O CCVV prorroga a súa actividade ata decembro de 2025

Vigo, 28 de decembro do 2021.- O Consorcio Casco Vello de Vigo ( CCVV) acaba de recibir a documentación que acredita a prórroga da súa activade ata decembro do ano 2025, de acordo coa solicitude presentada polos seus socios integrantes, Xunta de Galicia e Concello de Vigo, o pasado mes de xuño. Desde esa data os organismos responsables de ambas as institucións seguiron a tramitación da devandita solicitude, cuxa conclusión garante a continuidade no labor de rehabilitación e recuperación da zona orixinaria da cidade de Vigo que o CCVV vén desenvolvendo desde a súa creación en 2005.

Froito dese labor é a creación de máis de cento dez vivendas e 35 locais comerciais na súa área de intervención, mercé a un investimento acumulado ao longo destes anos de máis de 35 millóns de euros. O plan de actuacións e de financiamento para este período de prórroga que agora se inicia prevé un investimento de 14.500.000 euros ata 2025, que permitirán a recuperación doutros 25 edificios e a creación de 45 vivendas de Promoción Autonómica.

O Consorcio Casco Vello de Vigo foi creado inicialmente pola Xunta de Galicia -a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo-, o Concello de Vigo  e o Consorcio da Zona Franca de Vigo. Este último organismo decidiu a súa saída en 2007, asumindo a súa participación a Xunta de Galicia polo que na actualidade esta alcanza un 90 %, correspondendo o outro 10% ao Concello de Vigo.

 

Facebook