base aos criterios de selección acordados no seu momento.
  •  A delegada da Xunta e presidenta do Consorcio, Lucía Molares, valorou moi positivamente as ofertas presentadas e a “boa acollida” que tivo o concurso entre os emprendedores, sinalando que “amosa unha vez máis que Vigo é unha cidade emprendedora e que está comprometida coa recuperación do seu casco histórico”.

 Vigo, 03 de agosto de 2011.- O Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) recibiu un total de 43 proxectos de novos emprendedores interesados en instalar os seus negocios nos primeiros 11 locais comerciais rehabilitados polo organismo e que saen ao mercado en réxime de aluguer co obxectivo de continuar co proceso de recuperación integral e dinamización do casco histórico. O prazo de presentación das propostas e documentación rematou onte, cando finalizaron os 30 días hábiles dende a publicación do concurso e do prego de condicións económico-administrativas no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Ata as instalacións do CCVV -na Praza da Princesa, número 7- chegaron todo tipo de ofertas. A maioría das persoas que formalizaron a súa proposta son mozos emprendedores duns 35 anos de idade media e que queren rexentar novos negocios ou continualos na zona antiga da cidade. Así, os interesados en instalarse no Casco Vello teñen coma obxectivo abrir negocios relacionados co comercio, deseño gráfico, fotografía, hostalaría, arquitectura, artesanía ou avogacía, entre outros.

O CCVV –participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo- porá no mercado ditos locais comerciais en réxime de aluguer. O vindeiro mes de setembro, a Mesa de Contratación do organismo reunirase para resolver o concurso, co fin de examinar e valorar todas as ofertas e, finalmente, adxudicar os locais comerciais segundo os criterios de selección establecidos e acordados no seu momento.

Con todo, a delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello, Lucía Molares, valorou moi positivamente a presentación de ofertas que tivo o concurso público para sacar en aluguer os primeiros 11 locais comerciais. Así, sinalou que “esta boa acollida amosa unha vez máis que Vigo é unha cidade emprendedora e que está comprometida coa recuperación do seu casco histórico”, dixo. E seguiu: “Xa o estamos a ver co interese dos mozos e mozas vigueses por residir nas vivendas rehabilitadas polo Consorcio, e agora o estamos a comprobar cos novos emprendedores que queren ter a súa empresa no Casco Vello”, matizou.

Criterios de selección A adxudicación se fará seguindo uns criterios de selección por puntuación valorando 3 aspectos. Así, teranse en conta: 1) o plan de empresa e viabilidade do negocio, é dicir, conseguirán unha maior puntuación os proxectos de empresa que supoñan un maior investimento así coma a experiencia que teñan no sector no que se vai a desenvolver a actividade de negocio; 2) o perfil das e dos solicitantes. Terán máis puntos os que conten cun maior número de socios e socias, os que creen un maior número de empregos, as persoas que sexan vítimas de violencia de xénero e as que estean en situación de desemprego; e 3), valorarase especialmente a proposta económica, é dicir, por cada 100 euros de incremento de renda tipo fixada para o local, lograrase maior puntuación.

No caso de que se produza un empate na puntuación total obtida, discriminarase positivamente e prevalecerán aqueles proxectos que estean liderados por mulleres. Con todo, os 11 locais dispoñibles adxudicaranse por concorrencia competitiva entre as solicitudes presentadas.

Opción de compra Os contratos de alugueiro terán unha duración máxima de 5 anos, aínda que os futuros adxudicatarios contarán cunha opción de compra transcorrido un ano dende o efectivo desenvolvemento da actividade. Ademais, e atendendo aos fins que persegue o programa de alugueiro de locais, a renda dos mesmos terá unha bonificación do 50% do seu importe durante os dous primeiros anos de arrendamento, co fin de dar maiores oportunidades de negocio aos novos emprendedores na actual situación de crise económica co obxectivo último de participar no fomento do emprego e a recuperación económica. 

Características dos locais Dos 11 locais comerciais que sairán en réxime de aluguer, 5 están situados nos números 11, 18-20 e 20-24 da rúa Abeleira Menéndez; outros 2 están na rúa Cruz Verde, 5; outros 2 máis en Santiago 11-13-15-17; outro na rúa Santiago, 19 e o último na rúa Real, 25.

As súas superficies oscilan entre os 29,40 m2 e os 77,33 m2 e os prezos van dende os 120 euros e os 317 euros mensuais (sen IVE) durante os dous primeiros anos de arrendamento, mentres que, no caso de facer efectiva a opción de compra pasado un ano da posta en marcha da actividade, os prezos de compravenda irán dende os 36.300 aos 126.500 euros. 

Figura do CCVV O CCVV ten adquiridos 44 inmobles, dos cales 15 xa están totalmente rehabilitados. Un total de 13 locais comerciais xa están dispoñibles, co obxectivo de fomentar a actividade empresarial na zona do barrio antigo, e 52 vivendas xa son habitables.

Na actualidade, o CCVV traballa na execución de 9 locais comerciais e 42 vivendas, da cales 9 están iniciadas, 15 licitadas e 18 en fase de proxecto.

Facebook